A lingua inglesa ou inglés () é unha lingua indoeuropea da subfamilia das linguas xermánicas occidentais que xurdiu na Inglaterra anglosaxoa e que arestora é unha lingua franca a nivel global. Recibe o seu nome dos anglos, unha das tribos xermánicas que migraron cara a Inglaterra, e cuxo nome deriva da península de Angeln, no mar Báltico. Está estreitamente relacionado coas linguas frisoas, malia que o seu vocabulario foi incluído significativamente por outras linguas xermánicas a comezos da Idade Media, e posteriormente polas linguas románicas, particularmente o francés. O inglés é a lingua oficial ou unha das linguas oficiais de case 60 estados soberanos. É a lingua máis falada no Reino Unido, nos Estados Unidos, no Canadá, en Australia, Irlanda e Nova Zelandia e está moi estendida nalgunhas áreas do Caribe, África e sur de Asia. É a terceira lingua nativa máis falada do mundo, despois do mandarín e do castelán. É tamén a segunda lingua máis aprendida e lingua oficial da Nacións Unidas, da Unión Europea, e de moitas outras organizacións mundiais e rexionais. É a lingua xermánica máis falada, representando polo menos o 70% dos falantes desta póla da familia indoeuropea.

O inglés desenvolveuse ó longo de máis de 1 400 anos. As formas máis antigas do inglés, unha serie de dialectos anglofrisóns, chegaron a Gran Bretaña polos colonos anglosaxóns no século V, son chamadas inglés antigo. O inglés medio desenvolveuse no século XI coa conquista normanda de Inglaterra, nun período no que a lingua foi influída polo francés. O inglés moderno comezou a finais do século XV coa introdución da imprenta en Londres, a Biblia do Rei Xacobe e o comezo da Gran mudanza vocálica. A través da influencia mundial do Imperio Británico, o inglés moderno espallouse por todo o globo dende o século XVII até a metade do século XX. A través dos diversos medios impresos e electrónicos, así como o xurdimento dos Estados Unidos como superpotencia mundial, o inglés converteuse na lingua principal das relacións internacionais e a lingua franca en moitas rexións e en contextos profesionais como a ciencia, a navegación e a lei.

O inglés moderno ten pouca flexión en comparanza con outras linguas, e susténtase moito en verbos auxiliares e na orde de palabras para a expresión de tempos complexos, aspectos e modo, así como de construcións pasivas, interrogativas e algunhas negacións. Malia as notables variacións dos acentos e dialectos do inglés empregados en diferentes rexións e países – en termos de fonética e fonoloxía, e ás veces en vocabulario, gramática e deletreo – os falantes de inglés en todo o mundo son quen de comunicarse cos outros con relativa facilidade.

Clasificación miniatura|upright=1.5|esquerda|Árbore filoxenética amosando as relacións entre as linguas da póla occidental das linguas xermánicas. miniatura|dereita|As linguas xermánicas en Europa. miniatura|upright=0.5|dereita|"EN" é o código de lingua común para o inglés (segundo o estándar ISO 639-1).

O inglés é unha lingua indoeuropea, e pertence ó grupo occidental das linguas xermánicas. As máis achegadas ó inglés son as frisoas, e xuntos forman o subgrupo anglofrisón das linguas xermánicas. O saxón antigo e o seu descendente o baixo alemán tamén están moi relacionados, e ás veces o baixo alemán, o inglés e o frisón son agrupados xuntos como linguas ingvaeónicas ou linguas xermánicas do mar do Norte. O inglés moderno descende do inglés medio, que á súa vez descende do inglés antigo. Algúns dialectos do inglés antigo e medio tamén se desenvolveron nun número de linguas ánglicas, incluíndo o escocés e os extintos fingalés e yola falados en Irlanda.

