Don Caballero foi unha banda estadounidense de math rock procedente de Pittsburgh, Pensilvania. O grupo toma o seu nome da personaxe Guy Caballero, interpretada por Joe Flaherty, no programa de "sketches" canadense Second City Television. Nunha parodia do programa á película O padriño, Guy Caballero é chamado "Don Caballero".
Don Caballero (afectuosamente chamada "Don Cab" ou "The Don" polos seareiros) formouse no verán de 1991, editou cinco álbums a través de Touch and Go Records entre 1993 e 2000 e separouse en novembro dese ano. O batería Damon Che recrutou novos músicos para reformar Don Caballero en 2003, e con esa nova formación lanzou dous álbums polo selo Relapse Records. Don Caballero entraría en hiato no ano 2009. A obra da banda é case toda instrumental e céntrase en Damon Che, que vén sendo o único membro permanente de Don Caballero.
Traxectoria A banda formouse en Pittsburgh, Pensilvania, en 1991. A formación orixinal de Don Caballero consistía en Damon Che (batería), Mike Banfield (guitarra) e Pat Morris (baixo). Os seus membros inicialmente pretendían recrutar un cantante para unirse ao grupo. Porén, os seus primeiros ensaios xeraron tal interese que ao trío ofrecéronlles concertos de pago e decidiron seguir como unha banda instrumental. Ian Williams uniríase a eles no ano 1992 como segundo guitarrista.
O estilo enerxético e pouco convencional de Che na batería foi eloxiado con frecuencia, gañándose o alcume de "The Octopus" (o polbo) debido á forma salvaxe de axitar os brazos mentres tocaba.
A banda publicou dous sinxelos para os selos de Pittsburgh Pop Bus e Broken Giraffe, e outro para a etiqueta de Detroit Third Gear. Unha sesión de gravación con Steve Albini e un contrato coa prestixiosa discográfica de Chicago Touch and Go Records levou á edición doutro sinxelo e finalmente á do seu álbum de estrea, For Respect, en 1993.
No outono de 1994 o baixista Pat Morris deixou Don Caballero para formar a banda Six Horse con Shannon Burns e Bill Baxter. Durante os anos 1994 e 1995 varios músicos da zona de Pittsburgh ocuparon o posto de baixista no grupo, entre os que se inclúen Len Jarabeck, Dave Reid, Matt Jencik e George Draguns.
No ano 1995 lanzaron o seu segundo álbum de estudio, Don Caballero 2. Tras a publicación deste disco, Che e Williams expandiron as súas respectivas paletas musicais: Che con Speaking Canaries (que contaba co baixista Karl Hendricks e o batería Noah Leger) e Williams con Storm & Stress, un trío de rock experimental co baixista Eric Emm e o batería Kevin Shea.
En 1997 o grupo volveu a reunirse tras un parón de case dous anos, desta vez co baixista orixinal Pat Morris de volta á banda. No mes de xuño de 1998 editarían o seu terceiro álbum de estudio, What Burns Never Returns.
No outono de 1998 Pat Morris deixaría a banda novamente e foi substituído polo baixista de Storm & Stress Eric Emm. Don Caballero realizou un feixe de exitosas xiras polos Estados Unidos e Europa, e finalmente publicou unha colección de sinxelos e cancións aparecidas en recompilatorios e EPs nun disco chamado Singles Breaking Up (Vol. 1). Durante este período Mike Banfield saíu do grupo sendo substituído brevemente pola antigo guitarrista de Bitch Magnet Jon Fine o que permitiu a Don Caballero completar as xiras de promoción de What Burns Never Returns.
Tensións e marcha de Williams A banda, novamente un trío e agora baseada en Chicago, xirou extensamente durante 1999 e 2000, tocando principalmente material novo. Para encher o oco deixado por Banfield, Williams e Emm tocaron con pedais Akai Headrush que lles permitían facer loops e distintas capas nas súas partes.
Nove novas cancións foron gravadas no ano 2000 Steve Albini no seu estudo de gravación Electrical Audio e publicadas no mes de outubro dese ano como American Don por Touch and Go Records.
Mentres estaban na xira de presentación de American Don en novembro de 2000, as tensións entre Williams e Che aumentaron e a fatiga pasoulles factura aos membros de Don Caballero, polo que decidiron separarse unha vez rematada a xira. Con todo, a banda nunca chegou ao que tería sido o seu último concerto en Detroit o 21 de novembro, xa que a furgoneta na que viaxaban pisou unha placa de xeo na Interestatal 75, perdeu o control e esnafrouse contra un camión articulado. Toda a xira foi documentada polo músico Fred Weaver, abreconcertos da banda, no seu artigo "The Dark Final Days of Don Caballero" para a revista Chunklet.
