Este artigo trata sobre o estado norteamericano de Washington, para outros lugares ver Washington
Washington é un dos 50 estados dos Estados Unidos de América. O nome do estado provén de quen foi líder das forzas americanas ao longo da Revolución Americana de 1776 e logo primeiro presidente dos Estados Unidos, George Washington. O nome de moitas cidades e condados dos Estados Unidos homenaxea diversos presidentes, mais o Estado de Washington é o único que leva o nome en honra dun presidente. Non debe ser confundido coa capital dos Estados Unidos, Washington, D.C.. Por isto, Washington, o estado, é xeralmente chamado Estado de Washington, e Washington, a capital nacional, Distrito de Columbia.
Washington localízase no extremo noroeste dos Estados Unidos. Debido aos seus enormes bosques, cuxas árbores non perden a folla no outono ou no inverno, escolleuse como lema do estado Evergreen State, que significa "de folla perenne". Os seus grandes bosques fan de Washington un líder na industria madeireira americana. Así mesmo, está cruzado por varios ríos e abundan os lagos, o que crea un terreo propicio para a instalación de encoros; o maior do país, o Encoro de Grand Coulee, localízase no Río Columbia. A economía de Washington, porén, está centralizada fundamentalmente no turismo e na industria aeroespacial. A maior fabricante de avións do mundo, a Boeing, ten a súa sede en Washington, e varias das súas fábricas están situadas neste estado.
Historia Washington foi explorado inicialmente polos españois e, posteriormente, os británicos instaláronse na rexión. Até 1859, Washington formou parte do territorio de Oregón, e boa parte deste último, así como do sur da actual provincia canadense de Columbia Británica (daquela, unha colonia do Reino Unido) era disputada entre os británicos e os americanos entre a década de 1810 e a de 1850 ata que, en 1859, creouse o Territorio de Washington. O 11 de novembro de 1889, converteuse no 42º Estado americano.
Até 1889 Os nativos indíxenas xa vivían na rexión onde o Estado de Washington está actualmente localizado milleiros de anos antes da chegada dos primeiros europeos. A maioría destas tribos formaban parte de dous grupos indíxenas distintos: os salishianos e os penutianos. Os primeiros vivían fundamentalmente no norte e no litoral de Washington, en canto os segundos vivían sobre todo no interior, ao longo do oeste e no sur do estado.
Os primeiros europeos en exploraren Washington foron os españois, despois da década de 1750. Os españois exploraron intensamente o litoral do actual estado, e reivindicaron o territorio para a coroa española. Porén, non fundaron ningún asentamento permanente. Estas exploracións foron feitas baixo o medo a unha expansión rusa, que entón controlaba Alasca, en dirección ao sur. O británico George Vancouver foi o primeiro europeo en cartografar o litoral do estado, ao longo do ano de 1792 pero os británicos, ao menos inicialmente, tampouco non se interesaron en fundar asentamentos permanentes na rexión, aínda que a reivindicasen para a coroa británica.
O americano Robert Gray dirixiu unha primeira expedición, composta por cazadores e comerciantes, que descubriu o interior de Washington, partindo de Boston, Massachusetts, con fins comerciais. Desembarcaron no litoral de Washington en 1792 e reivindicaron á súa vez a rexión para os Estados Unidos, na que xa comerciaban os cazadores británicos e americanos. A Compañía da Baía de Hudson fundou o primeiro asentamento permanente na rexión, a actual cidade de Vancouver (Washington) (non confundir coa cidade canadense do mesmo nome).
A expansión americana en dirección ao oeste trouxo consigo un crecente números de colonos americanos que se ían instalando na rexión a partir da década de 1840. Os Estados Unidos pasaron a reivindicar todas as terras situadas ao sur do meridiano 54º 40' e ao oeste das Montañas Rochosas. Os británicos esixiron que a fronteira fose o meridiano 49º, proseguindo a fronteira en dirección ao sur, acompañando o curso do Río Columbia, a oeste das Montañas Rochosas, o que significaría que boa parte do oeste do actual estado de Washington quedase baixo control británico. En 1846, os Estados Unidos e o Reino Unido chegaron a un acordo que delimitaba a fronteira entre os Estados Unidos e as colonias británicas da rexión ao longo do paralelo 49º.
