A síndrome de inmunodeficiencia adquirida ou SIDA (ou tamén sida) é a fase final da infección polo virus da inmunodeficiencia humana, polo que o proceso infeccioso completo se chama infección por VIH/SIDA ou VIH/SIDA (en inglés HIV/AIDS). Trátase dunha enfermidade do sistema inmunitario humano causada pola infección polo virus da inmunodeficiencia humana (VIH) na cal o sistema inmunitario perde a capacidade de loitar contra as infeccións. O virus ataca principalmente as células T CD4+ do sistema inmunitario (un tipo de glóbulo branco do sangue que activa e regula o sistema inmunitario). Durante o período inicial da infección, a persoa pode experimentar un breve período de síntomas parecidos aos dunha gripe. Isto vai seguido dun prolongado período sen síntomas. A medida que a enfermidade progresa, esta interfire cada vez máis co funcionamento do sistema inmunitario, facendo que a persoa sexa moito máis susceptible do normal a toda clase de infeccións, incluíndo infeccións oportunistas e tumores que xeralmente non afectan ás persoas con sistemas inmunitarios intactos. Nas fases avanzadas da infección o número de linfocitos T (ou células T) diminúe, e a OMS considera que se chega á fase de SIDA (estadio IV da infección) cando o reconto de linfocitos T CD4+ baixou a menos de 200/µL.
O VIH transmítese principalmente durante as relacións sexuais sen protección (incluído o sexo anal e oral), máis tamén a través do sangue infectado por medio de transfusións de sangue non debidamente controladas, ou por compartir agullas hipodérmicas e xiringas, como tamén de nai a fillo durante o embarazo, parto, ou lactación. Polo tanto, os fluídos corporais con suficiente concentración de virus como para poder contaxiar son o seme, fluído vaxinal, líquido preexaculatorio (ou preexaculado), sangue e leite materno. Outros fluídos corporais distintos dos mencionados, como a saliva e as bágoas, non transmiten o VIH. A prevención da infección por VIH faise principalmente por medio da práctica do "sexo seguro" (uso de preservativos) e non compartir xiringas e agullas (hai campañas públicas de entrega de xiringas dun só uso). Actualmente, non existe cura nin vacina para esta enfermidade; porén, existe un tratamento con drogas antirretrovirais, que fai moito máis lento o curso da enfermidade e proporciona unha esperanza de vida case normal. Aínda que o tratamento antirretroviral reduce o risco de morte e outras complicacións desta enfermidade, estes medicamentos son caros e levan asociados diversos efectos secundarios non desexados.
O corpo reacciona contra o virus formando anticorpos, que se poden detectar no soro sanguíneo mediante probas analíticas. As persoas que teñen eses anticorpos dise que son seropositivas ou VIH positivas. En xeral (aínda que hai excepcións), a presenza de anticorpos contra o VIH indica a presenza do VIH, polo que os seropositivos poden contaxiar a outras persoas aínda que non chegasen aínda á fase de SIDA (a cal é só a fase final da infección por VIH). Outras probas detectan o ARN ou certos antíxenos do virus.
As investigacións xenéticas sobre o virus indican que o VIH se orixinou en África central occidental a inicios do século XX. A SIDA foi recoñecida inicialmente polos Centros para o Control e Prevención de Enfermidades (CDC) en 1981 e a súa causa (a infección por VIH) foi identificada pouco despois a inicios desa década. Desde o seu descubrimento, a SIDA leva causado uns 30 millóns de mortos (ata 2009). En 2010, aproximadamente 34 millóns de persoas vivían infectadas polo VIH en todo o mundo. A SIDA considérase unha pandemia.
A SIDA tivo un grande impacto na sociedade, tanto como enfermidade coma por ser unha causa de discriminación das persoas infectadas. A enfermidade tamén ten un impacto económico moi significativo. Hai moitas concepcións erradas sobre a SIDA, como a crenza de que pode transmitirse por contactos casuais non sexuais.
