A anatexia é o proceso mediante o cal unha rocha metamórfica pasa a transformarse en magma por influencia da temperatura e da presión.
Proceso As rochas metamórficas poden estar soterradas baixo condicións de temperatura e presión abondas para provocar a fusión dunha parte dos minerais que as constitúen.
Se esta fusión é parcial, a rocha transfórmase en anatexita ou en migmatita. Se é moi importante ou incluso total, os produtos da fusión parcial poden xuntarse para formar un magma e, se este é de natureza granítica (por exemplo, se a rocha parcialmente fundida é un sedimento pelítico) obterase despois do arrefriamento un granito de anatexia.
O comezo da fusión depende de numerosos factores, especialmente do quimismo das rochas presentes, da presión total e da presenza e a cantidade de vapor de auga.
A orde da fusión das rochas é, en principio, inversa á orde da cristalización fraccionada e das series de reacción.
O destino do líquido que se forma pode ser diverso: pode permanecer canda os residuos sólidos (sen fundir), formando migmatitas ou anatexitas; pode, nalgúns casos, separarse do residuo sen fundir, pero cómpre unha gran cantidade relativa de magma (1/3); pode separarse completamente dos residuos e migrar cara á superficie, inxectarse en "diápiros" nas rochas encaixantes máis densas, pero non é quen de "dixerilas" nese traxecto, polo que a súa química non se modifica.
Anatexitas A anatexita está formada por dúas partes: o paleosoma: parte antiga non afectada pola anatexia (normalmente de material gnéisico) o neosoma: a parte nova, total ou parcialmente afectada pola fusión, que se divide en: leucosoma: rexión de grans grosos de cor clara (cuarzo, feldespato) illados do líquido recristalizado melanosoma: rexión de grans pequenos e escuros de minerais refractarios (biotita, cordierita, sillimanita) que non se fundiron. A pesar disto, o melanosoma conserva moi pouca da estrutura metamórfica da rocha inicial, ao revés do que lle ocorre ao paleosoma.
Notas
Categoría:Xeoloxía Categoría:Petroloxía Categoría:Rochas metamórficas