O Pedrouzo é un lugar da parroquia de Arca no concello coruñés do Pino, na comarca de Arzúa. Segundo o IGE, en 2019 tiña 898 habitantes (440 homes e 458 mulleres). Neste lugar está situada a capital municipal, ao ser trasladada a casa do concello desde Santa Irene no século XX.

Xeografía miniatura|Placa altimétrica da casa do concello O Pedrouzo está situada nunha encosta que vai desde A Igrexa (ou Santaia) cara á Chousa do Pedrouzo, o punto máis elevado das súas inmediacións con 301 m de altitude. Toda esta área é como un promontorio encaixado entre os vales do rego do Xeimar e do rego do Burgo, sobre o que se sitúa como un balcón natural. É unha zona de prados abundantes, fontes e pozos, hoxe altamente urbanizada.

A actual casa do concello atópase ao carón dos edificios máis antigos, a farmacia de Pazos (no número 6 da avenida de Lugo) e a casa da avenida de Santiago 33, a unha altitude de 287 m sobre o nivel do mar no Mediterráneo, segunde describe a placa altimétrica colocada no exterior do edificio.

O Pedrouzo está atravesado pola N-547, que fai aquí as veces de grande eixo lonxitudinal, ao longo do cal se vai distribuíndo o casarío, tanto ao norte como ao sur. Na parte norte do Pedrouzo está o antigo lugar de Reboredo, onde tense desenvolvido un feixe de infraestruturas locais, concretamente o centro de saúde, o Centro Sociocultural Luís Seoane, o CPI Camiño de Santiago, o Campo de fútbol de Reboredo e o Pavillón municipal de Reboredo. Cara ao sur ábrese o casarío da Igrexa, nunha leve pendente de baixada.

Etimoloxía e microtoponimia miniatura|Toponimia da área do Pedrouzo O Pedrouzo é un dos numerosos topónimos (un estudo calcula que cerca de 48 % dos que existen en Galicia) que contan cun artigo que o antecede, e que a Comisión de Toponimia considera parte integrante do mesmo. A orixe etimolóxica do termo O Pedrouzo presenta varias formulacións: como un orónimo, é dicir, baseado na análise do relevo ou das variacións do terreo. Neste sentido, aínda que Mateo Sanz non recolle exactamente este termo, si poderíanse extraer os lexemas que compoñen a palabra Pedrouzo. Sendo así, teríamos sempre como prefixo o lexema petar-, que significaría costa ou pendente, e despois as posibles combinacións petar-ots (pendente fría, lexema que se pode atopar en voces como en Camozo, Carozo e Drozo), petar-utx-on (a carón das penas da pendente, como se extrae das voces Bruzos, Gouzón e Pedruzo) ou petar-aiz-on (a carón das penas da pendente, como é o caso dos topónimos Pedrazón e Pedrón). como un litónimo, baseado na súa relación co termo ou a idea de pedra, que é a tese máis estendida, con valedores como González e López Boullón. Seguindo as acepcións que esta voz ten nos diferentes dicionarios galegos desde o século XIX, atópanse vinte e dúas correspondencias que, en termos xerais, virían significar «unha morea de pedras», un «penasco elevado» ou unha «cima penascosa». Ademais, consígnase que, do mesmo xeito que sucede en portugués, se introduce un matiz despectivo a través do sufixo prerromano -ouzo (-ouço), derivado do latín vulgar -uc(c)eus e formado sobre -uccus/-iccus, aínda que Edelmiro Bascuas pensa que vén de -aceu, variante do sufixo prerromano abundancial -auko. Analizando os diferentes artigos de González sobre a toponimia no norte de Galicia, atopamos este termo nos concellos de Barreiros (Os Pedrouzos, microtopónimo en Benquerencia), Cervo (O Pedrouzo, microtopónimo en Vilaestrofe), Foz (Os Pedrouzos, microtopónimo en San Martiño de Mondoñedo), Ribadeo (Pedrouzos, microtopónimo en Couxela), O Valadouro (Pedrouzos e un microtopónimo idéntico en Santa Cruz do Valadouro) e Viveiro (Pedrouzos e Pedrouzos). López Boullón chega á mesma conclusión con respecto aos do concello de Ames, resaltando que o topónimo xa vén recollido no Tombo de Toxosoutos, tanto nesta variante que acaba en -ouzo coma na que latiniza o sufixo (Pedroso). Incluso na Idade Moderna emprégase a grafía Pedrouço, hoxe propia do portugués.