O inglés clasifícase como unha lingua xermánica porque comparte elementos novos (diferentes doutras linguas indoeuropeas) con outras linguas xermánicas como o neerlandés, o alemán ou o sueco. Estes elementos innovadores amosan que estas linguas descenden dun mesmo antepasado común, que os lingüistas chaman protoxermánico. Algúns elementos comúns das linguas xermánicas son o uso de verbos modais, a división dos verbos en fortes ou febles, e os cambios de son que afectan ás consoantes protoindoeuropeas, coñecidos como Lei de Grimm e de Verner. Segundo a lei de Grimm, a palabra foot (pé) comeza con nas linguas xermánicas, pero o seu cognado noutras linguas indoeuropeas comeza con . O inglés clasifícase como lingua anglofrisoa porque comparten características comúns, como a palatalización de consoantes que eran velares no protoxermánico. Inglés sing, sang, sung; neerlandés zingen, zong, gezongen; alemán singen, sang, gesungen (verbo forte) Inglés laugh, laughed; neerlandés e alemán lachen, lachte (verbo feble) Inglés foot, neerlandés voet, alemán Fuß, noruegués e sueco fot (inicial derivada do protoindoeuropeo *p segundo a lei de Grimm). Latín pes, ped-; grego moderno πόδι pódi; ruso под pod; sánscrito पद् pád (orixinal protoindoeuropeo *p) Inglés cheese, frisón tsiis (ch e ts por palatalización) Alemán Käse e neerlandés kaas (k sen palatalización)

O inglés, ó igual que outras linguas xermánicas insulares como o islandés e o feroés, desenvolveuse independentemente das lingas xermánicas continentais e as súas influencias. O inglés non é mutuamente intelixible con ningunha lingua xermánica continental, diferindo en vocabulario, sintaxe e fonoloxía, malia que algunhas, como o neerlandés, teñen fortes afinidades co inglés, especialmente nas fases iniciais.

Debido a que o inglés cambiou considerablemente ó longo da súa historia por mor do contacto con outras linguas, en especial nórdico antigo e o normando francés, algúns estudosos sinalaron que o inglés pode considerarse unha lingua mesturada ou unha lingua crioula – unha teoría chamada hipótese do inglés medio crioulo. Malia o alto grao de influencia doutras linguas no seu vocabulario e gramática do inglés moderno é moi coñecido, moitos especialistas en contacto das linguas non consideran ó inglés como unha verdadeira lingua mesturada.

Historia

Do protoxermánico ó inglés antigo

miniatura|upright|O poema épico en inglés antigo Beowulf, escrito a man en escrita medio uncial:.

A forma máis antiga do inglés é chamada inglés antigo ou anglosaxón (c. 550–1066). O inglés antigo desenvolveuse a partir dunha serie de dialectos xermánicos do mar do Norte orixinalmente falados ó longo da costa de Frisia, Baixa Saxonia, Xutlandia e o sur de Suecia polas tribos xermánicas coñecidas como anglos, saxóns e xutos. No século V, os anglosaxóns asentáronse en Gran Bretaña, e os romanos abandonaron Britania. No século VII, a lingua xermánica dos anglosaxóns converteuse na dominante en Britania, substituíndo ás linguas da Britania romana (43–409): as linguas britónicas, de orixe celta, e o latín, levado a Britania pola ocupación romana. Inglaterra e inglés (orixinalmente Englaland e englisc) reciben o seu nome polos anglos.

O inglés antigo estaba dividido en catro dialectos: dous dialectos anglos, o de Mercia e Northumbria, e dous dialectos saxóns, o de Kent e Wessex. A través das reformas educativas de Alfredo o Grande no século IX e a influencia do reino de Wessex, o dialecto saxón occidental converteuse no variedade escrita estándar. O poema épico Beowulf está escrito en saxón occidental, e o poema máis antigo en inglés, Cædmon's Hymn, está escrito no dialecto de Northumbria. O inglés moderno desenvolveuse principalmente do dialecto de Mercia, pero a lingua escocesa desenvolveuse do de Northumbria. Unhas poucas inscricións curtas do período máis antigo do inglés foron escritas empregando escrita rúnica. No século VI, foi adoptado o alfabeto latino, escrito coa grafía medio uncial. Inclúe as letras rúnicas wynn ƿ e thorn þ, e as letras latinas modificadas eth ð, e ash æ.

