300px|miniatura|Palacio de María Pita, sede da casa do concello da Coruña, onde se celebrou o Consello de Ministros que aprobou o Plan Galicia.

O Plan Galicia foi un conxunto de medidas económicas aprobadas polo Consello de Ministros o 23 de xaneiro de 2003, co obxectivo de paliar as consecuencias da catástrofe provocada polo naufraxio do Prestige o 19 de novembro de 2002.

A cantidade orzada, 12.459 millóns de euros, representaba case o dobre do orzamento anual da Xunta de Galicia (tamén o dobre do investimento estatal na Expo'92 en Sevilla e dez veces máis có da Olimpíada de Barcelona La Voz de Galicia, 25.01.2003.).

O Plan Galicia presentouse como complementario do aprobado días antes pola Xunta, por un valor de 1.663 millóns de euros.

Obxectivos do Plan Galicia A fin de recuperar a economía galega tralo duro golpe que supuxo a marea negra tanto nos sectores económicos directamente relacionados co mar (pesca e marisqueo) como naqueles relacionados indirectamente pero que tamén se viron prexudicadas trala catástrofe, o goberno de Aznar celebrou na Coruña un Consello de Ministros extraordinario onde se aprobou un ambicioso conxunto de axudas e posta en marcha de diferentes iniciativas coas que se pretendía superar as consecuencias medioambientais, sociais e económicas derivadas do Prestige. As distintas medidas aprobadas incluían as axudas directas ós sectores afectados polo cesamento da actividade.

Os seus obxectivos eran: Rexeneración medioambiental das zonas afectadas. Promover o reequilibrio e a cohesión territorial a través de novas infraestruturas que sirvan para potenciar o desenvolvemento económico de Galicia. Potenciar o investimento produtivo en Galicia. Diversificación sectorial da actividade económica, promovendo o desenvolvemento de novos sectores. Potenciar a imaxe de Galicia.

Estruturouse en 13 sectores e comprendía diferentes actuacións, entre as que se poden citar: 1.000 millóns para a rexeneración da costa (500 para actuacións no mar É dicir, o pago ós buques anticontaminación que operaron no mar e ós mariñeiros que recolleron o fuel, pero non contempla o gasto da recuperación do fuel que quedaba no pecio, cuxo importe se descoñecía nese momento., 350 para a rexeneración do litoral, 75 para o Parque Nacional das Illas Atlánticas e outros 75 para outros proxectos). 676 millóns para autovías interiores (Pontevedra-A Cañiza e Chantada-Monforte). 2.946 millóns para novas liñas de trens de Alta Velocidade (Corredor ferroviario do Cantábrico Ferrol-Bilbao, conexión Ponferrada-Monforte e o tramo Lugo-A Coruña). Porto exterior da Coruña. Liña de préstamos brandos ICO (Instituto de Crédito Oficial) a interese cero ou baixo interese, para reparar ou repoñer as instalacións danadas ou para o financiamento de novos investimentos. Programas de incentivos rexionais e de desenvolvemento rural. Posta en marcha de novos parques e polígonos industriais nas zonas afectadas. Construción dun buque de investigación oceanográfica. Axuda a programas de investigación en materia de prevención e loita contra a contaminación mariña. Facilitar o acceso a Internet nas escolas, nas bibliotecas e no rural. Aumentar as axudas á educación (bolsas de estudos pre e posdoutorais) e ás universidades para formación e investigación e material e infraestruturas relacionadas coa investigación medioambiental. Campaña de promoción nacional e internacional da imaxe dos produtos galegos, particularmente os relacionados co mar. Axudas fiscais para as actividades económicas desenvolvidas nas áreas afectadas. Plan de excelencia e dinamización nas zonas afectadas (Costa da Morte, O Salnés e Ribadeo), incluído un Parador na Costa da Morte. Desenvolvemento de campañas de promoción nacional e internacional de Galicia como destino turístico. Prioridade a Galicia para a organización de congresos e eventos públicos organizados pola Administración durante 2003.

Reaccións políticas A principal crítica formulada polas forzas políticas da oposición foi a ausencia de prazos temporais, que convertían o Plan nunha declaración de boas intencións e mera propaganda do Goberno. Nestas condicións resulta imposible valorar o grao de cumprimento ó longo dos anos O parador prometido en Muxía construiuse, efectivamente, pero ó cabo de 20 anos, e foi inaugurado no 2022 ("El parador de Muxía se inaugura oficialmente 28 meses despues de su apertura al público", en La Voz de Galicia, 23.10.2022)..

Por outra banda, só o 40% do Plan correspondía a novas actuacións mentres que o 60% restante recollía iniciativas previstas -e orzadas- xa antes da catástrofe, que agora se presentaban como novidades. Así, por exemplo, a autovía Pontevedra-A Cañiza xa fora prometida polo PP dez anos antes.

O Consello de Ministros no que se aprobou celebrouse no Palacio de María Pita, casa do concello da Coruña. Entre o público asistente á roda de prensa subseguinte estiveron presentes Fraga, Paco Vázquez (alcalde da Coruña) e Martín Villa (nomeado días antes Comisionado do Goberno para a catástrofe do Prestige).

Paco Vázquez, que ademais de actuar como anfitrión dos ministros se sentou con eles na roda de prensa e posou para a foto de familia do gabinete, declarouse orgulloso e honrado pola celebración do Consello na cidade e loubou as conclusións. Na mesma rolda de prensa, Aznar anunciou a concesión da Gran Cruz das Orde de Isabel la Católica ó alcalde, agradecéndolle a súa hospitalidade

Beiras, portavoz do BNG, asegurou que o plan era "unha tomadura de pelo" e que "O PP pensa que pode comprar ós galegos".

Fronte ó Palacio, un grupo de manifestantes convocado por Nunca Máis 1.000 segundo a Policía nacional, 3.500 segundo a policía municipal, 7.000 segundo os organizadores (La voz de Galicia, 25.01.2003). expresou a repulsa contra o Goberno e contra o propio Paco Vázquez e intentaron infrutuosamente entrar na praza de María Pita, o que evitou o forte dispositivo policial; 45 bandeiras de Nunca Máis ondeaban nos balcóns da praza.

Paco Vázquez foi o único socialista que se desmarcou da protesta da oposición contra o Goberno, o que provocou o seu distanciamento definitivo de Rodríguez Zapatero (secretario xeral do PSOE desde o 2000). No 2006 foi nomeado embaixador ante a Santa Sé no Vaticano "Zapatero nombra al alcalde de A Coruña nuevo embajador ante el Vaticano", artigo en El País, 11 de febreiro de 2006 . e regresou á Coruña no 2011, cando foi cesado no cargo, pero xa sen ningún protagonismo político.

Notas

Véxase tamén Bibliografía Prensa da época. La Voz de Galicia (especialmente, 25 e 26.01.2003), e El País (24.01.2003 . Plan Galicia 2003 (folleto oficial pero sen data nin sinatura).

Categoría:Economía de Galicia Categoría:2003