A guerra de Inverno foi un conflito militar entre a Unión Soviética e Finlandia. Comezou cunha ofensiva soviética o día 30 de novembro de 1939 (dous meses despois do inicio da Segunda guerra mundial e da invasión soviética de Polonia), e rematou o 13 de marzo de 1940 co Tratado de paz de Moscova. A Sociedade de Nacións considerou o ataque ilegal e expulsou a Unión Soviética da Sociedade o 14 de decembro de 1939.

Os soviéticos tiñan tres veces máis soldados que os fineses, trinta veces máis avións, e cen veces máis tanques. O Exército Vermello, porén, fora paralizado pola Gran Purga de Iosif Stalin de 1937, reducindo a moral e a eficacia do exército pouco tempo antes do inicio da guerra. Con máis de 30.000 dos seus oficiais executados ou presos, incluídos moitos altos mandos, o Exército Vermello en 1939 tiña moitos oficiais de nivel medio e alto inexpertos. Debido a estes factores, e a alta moral das forzas finesas, Finlandia foi capaz de resistir a invasión soviética moito máis tempo do que os soviéticos agardaban.

As hostilidades remataron o 13 de marzo de 1940 coa sinatura do Tratado de paz de Moscova. Finlandia cedeu o 11% dos seus territorios previos á guerra e o 30% dos seus activos económicos á Unión Soviética. As perdas no Exército Vermello foron moi altas, e a reputación internacional do país sufriu. As forzas soviéticas non cumpriron o seu obxectivo de conquistar completamente Finlandia, pero gañaron terreo substancial ao longo do lago Ladoga e territorio no norte do país. Os fineses, porén, conservaron a súa soberanía e melloraron a súa reputación internacional.

O tratado de paz frustrou o plan franco-británico de enviar tropas a Finlandia polo norte de Escandinavia. Un dos obxectivos principais desa operación era o de tomar o control das minas de ferro do norte de Suecia e cortar a súa subministración a Alemaña.

Contexto

Relacións e políticas soviético-finesas miniatura|Status xeopolítico de Europa do Norte en novembro de 1939. Ata os inicios do século XIX, Finlandia constituía a parte leste do Reino de Suecia. En 1809, para protexer a súa capital imperial, San Petersburgo, os rusos conquistaron Finlandia e convertérona nun estado tapón autónomo dentro do Imperio Ruso. O Gran Ducado de Finlandia resultante gozou dunha ampla autonomía dentro do Imperio ata o final do século, cando Rusia comezou a intentar asimilar Finlandia como parte dunha política xeral para fortalecer o goberno central e unificar o Imperio a través da rusificación. Aínda que infrutuosos, debido ás loitas internas en Rusia, eses intentos arruinaron as relacións cos fineses e incrementaron o apoio dos movementos pola autodeterminación en Finlandia.

O estoupido da Primeira guerra mundial propiciou o colapso do Imperio Ruso durante a revolución rusa de 1917 e a guerra civil rusa de 1917–1920, déronlle a Finlandia unha oportunidade; o 6 de decembro de 1917 o Senado de Finlandia declarou a independencia do país. O novo goberno bolxevique ruso era débil, e a guerra civil estalara en Rusia en novembro de 1917; os bolxeviques consideraron que non podían aferrarse a partes periféricas do antigo imperio. Deste xeito, a Rusia Soviética (logo URSS) recoñeceu o novo goberno finés só tres semanas despois da declaración de independencia. A soberanía foi totalmente conseguida en maio de 1918 tras unha guerra civil de catro meses, coa vitoria das forzas conservadoras Brancas sobre as Vermellas socialistas, e a expulsión das tropas bolxeviques.

Finlandia uniuse á Sociedade de Nacións en 1920, da que buscaba garantías de seguridade, pero o seu obxectivo principal era a cooperación cos países escandinavos. Os militares fineses e suecos cooperaron amplamente, pero centráronse máis no intercambio de información e os plans de defensa das illas Åland que en exercicios militares ou no almacenamento e despregadura de material. Porén, o goberno de Suecia evitou coidadosamente comprometerse coa política exterior de Finlandia. A política militar finesa incluíu a cooperación militar secreta entre Finlandia e Estonia.

