Javier Fernández, nado en Mieres o 7 de xaneiro de 1948, é un político asturiano pertencente ao PSOE. É secretario xeral da Federación Socialista Asturiana desde o 4 de novembro de 2000 e Presidente do Principado de Asturias desde o 26 de maio de 2012.
Biografía Naceu na cidade asturiana de Mieres, concretamente, no barrio de Requejo. Provén dunha familia fortemente ligada á esquerda desde a Guerra Civil Española.
Tras o bacharelato, cursa estudos de enxeñaría de minas na escola de Oviedo e posteriormente diplómase en calidade ambiental. En 1978, abre en Xixón, canda outros dous compañeiros de profesión, un despacho de proxectos e estudos de enxeñaría. Máis tarde, en 1984, aproba as oposicións para o Corpo Especial de Enxeñeiros de Minas do Estado e é destinado a Cantabria.
Traxectoria política
En 1987 afíliase ao Partido Socialista Obrero Español en Xixón. Tras as eleccións autonómicas de 1991, sendo Presidente do Principado de Asturias Juan Luis Rodríguez-Vigil e conselleiro de Industria, Comercio e Turismo Victor Zapico, Javier Fernández é nomeado Director Rexional de Minas e Enerxía. Coa chegada do Partido Popular á presidencia do Principado en 1995, Javier Fernández volve ao seu posto como inspector de minas, pero por pouco tempo, xa que o PSOE inclúeo nas listas ao Congreso dos Deputados para as eleccións xerais de marzo de 1996 e obtén un escano.
O PSOE gaña as eleccións autonómicas de 1999 e é investido Presidente do Principado Vicente Álvarez Areces que lle confía a Javier Fernández a consellaría de Industria, Comercio e Turismo; deixando este o seu escano no Congreso.
En novembro de 2000, Javier Fernández preséntase á secretaría xeral da Federación Socialista Asturiana no XXVII Congreso Rexional, e consegue a vitoria por unha estreita marxe de votos. A partir dese momento, dimite como conselleiro e volve ao seu posto de funcionario na Dirección Xeral de Minas, compaxinando a acción política co seu posto de traballo.
En xullo de 2003 é designado senador en representación da Comunidade Autónoma, permanecendo na Cámara Alta até abril de 2012.
En 2004 e 2008 revalida o cargo de secretario xeral dos socialistas asturianos. Nas eleccións autonómicas de 2007 ocupa o segundo posto na lista da FSA á Xunta Xeral do Principado, xusto detrás do presidente Vicente Álvarez Areces.
En xullo de 2010, amosa a súa disposición de encabezar a lista da FSA para as eleccións autonómicas de 2011, sendo ratificada a súa candidatura en outubro. O PSOE gana en votos pero consegue un escano menos que Foro Asturias polo que renuncia a presentar candidatura para a presidencia do Principado na Xunta Xeral. É investido presidente Francisco Álvarez-Cascos e Javier Fernández é o líder da oposición.
Non obstante, o escaso apoio co que contaba o goberno de FAC na Xunta Xeral e a incapacidade do seu presidente para alcanzar acordos, provocan un adianto electoral en marzo de 2012. Nesta ocasión, o PSOE gana en votos e en escanos, obtendo 17 dos 45 que compoñen a cámara. Javier Fernández É investido Presidente do Principado de Asturias o 26 de maio de 2012 en primeira volta, tras recibir os votos do seu partido, de Izquierda Unida e de Unión, Progreso y Democracia.
Cargos políticos desempeñados Director Rexional de Minas e Enerxía do Principado de Asturias (1991-1995) Deputado por Asturias no Congreso dos Deputados (1996-1999) Conselleiro de Industria, Comercio e Turismo do Principado de Asturias (1999-2000) Secretario Xeral da FSA-PSOE (desde 2000) Senador designado pola Xunta Xeral do Principado de Asturias (2003-2012) Deputado na Xunta Xeral do Principado de Asturias (desde 2007) Presidente do Consello Territorial do PSOE (desde 2012) Presidente do Principado de Asturias (desde 2012)
Véxase tamén
Ligazóns externas Web de Javier Fernández Biografía oficial Candidato sin prisas, en La Nueva España El ingeniero de Minas sí quiere gobernar, en El País, 26 de marzo de 2012.
Categoría:Presidentes do Principado de Asturias Categoría:Senadores de España Categoría:Deputados do Congreso dos Deputados polo PSOE Categoría:Nados en Mieres Categoría:Nados en 1948 Categoría:Alumnos da Universidade de Oviedo Categoría:Deputados no Congreso dos Deputados (VI Lexislatura) Categoría:Medalla de Ouro de Galicia