LDEF (acrónimo de Long Duration Exposure Facility) foi un satélite artificial estadounidense lanzado o 6 de abril de 1984 mediante o transbordador espacial Challenger durante a misión STS-41-C desde o Centro Espacial de Cabo Cañaveral.

Características LDEF foi un satélite artificial pasivo desenvolvido pola NASA para ser lanzado polos transbordadores espaciais e ser deixado libremente en órbita durante un tempo, levando a bordo gran cantidade de experimentos científicos e tecnolóxicos. LDEF foi pensado para ser recuperado nun voo posterior por outro transbordador espacial para ser devolto a terra, os seus experimentos analizados por científicos e técnicos en laboratorios terrestres e, dado o caso, volver ó espazo con outros experimentos.

A estrutura de LDEF consistía nun cilindro de aluminio de 4,3 metros de diámetro e 9,1 metros de lonxitude cunha serie de bandexas e armarios internos nos que acomodar diversos experimentos, algúns expostos directamente ó baleiro e outros pechados. A estrutura en si non dispoñía de enerxía, comunicacións nin capacidade de manobra. Cada experimento debía ser capaz de subministrar autonomamente a enerxía necesaria e as súas propias comunicacións, se as necesitaba.

LDEF estabilizábase mediante gradente gravitatorio

Historia

A única unidade LDEF construída foi lanzada ao espazo a bordo do transbordador espacial Challenger o 6 de abril de 1984 e deixado nunha órbita case circular duns 500 km de altura ao día seguinte. Levaba a bordo 57 experimentos en 86 aloxamentos, implicando a 200 investigadores principais de 33 compañías privadas, 21 universidades, sete centros da NASA, nove laboratorios do Departamento de Defensa e oito países ademais dos Estados Unidos.

A recollida de LDEF estaba prevista para o ano seguinte, pero foi posposta por razóns loxísticas. O accidente do transbordador Challenger en 1986 produciu un parón no programa de lanzamentos que fixo que LDEF permanecese en órbita 5,7 anos, máis de catro anos máis do previsto, ata a súa recollida polo transbordador espacial Columbia o 11 de xaneiro de 1990 durante a misión STS-32. Ao seu regreso a terra, os experimentos de LDEF foron enviados ós seus respectivos laboratorios. Algúns dos experimentos beneficiáronse dunha estancia máis prolongada do previsto no espazo.

Notas

Categoría:Satélites artificiais