O inglés antigo é moi diferente do inglés medio e é moi difícil de entender para os falantes de inglés do século XXI. A súa gramática era semellante á do moderno alemán, e o seu parente máis achegado era o frisón antigo. Os nomes, adxectivos, pronomes e verbos tiñan moitas máis formas terminacións flexivas, e a orde das palabras era moito máis libre que a do inglés moderno. O inglés moderno ten formas de caso nos pronomes (he, him, his) e poucas terminacións verbais (I have, he has), pero o inglés antigo tiña formas de caso nos nomes, e os verbos tiñan máis terminacións de persoa e número.

A tradución de Mateu 8:20 do ano 1000 amosa exemplos de terminacións de caso (nominativo plural, acusativo plural e xenitivo singular) e de verbo (presente plural): Foxas habbað holu and heofonan fuglas nest Fox-as habb-að hol-u and heofon-an fugl-as nest-∅ fox-NOM.PL have-PRS.PL hole-ACC.PL and heaven-XEN.SG bird-NOM.PL nest-ACC.PL "Foxes have holes and the birds of heaven nests" "Os raposos teñen buratos e os paxaros do ceo, niños" (tradución ó galego)

Inglés medio

No período que vai dende o século XVIII até o XII, o inglés antigo transformouse gradualmente en inglés medio a través do contacto lingüístico. A orixe do inglés medio é definida a miúdo arbitrariamente co comezo da conquista de Inglaterra por Guillerme o Conquistador en 1066, mais desenvolveuse no período entre os anos 1200–1450.

Primeiro, as ondas de colonizadores nórdicos que chegaron ó norte das Illas Británicas nos séculos VIII e IX puxeron ó inglés antigo nun contacto intenso co nórdico antigo, unha xermánica do norte. A influencia do nórdico foi forte nas variedades do inglés antigo faladas na área de Danelaw arredor de York, que foi o centro da colonización nórdica; hoxe eses trazos están particularmente presentes no escocés e inglés do norte. Porén, o centro do inglés nórdico semellan ter sido as terras interiores arredor do Reino de Lindsey, e despois do ano 920, cando Lindsey foi reincorporado á política anglosaxoa, os trazos do nórdico espalláronse as variedades do inglés que non tiveran un contacto intenso cos falantes nórdicos. Algúns elementos da influencia nórdica que persisten en tódalas variedades do inglés moderno son os pronomes que comezan por th- (they, them, their) que substituíron os pronomes anglosaxóns con h- (hie, him, hera).

Coa conquista normanda de Inglaterra en 1066, o inglés antigo con trazos nórdicos foi suxeito do contacto co normando antigo, unha lingua románica estreitamente relacionada co francés moderno. A lingua normanda en Inglaterra evolucionou eventualmente no anglonormando. Como o normando era falado principalmente polas elites e os nobres, mentres que as clases baixas continuaron falando anglosaxón, a influencia do normando consistiu na introdución dun gran número de préstamos relacionados coa política, coa lexislación e os dominios sociais de prestixio. O inglés medio simplificou amplamente o sistema de inflexión, probablemente para conciliar o nórdico antigo co inglés antigo, que tiñan inflexións diferentes pero morfoloxías semellantes. A distinción entre os casos nominativo e acusativo perdeuse agás nos pronomes persoais, o caso instrumental desapareceu e o uso do caso xenitivo foi limitado a describir posesión. O sistema de inflexión regulou moitas formas inflexionais irregulares, e gradualmente simplificou o sistema de acordo, facendo a orde das palabras menos flexible. Na Biblia de Wycliffe de 1380, a pasaxe de Mateu 8:20 foi escrito así:

Foxis han dennes, and briddis of heuene han nestis

Aquí o sufixo plural -n no verbo have aínda se conserva, pero ningunha das terminacións dos casos sobre os substantivos está presente.

No século XII, o inglés medio estaba completamente desenvolvido, integrando trazos nórdicos e normandos; continuou a ser falado até a transición ó inglés moderno arredor do 1500. A literatura en inglés medio inclúe Os contos de Canterbury de Geoffrey Chaucer e Le Morte d'Arthur de Thomas Malory. No período do inglés medio proliferou o uso de dialectos rexionais e os trazos dialectais foron utilizados como efectos por autores tales como Chaucer.

Inglés moderno temperán