A Revolución Belga foi un conflito que provocou secesión das provincias do Sur do Reino Unido dos Países Baixos, establecéndose o independente Reino de Bélxica.
A poboación do sur era na súa maioría católicos; preto da metade de fala francesa. Moitos liberais consideraban o reinado de Guillerme I como despótico. Había altas taxas de desemprego e un malestar crecente entre o proletariado.E.H. Kossmann, The Low Countries 1780-1940 (1978) pp 151-54
O 25 de agosto de 1830 estalaron disturbios en Bruxelas e as tendas foron saqueadas. Os espectadores dun teatro que acababan de ver unha ópera nacionalista uníronse á multitude. Os levantamentos estendéronse por outras partes do país. As fábricas foron ocupadas e as máquinas destruídas. Restaurouse a orde brevemente despois de que Guillerme enviara ás súas tropas ás provincias do sur, porén, os radicais alcanzaron o poder e comezaron a falar de secesión.Paul W. Schroeder, The Transformation of European Politics 1763-1848 (1994) pp 671-91
Entre as tropas holandesas déronse desercións en masa dos recrutas das provincias do sur, polo que tiveron que retirarse. Os Estados Xerais de Bruxelas votaron a favor da secesión e declararon a independencia. A raíz disto, congregouse o Congreso Nacional. O Rei Guillerme abstívose de realizar accións militares e fixo un chamamento ás grandes potencias europeas. Na resultante conferencia celebrada en Londres as principais potencias europeas recoñeceron a independencia de Bélxica. Tras a coroación de Leopoldo I como "Rei dos Belgas" en 1831, o Rei Guillerme fixo un tardío intento militar de reconquistar Bélxica e restablecer o seu trono a través dunha campaña militar. Esta "Campaña dos Dez Días" fracasou debido á intervención militar de Francia. Non foi ata 1839 cando os holandeses aceptaron a decisión tomada na Conferencia de Londres e a independencia belga, cousa que fixeron coa sinatura do Tratado de Londres.
Bélxica e os Países Baixos ata 1815 Historia conxunta Os territorios que comprenden o que actualmente son Países Baixos, Bélxica e Luxemburgo, a excepción da Diocese de Liexa, estiveron na Idade Media unidos cultural e politicamente e pertenceron dende os séculos XIV/XV ata o XVI aos Países Baixos borgoñóns, e máis tarde á Circunscrición de Borgoña, no Sacro Imperio Romano Xermánico. O Condado de Flandres e o Ducado de Brabante, coas súas cidades (Anveres, Bruxas, Gante, Bruxelas, Malinas e Ypres) tiveron un importante papel na rexión dos Países Baixos.
En 1464 reuníronse por primeira vez os Estados Xerais dos Países Baixos en Bruxas, e o tribunal supremo reuniuse en Malinas. Da Casa de Borgoña pasaron por herdanza á Casa de Habsburgo e experimentaron unha época dourada baixo o goberno do Emperador Carlos V, trala súa abdicación, o mando sobre os Países Baixos españois pasou ao seu fillo, Filipe II.
Historia por separado miniatura|As 17 provincias dos Países Baixos e a Diocese de Liexa (en verde), 1477. miniatura|dereita|Unión de Utrecht (azul claro), Unión de Arras (amarelo) e Diocese de Liexa (verde), 1579.
A separación produciuse durante a Reforma. En primeiro lugar foron as provincias de fala neerlandesa e boa parte do sur dos Países Baixos Alemáns captadas polo calvinismo. A continuación comezou a Guerra dos Oitenta Anos entre España e as rexións autoproclamadas protestantes. Mentres que as provincias valoas recoñeceron expresamente na Unión de Arras estar baixo a soberanía española, os territorios do norte aliáronse na Unión de Utrecht. En 1581 as provincias do norte disociáronse na República dos Sete Países Baixos Unidos, baixo control español e do Sacro Imperio.