O período posterior á guerra civil ata principios da década de 1930 foi unha época politicamente inestable en Finlandia debido á continua rivalidade entre os partidos conservador e socialista. O Partido Comunista de Finlandia foi declarado ilegal en 1931, e o nacionalista Lapuan liike (Movemento de Lapua) organizou actos violentos anticomunistas, que culminaron no fracasado golpe de estado de 1932. A partir de entón o herdeiro de Lapuan liike, o ultranacionalista Isänmaallinen kansanliike (Movemento Patriótico Popular) tivo unha presenza minoritaria na política nacional (a súa máxima representación foi de 14 escanos dos 200 que conformaban o Parlamento). No final da década de 1930 a economía finesa, orientada cara á exportación, estaba en crecemento e os movementos políticos extremos do país diminuíran.

Despois da intervención soviética na guerra civil finlandesa en 1918, non se asinou ningún tratado de paz formal. En 1918 e 1919 forzas voluntarias finesas levaron a cabo dúas incursións militares sen éxito a través da fronteira rusa: as expedicións Viena e Aunus, para anexionar áreas de Carelia segundo a ideoloxía da Gran Finlandia de unir todos os pobos fínicos nun só estado. En 1920 comunistas fineses asentados na Rusia Soviética intentaron asasinar o antigo comandante en xefe da finesa Suojeluskunta (Garda Branca), o mariscal Carl Gustaf Emil Mannerheim. O 14 de outubro de 1920, Finlandia e a Rusia Soviética asinaron o Tratado de Tartu, confirmando a nova fronteira entre os dous países igual que a vella entre o Gran Ducado de Finlandia e o Imperio Ruso. Ademais, Finlandia recibiu Petsamo, co seu porto libre de xeo no océano Ártico. A pesar da sinatura do tratado, as relacións entre os dous países mantivéronse tensas. O goberno finés permitiu a voluntarios cruzar a fronteira para apoiar o levantamento de Carelia Oriental en 1921, e os comunistas fineses na Unión Soviética continuaron preparando un desquite cruzando a fronteira e realizaron un ataque dentro de Finlandia, coñecido como "Läskikapina" (motín da carne de porco), en 1922. En 1932 a Unión Soviética asinou un pacto de non-agresión con Finlandia, que foi reafirmado por un período de 10 anos en 1934. Porén, as relacións entre os dous países mantivéronse en gran medida de mínimos. Mentres que o comercio exterior de Finlandia estaba en auxe, menos do 1% do mesmo producíase coa Unión Soviética. En 1934, a Unión Soviética uniuse á Sociedade de Nacións. miniatura|250px|Sinatura do pacto de non-agresión en 1932

Iosif Stalin considerou decepcionante que a Unión Soviética non puidera deter a revolución finlandesa. Pensou que o movemento pro-finlandés en Carelia representaba unha ameaza directa para Leningrado e que a área e as defensas de Finlandia podían empregarse para invadir a Unión Soviética ou restrinxir os movementos da frota. Durante a época de Stalin a propaganda soviética pintou os líderes fineses como unha "camarilla fascista, cruel e reaccionaria". O mariscal Carl Gustaf Mannerheim e Väinö Tanner, o líder do Suomen Sosialidemokraattinen Puolue (Partido Socialdemócrata Finés), foron obxecto de desprezo en particular. Cando Stalin gañou o poder absoluto tras a Gran Purga de 1938, a Unión Soviética cambiou a súa política exterior cara a Finlandia no final da década de 1930. A Unión Soviética comezou a perseguir a reconquista das provincias que o tsarato ruso perdera durante o caos da Revolución de Outubro e da guerra civil rusa case dúas décadas antes. O líder soviético cría que o vello imperio tiña unha seguridade e unhas posesións territoriais ideais, e quería que a acabada de bautizar cidade de Leningrado a tan só 32 km da fronteira finlandesa, gozase dun nivel de seguridade semellante contra o poder crecente da Alemaña nazi. Esencialmente, a fronteira entre o Gran Ducado de Finlandia e a Rusia propiamente dita nunca debera converterse en internacional.

