Arcadia Planitia é unha suave planicie de Marte, composta por depósitos de lavas frescas e coladas volcánicas asentadas na Época Amazónica. Ó oeste fai fronteira con Utopia Planitia e cara ó leste coas terras altas de Tharsis, o seu sur pódense atopa-las planicies de Elysium Planitia e Amazonis Planitia, ó norte fican as vastas extensións do resto da Vastitas Borealis (rexión a cal pertence esta chaira), as súas coordenadas centrais son 56,01° N 188,63° E e posúe un diámetro medio segundo o USGS de 2.923,7 km. O seu nome provén dun vello accidente xeolóxico que aparecía nun mapa de Giovanni Schiaparelli feito no ano 1882, Arcadia fai referencia a unha antiga rexión de Grecia.
Esta é unha chaira con moi pouca variación de altitude, a súa variación de altitude vai dos 0 km ós -3 km respecto do datum marciano.R. Greeley, "Arcadia Planitia" consultado o 22-04-2012. Coma moitas outras planicies do hemisferios norte de Marte, Arcadia amosa uns característicos enramados quasi-poligonais que moi posiblemente estean asociados a chans compostos dunha mestura de xeos, lama viscosa e pequenas rochas, na Terra pódense atopar este tipo de patróns e trazos nos chans de permafrost do ártico. Outra formas xeolóxicas que indican a presenza pasada de xeos e unha posible presenza actual dos mesmos, son os outeiros totalmente redondeados e erosionados, e os pequenos fuchancos e simas fotografados co sistema Themis da Mars Odyssey.
A sonda Mars Odyssey puido fotografar varios cráteres con capas concéntricas de depósitos brillantes tanto cara ó interior dos cráteres coma cara ó exterior, así coma numerosos regueiros brillantes que partían das cristas dos bordos deses cráteres, cristas moi erosionadas e degradas, e tamén aparecían moi erosionados os depósitos de material asociados ós nacementos destes cráteres; estas características suxiren a presenza de xeos superficiais ou subterráneos que serían os causantes desta intensa erosión.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Amazonis Planitia Acidalia Planitia Utopia Planitia Elysium Planitia Vastitas Borealis
Ligazóns externas
Google Mars zoomable map centered on Arcadia Planitia Mapa coas fronteiras das rexións de Marte Mapa topográfico de Marte, con nomenclatura detallada das rexións de Marte Mapa detallado do cuadrante MC-2 Diacria Mapa detallado do cuadrante MC-7 Cebrenia Páxina coas ligazóns ós mapas dos cuadrantes de Marte
Categoría:Planicies e chairas de Marte