EXOS B (Exospheric Satellite B), tamén denominado Jikiken, foi un satélite artificial xaponés lanzado o 16 de setembro de 1978 mediante un foguete M-3H desde o Centro Espacial de Kagoshima.
Características EXOS B, xunto con EXOS A (Kyokko), foi unha contribución xaponesa ao Estudo Magnetosférico Internacional (IMS polas súas siglas en inglés). A súa misión foi estudar os mecanismos da interacción entre campos e partículas e a turbulencia do plasma na ionosfera e magnetosfera terrestres. O satélite tiña forma de poliedro de doce caras, con dúas antenas de tipo dipolo, de 103 e 69,6 m de lonxitude. Dispoñía tamén dun mastro de 1 m de lonxitude en cuxo extremo se aloxaba o magnetómetro. A alimentación eléctrica era proporcionada por células solares que producían ata 30 vatios de potencia, co apoio dunha batería. A nave estabilizábase mediante xiro, cunh velocidade inicial de 150 r.p.m., que baixou a 3 r.p.m. tralo despregue das antenas. O control de actitude realizábase grazas a un sensor solar cunha precisión de 0,5 graos. Os datos enviábanse en tempo real, excepto os datos de enxeñería do satélite e os datos de plasma, que se gardaban nunha memoria de 10 Kbyte.
EXOS B deixou de operar en 1985. Entre os resultados científicos obtidos polo satélite, está a observación e descubrimento do mecanismo de produción das ondas de radio aurorais de lonxitude de onda quilométrica e a formación de ondas de plasma. Ademais contribuíu a desvelar a maneira en que ondas e partículas interaccionan na magnetosfera.
Instrumentos EXOS B levaba a bordo os seguintes instrumentos:
Ondas de plasma estimuladas (SPW). Ondas de plasma naturais (NPW). Propagación Doppler en VLF (DPL). Impedancia e campo eléctrico (IEF). Magnetómetro de porta de fluxo (MGF). Espectro da enerxía das partículas (ESP). Emisión controladas de feixes de electróns (CBE).
Notas
Véxase tamén Outros artigos EXOS (satélites) EXOS A EXOS C EXOS D
Categoría:Satélites EXOS