Negociacións miniatura|250px|A península de Rybachii en 2008. A Unión Soviética demandou que a península, o punto máis ao norte de Finlandia na época, fose cedida xunto con outras áreas para protexer os activos soviéticos. En abril de 1938, o axente do NKVD Boris Yartsev contactou co ministro de asuntos exteriores finés Rudolf Holsti e co primeiro ministro Aimo Cajander, afirmando que a Unión Soviética non confiaba en Alemaña e que unha guerra entre os dous países era considerada posible. O Exército Vermello non agardaría pasivamente tras as fronteiras e "avanzaría para atoparse co inimigo". Os representantes fineses aseguráronlle a Yartsev que Finlandia se comprometía a unha política de neutralidade e que o país se oporía a calquera incursión armada. Yartsev suxeriulle a Finlandia que cedese ou arrendase algunhas das illas do golfo de Finlandia ao longo dos accesos marítimos a Leningrado, pero Finlandia negouse.

As negociacións continuaron ao longo de 1938 sen resultados. A recepción finesa ás peticións soviéticas foi decididamente fría, xa que a violenta colectivización e as purgas de Stalin deron unha mala imaxe do país. Ademais, gran parte da elite comunista finesa na Unión Soviética fora executada durante a Gran Purga, empanando aínda máis a súa imaxe en Finlandia. Ao mesmo tempo, Finlandia estaba intentando negociar un plan de cooperación militar con Suecia, coa esperanza de conseguir unha defensa conxunta das illas Åland.

A Unión Soviética e a Alemaña nazi asinaron o Pacto Ribbentrop-Molotov en agosto de 1939. O pacto era nominalmente un tratado de non-agresión, pero incluía un protocolo secreto polo cal os países do leste de Europa eran divididos en esferas de interese, e Finlandia caeu na esfera soviética. O 1 de setembro de 1939, Alemaña comezou a súa invasión de Polonia, e dous días despois Reino Unido e Francia declaráronlle a guerra. Pouco despois os soviéticos invadiron o leste de Polonia. Os estados bálticos foron axiña forzados a aceptar tratados permitindo á Unión Soviética establecer bases militares e estacionar tropas no seu territorio. O goberno de Estonia aceptou o ultimato, asinando o correspondente acordo en setembro. Letonia e Lituania faríano no mes de outubro. Ao contrario dos países bálticos, Finlandia iniciou unha mobilización progresiva baixo o aspecto dunhas "manobras adicionais de actualización". Os soviéticos xa tiñan comezado unha intensa mobilización preto da fronteira finesa entre 1938 e 1939. Porén, as tropas de asalto precisas para a invasión non comezaron a despregarse ata outubro de 1939. Os plans de operación feitos en setembro agardaban comezar a invasión no mes de novembro. miniatura|250px|Soldados finlandeses recollendo o seu almorzo nunha cociña de campo durante as "manobras adicionais de actualización" no istmo de Carelia o 10 de outubro de 1939.

O 5 de outubro de 1939 a Unión Soviética convidou unha delegación finesa a negociar en Moscova. Juho Kusti Paasikivi, o embaixador en Suecia, foi enviado a Moscova para representar o goberno finés. Os soviéticos esixiron que a fronteira entre os dous países no istmo de Carelia se movese cara ao oeste ata un punto só a 30 km ao leste de Viipuri, e que os fineses destruísen todas as fortificacións existentes no istmo. Tamén demandaron a cesión de illas no golfo de Finlandia ademais da península de Kalastajansaarento. Por outra banda, os fineses deberían abandonar a península de Hanko durante 30 anos e permitir aos soviéticos establecer unha base militar alí. A cambio, a Unión Soviética cedería Repola e Porajärvi de Carelia Oriental, dous concellos con dúas veces o territorio demandado a Finlandia. Aceptar as peticións soviéticas forzaría aos fineses a desmantelar as súas defensas na Carelia finesa.