Signos, síntomas e fases Existen tres estadios polos que pasa a infección por VIH: infección aguda, latencia clínica e SIDA.Mandell, Bennett, and Dolan (2010). Chapter 121.
Infección aguda miniatura|Principais síntomas da infección aguda por VIH. O período inicial que segue ao contaxio do VIH denomínase VIH agudo, VIH primario ou síndrome retroviral aguda. Moitos individuos desenvolven unha enfermidade similar á gripe ou parecida a unha mononucleose de dúas a catro semanas despois do contaxio, mentres que noutras non se observan síntomas significativos. Os síntomas aparecen no 40–90% dos casos e xeralmente inclúen febre, linfoadenopatía, farinxite, rash cutáneo, dor de cabeza, e chagas na boca ou xenitais. As erupcións cutáneas, que aparecen nun 20–50% dos casos, preséntanse no tronco e son de tipo maculopapular, clasicamente. Algunhas persoas tamén desenvolven infeccións oportunistas nesta fase. Poden aparecer tamén síntomas gastrointestinais como náuseas, vómitos ou diarrea, ou tamén síntomas neurolóxicos de neuropatía periférica ou síndrome de Guillain-Barré. A duración dos síntomas varía, pero é normalmente dunha a dúas semanas.
Debido ao seu carácter non específico, con frecuencia estes síntomas non son recoñecidos como signos dunha infección por VIH. Mesmo en casos nos que o paciente pasa recoñecemento médico pode haber un mal diagnóstico e considerarse que se trata dunha das moitas enfermidades infecciosas comúns de síntomas similares. Por iso se recomenda que se considere a posibilidade de infección por VIH en pacientes que presentan unha febre inexplicada e que estivesen expostos a factores de risco para a infección.Mandell, Bennett, and Dolan (2010). Chapter 118.
Latencia clínica Os síntomas iniciais veñen seguidos por un estadio chamado latencia clínica, VIH asintomático ou VIH crónico. Sen tratamento, este segundo estadio da infección por VIH pode durar desde tres a uns 20 anos (como media 8 anos). Aínda que o típico é que haxa moi poucos ou ningún síntoma ao principio, despois, preto do final desta fase moita xente presenta febre, perda de peso, problemas gastrointestinais e dores musculares. Entre o 50 e o 70% das persoas afectadas desenvolven linfoadenopatía xeneralizada persistente, caracterizada polo agrandamento inexplicado e non doloroso de máis dun grupo de ganglios linfáticos (distintos dos das inguas) durante de tres a seis meses.
Aínda que a maioría dos infectados por VIH-1 teñen unha carga viral detectable e en ausencia de tratamento progresarán ata a fase de SIDA, unha pequena proporción (aproximadamente o 5%) mantén niveis de células T CD4+ (linfocitos T colaboradores) sen recibiren terapia antirretroviral durante máis de 5 anos. Estes individuos son clasificados como controladores do VIH ou "non progresores a longo prazo" (LTNP, é dicir, neles a enfermidade non progresa normalmente). Outro grupo é o dos que tamén manteñen unha carga viral baixa ou indetectable sen tratamento antirretroviral, que se denominan "controladores elite" ou "supresores elite". Representan aproximadamente a 1 de cada 300 persoas infectadas.
Síndrome de inmunodeficiencia adquirida (SIDA) miniatura|275px|Principais síntomas da SIDA.
A síndrome de inmunodeficiencia adquirida (SIDA) defínese en termos de recontos de células T CD4+ por debaixo de 200 células por µL ou pola aparición de enfermidades específicas en asociación coa infección por VIH. En ausencia dun tratamento específico, arredor da metade das persoas infectadas polo VIH desenvolven a SIDA en dez anos. As condicións iniciais máis comúns que alertan da chegada á fase de SIDA son a pneumonía pneumocística (40%), caquexia (20%) e candidíase esofáxica. Outros signos comúns son as infeccións do tracto respiratorio recorrentes.
As infeccións oportunistas poden estar causadas por bacterias, virus, fungos e parasitos que serían normalmente controlados polo sistema inmune. As infeccións concretas que aparecen dependen en parte dos organismos que son comúns no ambiente do paciente. Estas infeccións poden afectar a case calquera órgano do corpo.