Ao longo de 2001 e 2002, os antigos membros de Don Caballero embarcáronse nunha variedade de novos proxectos musicais: Damon Che con Bellini, Ian Williams con Battles, Eric Emm con Good Morning e Pat Morris con The Poison Arrows.
Nova formación Che reformou Don Caballero en 2003 cunha formación totalmente nova composta por músicos da banda de Pittsburgh Creta Bourzia. O novos membros eran os guitarristas Jeff Ellsworth e Gene Doyle, e o baixista Jason Jouver. Mike Banfield e Pat Morris foron invitados a participar pero os dous rexeitaron a oferta.
A nova Don Caballero fichou polo selo de heavy metal Relapse Records en 2005 ae publicou o álbum World Class Listening Problem a principios de 2006. O grupo xirou promovendo o disco durante os anos 2006 e 2007, realizando os seus primeiros concertos no Reino Unido e no Xapón.
Jeff Ellsworth deixou Don Caballero en 2006 e o trío restante estreou varias cancións novas (ou "New Shapes", como as chamaban) en 2007, algunhas das cales contaban con voces por cortesía de Damon Che. O grupo gravou este novo conxunto de cancións nos Rust Belt Recorders de Royal Oak, Michigan, a principios de 2008, e lanzouno co título de Punkgasm o 19 de agosto de 2008. O disco contiña algunhas ideas tomadas das sesións con Speaking Canaries anos antes. Doyle cantou nun dos temas, Che cantou en "Dirty Looks", mentres que a canción homónima "Punkgasm" incluía a Che á guitarra e a Doyle na batería. Este álbum é o único de Don Caballero que inclúe voces.
Estado actual Don Caballero non publicou nova música dende o 2009, pero publicou tres álbums con gravacións de arquivo: Gang Banged With a Headache, and Live (gravado ao vivo no 2003 e lanzado no 2012); Five Pairs of Crazy Pants. Wear 'Em: Early Caballero (as primeiras gravacións de estudio da banda que datan de 1991, publicado no 2014); e Look at Them Ellie Mae Wrists Go!: Live Early Caballero (o segundo concerto da banda, gravado en 1992 e editado no 2014).
Nunha entrevista de 2014 con Noisey: Music by Vice, Damon Che indicou que, tecnicamente, Don Caballero aínda existía como unha banda a tempo parcial, e contemplou a posibilidade de facer algunha xira limitada e unha serie de sinxelos en vinilo de 12 polgadas no futuro. Porén, nunha aparición no podcast The Trap Set en 2017, Che falou de Don Caballero totalmente en pasado e sinalou que o grupo "deixou de tocar" despois dun último concerto en España en 2009.
En 2021 creouse unha canle oficial de Don Caballero en YouTube, que presentaba novos vídeos de Damon Che tocando versións de batería da discografía da banda. Isto coincidiu co inicio dunh campaña en GoFundMe por parte de Che para axudar a pagar os custos de dixitalización de todas as cintas máster de Don Caballero, as cales estiveran no seu poder durante máis de 30 anos, antes de que comezasen a degradarse. A páxina de GoFundMe alcanzou o seu obxectivo de doazóns e Che fixo un vídeo de agradecemento aos doantes no que, nun fragmento, comenta que agarda que poida saír material novo no futuro.
En 2024, Che gravou e publicou un álbum co baixista de El Ten Eleven, Kristian Dunn, baixo o nome de Yesness a través de Joyful Noise Recordings co título See You At The Solipsist Convention.
O 27 de marzo de 2026 a banda publicou unha reedición de luxo do seu álbum de 2000 American Don. A edición incluía o traballo orixinal remasterizado por Bob Weston en 2025 e sete cancións inéditas extra. Estes temas, bautizados como True Live Tapes, foron gravados en directo no estudio de Greg Norman, que traballaba con Albini, tras a gravación do álbum ao quedar Williams e Emm descontentos co traballo de guitarras realizado. As cancións graváronse entre a xira de presentación do álbum.
Discografía Álbum Ano Selo Observacións For Respect 1993 Touch and Go Records Don Caballero 2 1995 Touch and Go Records What Burns Never Returns 1998 Touch and Go Records Singles Breaking Up (Vol. 1) 1999 Touch and Go Records recompilatorio American Don 2000 Touch and Go Records World Class Listening Problem 2006 Relapse Records Punkgasm 2008 Relapse Records
Notas
Categoría:Grupos musicais de math rock Categoría:Grupos musicais de post-rock Categoría:Grupos musicais de rock instrumental Categoría:Grupos musicais de Pittsburgh, Pensilvania Categoría:Grupos musicais formados en 1991 Categoría:Artistas de Touch and Go Records Categoría:Artistas de Relapse Records