miniatura|Á dereita, suba ao Monte de Arca desde o CSC Luís Seoane A toponimia da contorna do Pedrouzo, e particularmente a microtoponimia, é dicir, as denominacións dos espazos que non son de habitación, como por exemplo fontes, regos, labradíos, espazos arborados etc., son relevantes no tocante á correcta interpretación da súa etimoloxía. Da análise conxunta de ferramentas como a Cartografía Catastral de España, o Proxecto Toponimia de Galicia e dos mapas do Centro Nacional de Información Geográfica de España, vese, en primeiro lugar, que o topónimo orixinal do Pedrouzo coincide aproximadamente coa situación da actual casa do concello, comezando nese lugar unha pendente cara ao nordés que recibe o nome do Monte de Arca e acada os 301 metros de altitude. Esta cima está rodeada por varios microtopónimos que conteñen o termo chousa, especialmente na cara norte, e un que coincide co termo O Calvario, que probablemente fai referencia ao tramo de calzada en suba que vindo do Burgo vai cara a Reboredo subindo até o devandito O Monte de Arca. Por outra banda, desde O Pedrouzo baixa o terreo ao oeste cara ao val do rego do Burgo e ao sur cara á Igrexa, cuxo topónimo principal (Arca) pode significar lugar de unión ou que está xunto a outro, é dicir, A Igrexa sería un espazo que uniría as costas que van cara ao Monte de Arca cos vales dos regos do Burgo e de Xeimar. Polo tanto, O Pedrouzo atoparíase nun terreo de pendente (petar-) que explicaría o topónimo, tal como suxire Mateo Sanz.

Patrimonio natural miniatura|Sobreiras que dan nome á rúa das Corticeiras Aínda que no Pedrouzo existen pequenos espazos que albergan árbores de certo porte e relevo, como os que se atopan no xardín privado do número 6 da avenida de Santiago, os carballos da rúa das Corticeiras ou as palmeiras e o topiario do número 7 da rúa de Forcarei, son as chamadas Corticeiras de Arca o elemento vexetal de maior importancia dentro deste núcleo urbano.

As Corticeiras de Arca encóntranse no principio da avenida da Igrexa, facendo esquina coa rúa das Corticeiras, á que dan nome, nunha encosta que baixa cara ao casarío da Igrexa e a une ao Pedrouzo. Son tres sobreiras duns dous metros e medio de diámetro cada unha, especie que nesta área se chama corticeira, posto que desta árbore se extrae a cortiza, que tantos usos ten, como nas industrias de illantes térmicos e sonoros, a de fabricación de colmeas, a do calzado e a de confección de tapóns para as botellas de vidro. Do seu nome científico, quercus suber, ven a etimoloxía do seu nome en galego: *SUBER + -ARIA. O termo suber en latín significa, precisamente, cortiza. Con moita probabilidade as Corticeiras de Arca ten sido aproveitadas no pasado pola propia veciñanza do Pedrouzo, extraendo a cortiza.

Outras árbores que se poden atopar na contorna son cedros novos, piñeiros e amieiros nas inmediacións e beiras do rego do Burgo, ou plantacións de eucaliptos, especialmente no norte da poboación, en dirección a Pazos e O Lameiro.

Patrimonio humano e obra civil A Casa do Concello thumbnail|200px|right|Antiga casa familiar de Luís Seoane, actual oficina de Correos miniatura|CPI Camiño de Santiago Tras estar establecida, primeiro, en San Vicenzo do Pino no século XIX e, máis tarde, ser trasladada a Santa Irene, nun edificio que hoxe é o Albergue público, a Casa do Concello do Pino foi levada ao Pedrouzo. Ocupou primeiro un humilde edificio que pertenceu aos pais de Luís Seoane, quen viviu nela. Hoxe en día é oficina de Correos e oficina de información turística no verán. É a partir deste momento cando a localidade comezou a experimentar un crecemento paulatino.

Posteriormente, en 1978, trasladouse a un novo edificio que se atopa no centro da vila, cuxo proceso de adxudicación deu comezo a finais de 1976. Esta construción segue as liñas do chamado estilo internacional, moi de moda nos anos 70. Inaugurouse o 27 de xaneiro do devandito ano de 1978, segundo indica a placa que se encontra á entrada.