As persoas con SIDA teñen un maior risco de desenvolver varios cancros inducidos por virus, como: sarcoma de Kaposi, linfoma de Burkitt, linfoma de sistema nervioso central primario, e cancro cervical. O sarcoma de Kaposi é o cancro máis común e aparece no 10 a 20% das persoas co VIH.Mandell, Bennett, and Dolan (2010). Chapter 169. O segundo cancro máis común é o linfoma, que é a causa da morte de case o 16% da xente con SIDA e é o signo inicial da SIDA nun 3 a 4%. Ambos os cancros están asociados co herpervirus humano 8. O cancro cervical (de cérvix uterino) dáse máis frecuentemente nas persoas con SIDA debido á súa asociación co papilomavirus humano (HPV).
Ademais, as persoas con SIDA teñen frecuentemente síntomas sistémicos como febres prolongadas, suoración (especialmente de noite), ganglios linfáticos inchados, calafríos, debilidade, e perda de peso. A diarrea é outro síntoma común presente en case o 90% das persoas con SIDA. Tamén poden estar afectados por diversos síntomas psiquiátricos e neurolóxicos independentes de infeccións oportunistas ou cancros.
Transmisión
O VIH transmítese por tres vías principais: contacto sexual, exposición a fluídos ou tecidos corporais infectados, e de nai a fillo durante o embarazo, parto ou lactación (o que se chama transmisión vertical). Non hai risco de contaxiarse co VIH con feces, secrecións nasais, saliva, esputos, suor, bágoas, urina, ou vómitos a non ser que estean contaminados con sangue. É posible ser coinfectado por máis dunha cepa de VIH, o que se denomina superinfección por VIH.
Vía sexual Os fluídos sexuais (seme, fluídos vaxinais, líquido preexaculatorio) infectados conteñen cantidades suficientes de virus como para causar infección e durante as prácticas sexuais pode haber exposición ao sangue, polo que o virus se pode transmitir nas relacións sexuais. De feito, o xeito máis frecuente de transmisión do VIH é por medio dun contacto sexual cunha persoa infectada. A maioría dos contaxios ocorren nos contactos heterosexuais (é dicir, entre persoas de distinto sexo); porén, o patrón de transmisión varía significativamente entre os países. Nos Estados Unidos de América, en 2009, a maioría das transmisións por vía sexual foron entre homes que tiveran sexo con outros homes, e esta poboación supón o 64% de todos os novos casos. Pero noutros países, como os de África a maioría son transmisións heterosexuais.
En canto aos contactos heterosexuais sen protección, estímase que o risco de transmisión do VIH por acto sexual é catro veces maior nos países con baixa renda per cápita que nos máis desenvolvidos. Nos países pobres, o risco de transmisión de muller a home estímase do 0,38% por acto, e de home a muller é de 0,30% por acto; os datos equivalentes estimados para os países con maior renda son 0,04% por acto de muller a home, e 0,08% por acto de home a muller. O risco de transmisión no sexo anal é especialmente alto, estimado en 1,4-1,7% por acto tanto nos contactos heterosexuais coma nos homosexuais. Aínda que o risco de transmisión por medio de sexo oral é relativamente baixo, tamén existe. O risco de recibir sexo oral foi descrito como "case nulo" pero informouse dalgúns casos. O risco por acto estimado é de 0-0,04% nun acto de sexo oral receptivo. Nos casos en que está implicada a prostitución nos países con baixos ingresos, o risco de transmisión de muller a home calculouse en 2,4% por acto e de home a muller en 0,05% por acto.
O risco de transmisión increméntase en presenza de moitas infeccións de transmisión sexual e de úlceras xenitais. As úlceras xenitais parecen incrementar o risco en aproximadamente cinco veces. Outras infeccións transmitidas sexualmente, como a gonorrea, infección por clamidias, tricomoníase, e vaxinose bacteriana, están asociadas cun aumento do risco de transmisión un pouco menor.