A caída de Anveres en 1585 marcou un punto de inflexión na historia de ambos países. O sur permaneceu en España e foi convertido de novo ao catolicismo. Moitos intelectuais, artistas e comerciantes fuxiron ao norte, onde despuntaba a Idade de oro dos Países Baixos, mentres que as rexións do sur permaneceron baixo a monarquía absolutista dos Austria. Estiveron baixo o mando dun gobernador que reinaba desde Bruxelas. A guerra con España, case ininterrompida, rematou en 1648 coa Paz de Westfalia, que consolidou a separación entre norte e sur. A desembocadura do Escalda quedou na parte da Unión, o que frustrou o comercio de Anveres, xa que perdeu a comunicación directa co mar.
Durante os anos de rivalidade entre os Habsburgo e Francia, os Países Baixos Españois foron lugar habitual de guerra e no Tratado dos Pireneos (1659) e a Guerra de Devolución (1667–1668) lugares importantes, como Lille, Arras, Cambrai e o condado de Artois pasaron ao control francés. Trala Guerra de Sucesión Española e a firma do Tratado de Utrecht, os que foran ata aquel momento Países Baixos Españois foron adxudicados aos Habsburgo austríacos en 1714 e recibiron o nome de Países Baixos Austríacos.
A evolución dende a Revolución francesa miniatura|Países Baixos Austríacos e o Principado de Liexa, 1786.William R. Shepherd: The Historical Atlas, 1926. (Ver mapa completo).
En 1789, as hostilidades do Ducado de Brabante co Emperador Xosé II provocaron a Revolución de Brabante, que liderada por Hendrik van der Noot e Jan Frans Vonck, desembocou o 11 de xaneiro de 1790 na declaración de independencia dos Etats Belgiques Unis (Estados Unidos Belgas). Esta república confederada durou durante un curto período de tempo, pero foi unha expresión das pretensións de independencia que apareceron como reacción ás reformas centralistas de Xosé II. Neste contexto apareceron diferentes ideas de «nación belga», que tiñan en común o sentimento de unidade. Este sentimento non desapareceu co colapso da república e xunto con outros factores foi unha das causas da revolución de 1830. Paralelamente á Revolución de Brabante produciuse a Revolución de Liexa, influída pola Revolución francesa.
Os Países Baixos Austríacos e os do Norte foron, no contexto das Guerras Revolucionarias Francesas, ocupados en 1794 e 1795 respectivamente polas tropas revolucionarias. Despois, debido ao Tratado de Campo Formio formaron parte de Francia durante os doce anos posteriores. A longo prazo foi significativo que a pesar das protestas iniciais da burguesía contra a asimilación, se foran afrancesando cultural e lingüisticamente. Os Países Baixos do Norte formaron, trala independencia de Francia, a República Bátava (1795–1806), e despois o Reino de Holanda gobernado polo irmán de Napoleón Lois Bonaparte (1806–1810) e finalmente integrouse no estado francés. Cando se impuxo en 1810 o Bloqueo Continental contra Inglaterra desatouse unha crise económica da que os Países Baixos non se recuperaron ata que en 1813 as tropas francesas se retiraron trala Batalla de Leipzig.
Reino Unido dos Países Baixos (1815–1830) Congreso de Viena En novembro de 1813 os políticos de orientación oranxista asumiron o poder público na Haia e xa en decembro fixeron príncipe herdeiro a Guillerme I, coa condición de ter unha constitución. Antes da Batalla de Waterloo en 1815 Gran Bretaña considerou que a forma de manter a súa seguridade era mediante un equilibrio de forzas entre as potencias continentais. As outras grandes potencias, Austria, Prusia e Rusia asociáronse para crear un estado intermedio entre elas e Francia. Este estado estaba formado pola antiga República dos Sete Países Baixos Unidos, os antigos Países Baixos Austríacos (incluíndo Luxemburgo), e Liexa, que constituíron o Reino Unido dos Países Baixos. Ao mesmo tempo, os británicos compensaron aos Países Baixos con estas ganancias territoriais pola ocupación da Colonia do Cabo.