O edificio conta na súa fronte cun espazo axardinado. Neste xardín encóntrase un monumento en metal erixido en 2017 dedicado á Festa do galo piñeiro, que se celebra anualmente nesta poboación. É obra do escultor Cándido Pazos. Ademais, neste mesmo espazo álzase tamén un cruceiro de feitura moderna, erixido no ano 2005. O fuste ten forma de pirámide truncada e está coroada por unha cruz de Santiago, tendo esculpidas diferentes inscricións en cada lado.

CPI Camiño de Santiago

O edificio comezou a construírse en 1975 e foi inaugurado pouco tempo despois. En 1999 sufriu unha importante reforma e en 2020 cursaban estudos nel alumnos de educación infantil, educación primaria e educación secundaria.

Campo de Fútbol de Reboredo miniatura|Exterior do campo de fútbol de Reboredo Tamén coñecido como Campo de Fútbol Municipal de Arca, é un campo de céspede artificial con chanzos cubertos que, debido ao seu mellor estado de conservación en comparación ao do Lameiro, adoita ser o empregado pola Sociedade Deportiva O Pino para disputar os seus partidos de fútbol, que en 2020 militaba no grupo 2º de Primeira Galicia. Encóntrase ao carón do CPI Camiño de Santiago e desde o 2010 ten céspede artificial. En 2020 foi aprobada unha partida pola Deputación da Coruña para reformar diversos aspectos do campo, como os vestiarios, que se atopaban en mal estado.

Neste campo teñen adestrado seccións da Selección Nacional Galega.

Segundo un informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, o Camiño de Santiago ao seu paso polo Pedrouzo mantén vestixios históricos neste campo de fútbol.

Pavillón municipal de Reboredo miniatura|esquerda|Exterior do Pavillón de Reboredo Tamén chamado Pavillón municipal de O Pino, xa que ata o 2012 só existía este, engadíndoselle entón o de Lameiro. Estas instalacións están preparadas para a práctica de fútbol sala, ximnasia, voleibol, baloncesto e balonmán. Ao seu carón, o CPI Camiño de Santiago dispón dun pequeno pavillón de deportes para o alumnado no que, do mesmo xeito, tamén se practica o fútbol sala, baloncesto e balonmán. O Camiño francés a Santiago pasa mesmo ao lado das partes norte e leste deste edificio.

As condicións de conservación deste polideportivo ten levantado en diversos momentos críticas, polo que en 2017 se fixeron unhas obras de substitución das súas cubertas por un importe de máis de 68 mil euros, de acordo a un convenio entre a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e o propio Concello asinado en xuño deste ano. Por outra banda, nese mesmo ano, dotóuselle dun sistema de calefacción, despois das reclamacións do CPI de contar cun ximnasio propio. Porén, segue a ter unha peor fama que o centro deportivo de Lameiro, debido á súa frialdade e ao anticuado de parte das instalacións.

Neste pavillón ten adestrado algunhas das Seleccións Galegas de Fútbol Sala, e así mesmo xogan equipos de fútbol sala locais.

En diversas edicións da Carreira Pedestre Popular do Concello do Pino tense empregado estas instalacións como punto de duchas para os participantes, como na X Carreira ou na XIV Carreira. Tamén deuse o mesmo servizo no III Medio Maratón O Gran Camiño, celebrado o 6 de xullo de 2019.

Este espazo adoitábase empregar como albergue para acoller en momentos de grande afluencia aos peregrinos do Camiño de Santiago, como en xullo de 2010, podendo chegar a aloxar ata 300 persoas. Todo isto propiciou tanto a construción en 2010 do novo Pavillón municipal de Lameiro como en 2012 do Albergue Público de Arca.

CSC Luís Seoane miniatura|CSC Luís Seoane, na rúa do Peregrino Tamén coñecida como Casa de Cultura de Arca, este edificio comezou o seu deseño en 1997 dentro do Plan 2000, sendo financiado pola Deputación da Coruña. A obra foi rematada no 2007 despois dun longo proceso construtivo, sendo asumida a súa xerencia directamente polo Concello. Atópase entre o Pavillón municipal de Reboredo e o Centro médico de Arca, que á súa vez foi construído entre 2005 e 2007 cunha superficie de 1.200 m².