GLAST, acrónimo de Gamma-ray Space Telescope e máis tarde bautizado como Fermi en honor ó físico Enrico Fermi, é un telescopio espacial de raios gamma lanzado pola NASA o 11 de xuño de 2008 mediante un foguete Delta 7920H desde o Centro Espacial de Cabo Cañaveral.

Características A misión de GLAST é observar o ceo no rango de lonxitudes de onda dos raios gamma, con enerxías entre 10 keV e máis de 300 GeV.

Os obxectivos científicos principais de GLAST son estudar os contornos máis extremos do Universo, buscar sinais de novas leis físicas e comprender a composición da materia escura, estudar a aceleración ata velocidades relativistas dos chorros de materia nos buratos negros, estudar as explosións de raios gamma e outros fenómenos, como erupcións solares, púlsares e raios cósmicos.

Instrumentos

GLAST leva a bordo dous instrumentos principais:

Large Area Telescope (LAT, telescopio de grande área): estuda os raios gamma no rango de enerxía entre 20 MeV e 300 GeV. LAT está formado por unha matriz de 4 x 4 torres, cada unha cunha pantalla de anticoincidencia feita de plástico só sensible ós raios cósmicos, respaldada por 19 capas de follas de tungsteno alternándose con 19 capas de tiras de silicio, e finalmente cun calorímetro de ioduro de cesio para medir a enerxía total dos fotóns incidentes. LAT pode determinar a orixe dun raio gamma no ceo cunha precisión dun minuto de arco. GLAST Burst Monitor (GBM, monitor de explosións de GLAST): monitoriza todo o ceo en busca de explosións de raios gamma no rango de enerxías entre 10 keV e 30 MeV e con duracións de entre un milisegundo a varios minutos. O instrumento contén 12 discos de ioduro de sodio orientados cara doce direccións distintas. A dirección na que se produce a explosión dedúcese do disco que detecta a maior intensidade de fotóns, información que se usa para apuntar LAT, máis sensitivo, na dirección do evento.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Páxina de GLAST na NASA

Categoría:Observatorios espaciais