Braulio Jesús Vázquez Benítez, nado en Pontevedra o 14 de marzo de 1972, é un exfutbolista e adestrador de fútbol galego, actual director deportivo de Osasuna. Como futbolista, xogaba de dianteiro e formouse na canteira do Deportivo da Coruña, co que debutou en Primeira División. Tras pasar pola Primeira Liga, nas filas do Farense, pasou por varios equipos españois, principalmente da Segunda B e a Terceira División.

Trala súa retirada como futbolista traballou como director deportivo do Valencia, o Valladolid e Osasuna. É pai do tamén futbolista Jesús Vázquez, lateral esquerdo do Valencia.

Traxectoria

Como futbolista Naceu en Pontevedra, nunha familia de gardas civís, sendo fillo e neto de gardas. Ata os 14 anos viviu nun cuartel da Garda Civil da Coruña, xunto a seus pais José e Antonia. Comezou a xogar ao fútbol no San Cristóbal da cidade herculina, onde as súas boas actuacións o levaron á selección coruñesa infantil e pouco despois á galega, ás ordes de Manolete. De aí pasou ao Deportivo da Coruña, que o fichou en 1987 para a súa canteira.

En 1989, militando aínda no equipo xuvenil, realizou os seus primeiros adestramentos co primeiro equipo do club, baixo a batuta de Arsenio, situación que se repetiu durante os seguintes anos, pero sen chegar a debutar. Na tempada 1990/91 subiu ao equipo filial, o Fabril, da Terceira División, participando ese mesmo ano do primeiro ascenso á Segunda División B da historia do equipo. Militou no Fabril un total de seis anos, vivindo un descenso e un segundo ascenso na tempada 1994/95.

Na campaña 1995/96 debutou finalmente co primeiro equipo na Primeira División, da man de Toshack, nun encontro ante o Racing de Santander en Riazor que se saldou con derrota (2–3) e no que entrou na segunda parte como substituto de Voro. Disputou un segundo partido coa camiseta do Deportivo uns meses despois, tamén en liga e entrando de novo como suplente, antes de deixar o club no verán de 1996.

Fichou entón polo Farense, equipo da Primeira Liga portuguesa, no que militou durante os seguintes dous anos. Disputou 58 partidos na máxima categoría lusa, ás ordes do histórico Paco Fortes, marcando nove goles. Na tempada 1998/99 regresou a España e fichou polo CP Mérida de Segunda División, onde tivo como adestrador a Paco Herrera. Neste club xogou 40 partidos e anotou 7 goles.

Pasou as seguintes catro tempadas na Segunda División B, nas filas doutros catro equipos: Castellón, Zamora, Novelda e UD Mérida. En 2003 volveu a Galicia, onde asinou como novo xogador do Lugo, na Terceira División. Vestiu durante tres anos a camisola albivermella, xogando 82 partidos e anotando 23 goles, e conseguindo o ascenso a Segunda B na 2005/06. Retirouse como futbolista en 2007, despois dunha última campaña co Bergantiños.

Na tempada 2007/08 iniciou unha breve carreira como adestrador, dirixindo o Soneira na Segunda Autonómica Galega. Con todo, ao pouco de comezar a tempada tivo que facer ficha como xogador, debido ás importantes baixas do equipo, polo que acabou actuando como xogador-adestrador e acadando unha boa cantidade de goles.

Trala retirada Comezou a tempada 2008/09 adestrando o Laracha en Preferente, antes de recibir unha chamada de Fernando, vicepresidente deportivo do Valencia e antigo compañeiro seu no Castellón, que lle ofreceu un posto de observador no club ché. Realizou esa función durante dous anos, ata que en 2010 foi nomeado director deportivo do club polo presidente Manuel Llorente. Dirixiu a parcela deportiva do Valencia durante máis de tres anos, nos que o club atravesaba unha crise económica. Tivo como axudante ao seu antigo compañeiro Domingo Catoira, e conseguiu dous terceiros e un quinto postos en liga, pero os malos resultados no inicio da tempada 2013/14 provocaron o enfado da afección e a súa destitución polo novo presidente Amadeo Salvo en novembro de 2013.

Entre 2014 e 2017 foi director deportivo do Real Valladolid, logo do descenso do equipo á Segunda División. No equipo valisoletano traballou de novo xunto a Domingo Catoira, completando a dirección deportiva un terceiro galego, Cata. Dimitiu en maio de 2017, despois de non conseguir os obxectivos marcados.

En xuño de 2017 incorporouse a Osasuna, tamén como director deportivo. Baixo a súa dirección o equipo navarro logrou o ascenso a Primeira División e clasificouse para unha final da Copa do Rei por segunda vez na súa historia.

Vida persoal Casou coa estremeña Ana Alcalde, á que coñeceu mentres militaba no CP Mérida e coa que tivo dous fillos: Jesús e Marco. O primeiro deles iniciou tamén unha carreira como futbolista profesional.

Palmarés Deportivo da Coruña Supercopa de España (1): 1995.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en BDFutbol .

Categoría:Nados en 1972 Categoría:Nados en Pontevedra Categoría:Futbolistas de Pontevedra Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do SC Farense Categoría:Xogadores do CP Mérida Categoría:Xogadores do CD Castellón Categoría:Xogadores do Zamora CF Categoría:Xogadores do Novelda CF Categoría:Xogadores do Mérida UD Categoría:Xogadores do CD Lugo Categoría:Xogadores do Bergantiños FC Categoría:Adestradores de fútbol de Galicia Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Adestradores do Soneira SD Categoría:Adestradores do Laracha CF Categoría:Directores deportivos de fútbol de Galicia