As esperanzas dos conservadores en Bélxica residían na restauración do goberno austríaco, pero como ese país non amosou, aparentemente, ningún interese, aceptaron a unión de norte e sur nuns Países Baixos unidos. Non de acordo con esta decisión, o líder conservador da Revolución de Brabante exiliado en Londres, Henri van der Noot, discutiu con representantes dos oranxistas. A unión foi aprobada no Congreso de Viena; a solución de formar un estado independente baixo o goberno dun príncipe austríaco non foi aprobado, xa que se cría que o estado resultante non tería suficiente autoridade.
Estado conxunto miniatura|O Reino Unido dos Países Baixos (1815–1830).
O novo estado no era federal, senón unitario. Isto foi un problema, xa que as tensións entre o norte e o sur apareceron en pouco tempo. Os factores principais foron relixiosos e lingüísticos, que se agravaron ao aparecer problemas económicos e ao no satisfacer as demandas liberais. O desequilibrio agravouse por mor de que as rexións do norte eran as dominantes, aínda que tiñan 2 millóns de habitantes fronte aos 3,5 do sur. A «holandización» atopouse cunha dobre resistencia: a poboación flamenga, en particular o clero, rexeitaba o calvinismo imperante no norte, mentres que a Bélxica francófona non aceptaba a imposición da lingua neerlandesa. A división entre Bélxica e Holanda estaba tan acentuada que a rebelión parecía inevitable. A situación volveuse máis tensa coa Revolución de Xullo en Francia, estendeu a inquietude da revolución a toda Europa, e especialmente aos seus veciños francófonos do norte.
O rei Guillerme I reaccionou de maneira pouco diplomática fronte á revolución. Estaba influído polas ideas conservadoras da Restauración, que predominaba tamén nos gobernantes da Confederación Xermánica, en particular nos seus parentes prusianos (a súa nai Frederica Sofía Guillermina, que até á súa morte en 1820 exerceu unha grande influencia sobre el, era irmá do rei prusiano Frederico Guillerme.
Conflito lingüístico En 1815 vivían no sur 218.000 analfabetos, pero só 23.000 no norte. Guillerme I concentrou os seus esforzos nesta materia: durante os quince anos do seu reinado, construíronse no sur 1.500 colexios, nos que se ensinaba na lingua local. En Flandres e Bruxelas ensinábase tamén en neerlandés, e na Valonia en francés. O número de estudantes de primaria nas provincias do sur pasou de 150.000 a 300.000.
Os funcionarios e burgueses francófonos reaccionaron contra a implantación do neerlandés no exército, o goberno e os colexios. Valonia non era a única rexión de distinta fala, en Flandres a burguesía falaba francés, mentres que o resto da poboación falaba o dialecto baixo fráncico. En Limburgo falábase normalmente limburgués, alemán e francés, mentres que o neerlandés só se empregaba de forma esporádica.
Infrarrepresentación Aínda que o 62% da poboación vivía no sur, só lle correspondía o 50% dos escanos do parlamento e só un de cada cinco ministros proviña desa zona. As principais institucións do estado tiñan a súa sede no norte, polo que a maioría dos funcionarios residían alí.
O continxente que tiña que achegar o sur ao exército era desproporcionadamente grande. Porén, só un de cada seis oficiais proviña do sur, a maioría dos habitantes do sur estaban nos postos máis baixos da infantaría e da cabalaría. En artillaría e enxeñaría militar, postos para os que se precisaba dunha educación especial, a proporción de oficiais belgas era aínda menor.
Oposición relixiosa No Reino Unido dos Países Baixos había 3,8 millóns de católicos (dos cales 800.000 residían no norte) e 1.2 millóns de protestantes. No sur hispánico, a relixión estatal fora durante moito tempo o catolicismo católico romano, mentres que no norte a igrexa nacional era o calvinismo. Os conservadores de ambas partes non desexaban ter dúas relixións en igualdade de condicións.
Guillerme I profesaba o luteranismo alemán da Landeskirche, na que o gobernante tamén era o dirixente da igrexa. Intentou que a igrexa católica se illara da influencia da Curia Romana, nomeou os seus propios bispos e aboliu a instrución católica libre.
miniatura|250px|dereita|Félicité de Lamennais, Retrato de L. D. Lancôme.