Jorge Peteiro Vázquez, nado na Coruña en 1959 e finado en Sada o 20 de febreiro de 2013, foi un pintor e escultor galego.
Traxectoria
Estudou o bacharelato no colexio dos Xesuítas da Coruña. Entre os anos 1973 e 1977 participou na creación do grupo de teatro independente Teodam, na elaboración dos primeiros fanzines da cidade e na realización de representacións, e pintou os seus primeiros murais. En 1977 matriculouse na Facultade de Psicoloxía e Empresariais de Universidade de Santiago de Compostela. En 1979 trasladouse a Valencia, onde ingresou na Escola de Belas Artes de San Carlos para licenciarse na especialidade de Gravado. Jorge Peteiro exerceu como profesor de Debuxo en institutos públicos entre 1985 e 1990, nas localidades galegas de Ortigueira, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Cambados e Betanzos. Durante este período investigou e asentou as bases da súa teoría sobre a cor e o obxectivo da pintura. En 1990 trasladouse a Nova York para pintar e tomar contacto coas últimas tendencias do mundo da arte. Alí coincidiu con grupos e artistas cos que estableceu lazos artísticos, como co escultor galego Francisco Leiro, co pintor David Salle e co polifacético Julian Schnabel.
A partir de 1992 instalouse na Coruña e presentou ó público a evolución do seu propio estilo. Sen enmarcarse en ningún movemento artístico, retomou o contacto e a amizade cos pintores galegos Laxeiro, Alfonso Abelenda e Xaime Cabanas, cos que realizou varias exposicións. Coa súa compañeira, a pintora e escultora Beatriz García Trillo, realizou varios proxectos artísticos e creou un espazo arquitectónico deseñando a súa casa-estudio de arte, en Sada, A Coruña.
Peteiro dedicouse de forma intensa e exhaustiva á pintura e á escultura; a súa obra e as súas máis de 40 exposicións teñen unha marcada proxección e o recoñecemento de coleccións privadas e particulares, de museos e institucións. A súa obra foi incluída en numerosas exposicións colectivas, co que se converteu nun dos referentes da pintura galega.
Faleceu o 20 de febreiro de 2013, vítima dun cancro.
Obra
Do seu paso e experiencia mediterránea trouxo a súa luz e os coñecementos artísticos. Co seu regreso a Galicia, sintonizou a forza vital dos seus admirados impresionistas coas tendencias dos anos 80, o neoexpresionismo e o atlántico. A gama de cores que utilizou vai dende os marróns, os terra, até os verdes, brancos ou violetas e, a chispazos, as cores primarias, coas que desenvolveu finalmente a súa paleta; con todas elas mantivo esa tensión na procura da súa visión persoal. O festival de cor e a luz foron a base principal das súas obras, a súa linguaxe, o seu estilo e a súa identidade.
As súas primeiras obras foron retratos e unha serie de paisaxes que denomina "Envolventes"; estas obras foron realizadas cunha técnica espiral-elipsoide, onde o espectador é conducido ou inducido a observar o punto central do cadro, para así conseguir a sensación de ser envolto pola obra e ver a dimensión do cadro.
A finais dos oitenta comezou a desenvolver unha etapa de rachadura, onde a investigación e o desenvolvemento de novas propostas. Nestes anos comezou a experimentar coa madeira, como soporte ou textura das obras, e cos pigmentos, como novas mesturas de cores. Propuxo o maximalismo como concepto recorrente. Nestas obras emerxeu a súa linguaxe pictórica; co seu propio alfabeto e unha nova iconografía. Un estilo único e recoñecible coma o seu.
Os críticos e observadores sentíronse atraídos pola súa pintura e resultoulles difícil encadrala dentro dos movementos artísticos. Nos comentarios á súa obra, resaltan a súa complexa simplicidade, a aparente ausencia de perspectiva en favor da xustaposición dos elementos do cadro, e o dominio dunha moi persoal e hipnótica paleta de cores, e, sobre todo, enxalzan a capacidade da súa pintura para transmitir frescura, optimismo e unha madura ledicia.
Os anos noventa foron os da consolidación, do dominio da técnica e dunha gran soltura plástica. A súa pintura comezou a triunfar fóra dos circuítos oficiais e das galerías de arte. O público e os coleccionistas catapultárono ó éxito. Peteiro, consciente deste diálogo co público e da popularidade das súas obras, espremeu ó máximo a súa creatividade e a capacidade de produción artística, realizando importantes series pictóricas, esculturas, murais e de obra gráfica.
Peteiro entendeu a escultura como o feito de traballar dende unha fantástica cuarta dimensión, como se se tratase dunha realidade cotiá, para dende alí revisar ou chegar de novo ós seus elementos formais. A escultura non a entendeu sen cor, non tivo intención de integrala na paisaxe, senón que resalte, que se converta nunha icona discordante.
A obra gráfica, sobre todo a serigrafía, está pensada como unha peza independente para, en clave desta técnica, conseguir facerse aínda máis accesible, máis próximo ó seu público. Consciente desta responsabilidade, sempre controlou moi de preto a calidade formal, estética e técnica de cada unha das súas serigrafías.
Peteiro converteu a pintura nun calidoscopio, cheo de imaxes construídas coa combinatoria da cor. A súa linguaxe gañou en impacto visual, en singularidade e en proximidade. A súa pintura viuse reforzada grazas a unha sutil evolución, mantendo unha grande atención polos murais e pola paisaxe, como expresión total do seu concepto vital e optimista da arte. Na súa derradeira etapa retomou os retratos, cunha excepcional selección de personaxes.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do artista en culturagalega.info Ficha do autor en Afundación Fundación María José Jove De Maravilla
Categoría:Nados en 1959 Categoría:Finados en 2013 Categoría:Nados na Coruña Categoría:Pintores de Galicia do século XX Categoría:Pintores de Galicia do século XXI Categoría:Escultores de Galicia Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes