José Díaz Fuentes, nado en Sarria o 6 de agosto de 1940 e finado en París o 30 de maio de 2010, foi un escultor galego. Era irmán do avogado, escritor e político Antonio Díaz Fuentes.

Traxectoria

dereita|miniatura|Escultura en Callás (San Fiz de Reimóndez, Sarria). Desde moi novo sentiuse atraído polas formas en pedra e madeira. O seu primeiro mestre foi un tallista da súa vila natal e aos 16 anos ingresa no obradoiro do escultor galego Cástor Atas Monteiro.

En 1958 ingresa na Escola de Artes e Oficios de Santiago de Compostela, onde vive o ambiente universitario que o enriquece intelectualmente. Logo de facer o servizo militar en Málaga, en 1964 continúa a súa formación na Escola de Belas Artes de Sant Jordi de Barcelona e posteriormente na tamén Escola de Belas Artes de San Fernando de Madrid. En Barcelona descobre a investigación da arte europea.

En xaneiro de 1970 instálase a vivir en París, onde goza da liberdade e apertura cultural que non había na España franquista. Nunha exposición nos xardíns do palacio de Luxemburgo coñeceu o escultor húngaro Ervin Patkai, do que aprendeu a traballar o formigón. É un dos fundadores na capital francesa do Círculo Cultural Galego.

A partir de se instalar en París desenvolve unha prolífica labor na que destacan a realización de esculturas monumentais tanto en Francia como en Galicia, exposicións itinerantes, expositor habitual nas salas de máis sona, acondicionamentos de espazos urbanos e actividades pedagóxicas, amais da creación de estatuas espalladas polo mundo enteiro.

A súa traxectoria foi recoñecida coa concesión en 1980 da medalla de bronce da Academia Europea de Belas Artes, e en 1999 da medalla de prata de Arte e Mérito do Senado de Francia. En 1981 recibiu unha bolsa do Ministerio de Cultura español.

Notas

Categoría:Escultores de Galicia Categoría:Nados en Sarria Categoría:Nados en 1940 Categoría:Finados en 2010

Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes