En literatura, o cronotopo (do grego kronos = tempo + topos = espazo, lugar) é a conexión das relacións temporais e espaciais asimiladas artisticamente. Esta definición foi dada polo filósofo e lingüista ruso Mikhail Bakhtin no seu ensaio Формы времени и хронотопа в романе ("As formas do tempo e do cronotopo na novela", de 1937), sendo o termo ruso Хронотоп.

O cronotopo está relacionado co sistema espazo-tempo, indisoluble e de carácter formal expresivo. É un discorrer do tempo -cuarta dimensión-, densificado no espazo, e deste naquel, onde ambos os dous se intersecan e se volven visibles para a persoa lectora e son apreciables desde o punto de vista estético. Nun mesmo relato poden coexistir distintos cronotopos que se articulan e relacionan na trama textual, creando unha atmosfera especial e un determinado efecto.

Definición Mikhail Bakhtin, analista da narrativa de Fiódor Dostoievski, creou a categoría de análise chamada "Cronotopo", rexeitando a idea kantiana de que os a priori espazo e tempo son inherentes á conciencia do suxeito. Concorda con Kant en que son categorías (e que sen elas non se pode coñecer o mundo), pero considera que constitúen entidades cuxa existencia é independente da conciencia. Para Bakhtin, as nocións de espazo e tempo son xeradas pola materialidade do mundo, e mesmo poden ser obxectivables para a súa análise.

A noción de "cronotopo" que Bakhtin extrapola da física expresa o carácter indisoluble do espazo e o tempo, que, concibidos en relación co movemento e a materia, configúranse como as súas propiedades, e, así, o tempo pode ser unha coordenada espacial: a cuarta dimensión do espazo.

Variedades Bakhtin estuda principalmente os cronotopos das diversas variantes da novela europea, e estabelece diferentes tipoloxías. No cronotopo do encontro predomina o elemento temporal, e está ligado ao cronotopo do camiño, sendo este un lugar de preferencia dos encontros, podendo atoparse de forma casual representantes de todos os niveis e estratos sociais, relixións ou nacionalidades. Desempeña un importante papel temático na historia da novela como punto privilexiado de entrelazamento dos acontecementos, dende a novela bizantina ou grega á novela cabaleiresca, a novela picaresca, ou a novela histórica rusa.

O cronotopo do castelo aparece a finais do século XVIII en Inglaterra na novela gótica, e algo máis tarde na novela histórica. É este un espazo impregnado do tempo do pasado histórico.

O cronotopo do salón-recibidor aparece na novela realista con Honoré de Balzac e Stendhal, como lugar de intersección das series espaciais e temporais da novela. No salón-recibidor teñen lugar os encontros, mais xa non dun modo casual, e xéranse os nós argumentais e os desenlaces da novela. Destaca a combinación do eido histórico e público co eido do particular e do privado.

Na literatura galega podería falarse de cronotopo do pazo na literatura de Ramón Otero Pedrayo (aparecendo tamén en lingua castelá nalgunha obra de Torrente Ballester como Filomeno, a mi pesar), espazo definido por unha unidade con entidade cultural e temporal singulares. O cronotopo da lareira define un lugar de encontro con posibilidades de apertura cara ao fantástico.

Véxase tamén Ligazóns externas Cronotopo, definición no Dicionario de termos literarios do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Categoría:Retórica e figuras da lingua