Explorer 15, tamén denominado EPE-C, foi un satélite artificial estadounidense lanzado o 27 de outubro de 1962 mediante un foguete Delta A desde Cabo Cañaveral.
Características Explorer 15 foi o terceiro membro do modelo de satélites EPE (Energetic Particles Explorer). Foi adicado a facer observacións dos efectos da proba nuclear Starfish Prime no espazo e do cinto de radiación artificial que se creou a causa dela.
Explorer 15 usou os instrumentos científicos suplentes de Explorer 14, modificados para a súa nova misión. Entre eles incluíanse tres detectores de partículas para o estudo de electróns e protóns e un magnetómetro de porta de fluxo de dous eixos para o estudo do campo magnético. O satélite usaba un telémetro de 16 canais con multiplexación por división de tempo cunha velocidade de mostraxe de 0,324 s. Oito dos canais usábanse para procesar información de xeito dixital, e os outros oito para facelo analoxicamente. Explorer 15 estabilizábase mediante xiro, usando un sensor solar para medir a velocidade de rotación e a fase. Tras o lanzamento o satélite non conseguiu diminuír a súa velocidade de rotación inicial, co que se mantivo entre 72,9 e 73,2 r.p.m. durante todo o tempo da misión. As velocidades de rotación típicas dos seus antecesores rondaban as 30 r.p.m. O eixo de rotación apuntaba a unha ascensión recta de 80,97 graos e unha declinación de 20,9 graos.
Instrumentos Explorer 15 levaba os seguintes instrumentos a bordo:
Detectores de estado sólido para electróns e protóns. Detector de distribución angular. Detector de centeleo de protóns-electróns. Magnetómetros de porta de fluxo. Detector direccional e omnidireccional de protóns e electróns enerxéticos.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Outros artigos Explorer 12 Explorer 14 Explorer 26
Categoría:Energetic Particles Explorer