En 1848, por presión dos colonos americanos instalados no noroeste, o goberno americano creou o Territorio de Oregón, e estableceu un goberno na rexión. Este territorio incorporaba os actuais estados de Oregón, Idaho e Washington. En 1859, Oregón foi elevado á categoría de estado. Posteriormente, o goberno do territorio de Washington comezou a premer para que os nativos indíxenas da rexión se instalasen en reservas, e así, liberar terras para os colonos brancos. Os salishianos aceptaron mais non os penutianos, que entraron en guerra cos colonos brancos en 1855, guerra que se prolongou ata 1858, cando os penutianos foron derrotados e forzados a instalarse nas reservas indíxenas.
A partir do inicio da década de 1860, un número inxente de colonos pasou a instalarse no Territorio de Washington por causa do descubrimento de grandes minas de ouro na rexión. O crecemento da poboación do territorio levou á secesión de áreas a oeste de Washington, co que se constituíu o Territorio de Idaho. Os límites territoriais de Washington non mudaron máis desde entón. O forte crecemento da poboación de Washington perdurou na década de 1870 e de 1880. Seattle tornouse un gran centro portuario. En 1883 inaugurouse a Nothern Pacific Railway, que conectaba Washington co leste do país. O 11 de novembro de 1889, o territorio foi elevado á categoría de estado.
Dende 1889 A economía durante as súas primeiras décadas como estado dependía fundamentalmente da agricultura e da minaría. Ao longo da década de 1890, as novas técnicas modernas de irrigación pasaron a permitir a práctica da agricultura na desértica rexión oriental. Outras fontes de renda importante eran a industria madeireira, a pesca e o procesamento de alimentos.
No inicio do século XX, a reputación de Washington no país era a dunha terra perigosa e salvaxe, tanto como o resto do oeste americano, só que con madeireiros substituíndo os cowboys ("vaqueiros") e os bosques substituíndo aos desertos. Unha cidade en particular, Aberdeen, tiña a fama de ser a cidade máis dura do oeste do Mississippi, debido ao xogo, violencia, uso xeneralizado de drogas e prostitución.
Seattle prosperou coa migración da poboación americana rumbo a Hawai e a Alasca, sendo un centro primario de abastecemento de Hawai por varias décadas, e é até hoxe o centro principal de abastecemento de Alasca. A economía de Washington pasou a prosperar enormemente co inicio da primeira guerra mundial. A produción de madeira e alimentos aumentou enormemente. Seattle tamén se tornou unha cidade industrializada, sendo unha das maiores fabricantes de navíos e avións ao longo da guerra: a Boeing foi creada en 1917 en Seattle. A guerra xerou maior unión entre os traballadores do estado, que se xuntaron en varios sindicatos. Despois do fin da guerra, en febreiro de 1919, os sindicatos da cidade organizaron unha folga xeral en Seattle, secundada por máis de 60 mil traballadores.
A Gran Depresión, que se iniciou en 1929, arruinou a economía do estado. Para tentar minimizar os problemas causados pola Depresión, tales como miseria, desemprego e pobreza, o estado iniciou a construción de diversas obras públicas, entre elas diversas presas, culminando coa inauguración do Encoro de Grand Coulee, en 1941, até hoxe a de maior tamaño nos Estados Unidos.
A economía de Washington recuperouse co inicio da segunda guerra mundial. A rexión metropolitana de Seattle, grazas á a súa proximidade coa fronte de batalla do Pacífico, tornouse unha das maiores fabricantes de navíos militares, e a maior fabricante de avións militares do país. En 1943, o goberno americano inaugurou unha central nuclear no estado, o Hanford Works. Alí se xerou gran parte do combustíbel nuclear usado nas bombas atómicas usadas en Hiroshima e Nagasaki. O estado industrializouse axiña, durante e despois do fin da segunda guerra mundial, e a agricultura, a minaría e a industria madeireira perderon moita importancia na economía.
