Chang'e 1 foi a primeira sonda lunar chinesa, lanzada o 24 de outubro de 2007, mediante un foguete CZ-3A desde o centro de lanzamento de Xichang.
Características Chang'e 1 recibe o seu nome dunha lenda chinesa na que unha rapaza xove voa ata a Lúa.
Órbitas Chang'e 1 foi lanzada o 24 de outubro de 2007 ás 10:05 UTC a unha órbita inicial de 205 km de perixeo e 51.000 km de apoxeo. Ás 9:15 UTC do 31 de outubro a nave encendeu o seu motor durante 13 minutos para poñerse nunha traxectoria translunar. Ás 3:15 UTC do 5 de novembro, nas proximidades da Lúa, Chang'e 1 encendeu novamente o seu motor durante 22 minutos para frearse e entrar nunha órbita arredor da Lúa 200 km de periastro, 8600 km de apoastro e un período de 12 horas. Unha segunda manobra de 14 minutos de duración o 6 de novembro ás 3:21 UTC puxo a nave nunha órbita de 213 por 1700 km e un período de 3,5 horas. A órbita final de traballo acadouse o 7 de novembro tras un encendido do motor que durou dez minutos e comezou ás 00:24 UTC, poñendo a nave nunha órbita circular de 200 km de altura e 127 minutos de período. Tras finalizar a súa misión, Chang'e foi dirixida á superficie lunar, onde impactou o 1 de marzo de 2009.
Nave Chang'e 1 está baseada no bus de satélites de comunicacións DFH-3 e ten unha masa de 2350 kg, da que a metade é propelente e 130 kg son instrumentos científicos. Ten forma de caixa de 2,0 x 1,7 x 2,2 metros, e a alimentación eléctrica proporciónaa un par de paneis solares que xorden dos extremos da caixa.
Instrumentos científicos Chang'e 1 levaba sete instrumentos a bordo:
Unha cámara estereográfica para lonxitudes de onda visibles. Un espectrómetro interferómetro para obter imaxes multiespectrais da superficie lunar. Un altímetro láser. Un espectrómetro de raios gamma. Un espectrómetro de raios X. Un radiómetro de microondas para medi-lo espesor do regolito lunar. Un detector de partículas de alta enerxía e de vento solar.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Chang'e 2 Chang'e 4 Chang'e 5-T1
Categoría:Sondas espaciais