Durante a década de 1960, o goberno do Estado aprobou unha serie de programas destinados á descontaminación de ríos e lagos contaminados por residuos industriais. O crecemento da Boeing como a maior fabricante de avións do mundo levou a un gran crecemento da poboación da rexión metropolitana de Seattle que, en 1962, foi a sede da Feira Mundial, cuxa maior atracción foi a Space Needle, unha torre de 184 metros de altura, inaugurada un ano antes. Posteriormente, en 1964, os gobernos do Canadá e dos Estados Unidos iniciaron un programa conxunto para a construción de diversas represas ao longo do Río Columbia e afluentes.
O 18 de maio de 1980, o volcán do Monte Santa Helena entrou en erupción. Durmido durante centenas de séculos, o volcán literalmente estoupou, causando a destrución total nun raio de preto de 25 quilómetros; morreron 57 persoas e causou máis de 4 mil millóns de dólares en prexuízos. A economía entrou nunha recesión que perdurou por case 2 anos. A erupción lanzou cinzas volcánicas nun raio de máis de 1.500 quilómetros, especialmente nos primeiros 200 quilómetros, cubrindo varias cidades cunha grosa capa de cinzas, de varios centímetros de espesor.
O reactor nuclear Hanford Works vertía varias toneladas por día de auga (usada como refrixerador) levemente radioactiva no Río Columbia. Alén diso, fallas ao longo da estrutura fixeron que o solo en torno do reactor ficase contaminado. O reactor foi pechado en 1971, e en 1989, o goberno americano e do estado iniciaron un gran programa de limpeza, cuxo termo está previsto para o 2030.
En 1996, Gary Locke foi elixido gobernador. Locke foi o primeiro americano de descendencia chinesa a ser elixido gobernador dun estado americano.
Xeografía Washington localízase no noroeste dos 48 Estados contiguos dos Estados Unidos de América. Limita co océano Pacífico polo oeste, coa provincia canadense de Columbia Británica ao norte, e cos estados americanos de Idaho ao oeste e Oregón ao sur. O río Columbia forma a maior parte da fronteira entre Washington e Oregón.
Trátase dun estado de contrastes. Boa parte do estado está cuberto por forestas e a rexión das forestas da Península de Olimpia está entre as máis chuviosas do mundo. Por outro lado, o territorio oriental do estado é árido, e resulta raro atopar árbores. A variación de altitude do estado é enorme, oscilando entre 0 metros ao longo do litoral a máis de catro mil metros.
O litoral do estado ao longo do océano Pacífico posúe case 255 quilómetros de lonxitude. Porén, contando o litoral formado por illas e baías, este total ascende a uns 4.870 quilómetros. O principal río do estado é o Río Columbia, cuxa nacente está localizada na Columbia Británica. O río percorre Washington, vindo do norte en dirección ao sur, virando en dirección ao oeste na fronteira do estado con Oregón, e atravesa o estado ao longo duns 1.100 quilómetros. As represas instaladas ao longo do río producen a metade de toda a electricidade xerada a través de centrais hidroeléctricas no país; o Encoro de Grand Coulee é actualmente a terceira maior represa do mundo, e a maior do país.
Varios outros ríos atravesan o Estado, nacendo nas Montañas Rochosas e transcorrendo en dirección ao océano Pacífico ou ao Río Columbia. Preto de metade do estado está cuberto por bosques densos, a maior parte deles no oeste.
Washington pode ser dividida en 6 rexións xeográficas:
250px|dereita|miniatura|Vista do Monte Ranier, o punto máis alto do estado, cos seus 4.392 metros de altitude.
As Montañas Rochosas ocupan o noroeste do estado. Caracterízanse pola súa elevada altitude e polo seu terreo moi accidentado. Existen varias minas de ouro, cinc, granito e magnesio.