O bicogroso europeo, comunmente bicogroso (Coccothraustes coccothraustes, Linn. 1758) é unha especie de ave do xénero Coccothraustes dentro da familia Fringillidae. Sixiloso e difícil de observar, é un dos maiores, máis robustos e compactos frinxílidos. De cor parda alaranxada, posúe un característico "anteface" negro, e unhas ás de heteroxéneo e escuro colorido onde sobresae unha franxa branca e a cor azulada das puntas. Vive en bosques caducifolios, onde se alimenta principalmente de sementes duras que casca e abre co seu forte peteiro. Distribúese polo paleártico e pode vivir até 5 anos. Carl von Linné en 1758 foi o primeiro en describir a esta especie para a ciencia.
Descrición O bicogroso presenta unha lonxitude que oscila entre os 16'5 e 18 centímetros, mentres que as medidas de envergadura van dende os 29 aos 33 centímetros. O peso corporal desta especie está entre os 48 e 62 gramos aproximadamente. As femias, polo xeral presentan menores medidas, e por tanto menor tamaño e peso cós machos.
En canto á súa fisionomía, descríbese como un frinxílido típico, de figura robusta, groso pescozo, grande cabeza redonda e un ancho, forte e cónico peteiro de aspecto metálico do cal lle vén o seu nome vulgar (bicogroso). As súas patas son curtas, de cor rosácea en ton claro, e a súa cola tamén é moi curta.
Os seus ollos son de cor marrón, pero para entrar en máis detalles hai que remontarse a 1957. Mountfort observou o bicogroso e indicou que, tras manexalo para o seu anelamento, os ollos deste víranse dunha intensa cor chocolate avermellada polo estado de excitación. Ademais, apuntou que, inmediatamente despois de mortos, a cor dos seus ollos é branca, e que examinados á luz do sol poderían definirse como rosa ámbar.
En canto á súa plumaxe, é moito máis rechamante a do macho cá da femia (máis pálida en tons). O macho presenta un fermoso colorido en que destacan as súas ás e cabeza. A grandes liñas, a cor xeral da súa plumaxe é parda, coa cabeza dun ton máis alaranxado, dun ton máis claro cá cara. Os ollos están delineados por un fino bordo negro intenso que se estende cara ao pico nunha franxa do tamaño do diámetro ocular, rodeando tamén todo o peteiro e baixando pola gorxa negra. Dende os laterais do pescozo, así como a súa parte superior (caluga), a cor é gris clara. O ventre e as partes inferiores son pardas dunha cor marrón abrancazada, agás sobre as patas que é dun gris abrancazado. As ás son completamente heteroxéneas en canto á cor, coas partes interiores da mesma cor có lombo, marrón escuro, e as partes exteriores de negro intenso. No medio e desde o inicio cara ás puntas, as ás presentan primeiro unha franxa de plumas brancas, logo dun marrón castaño e as puntas azuis, moradas ou verdosas, en ton escuro. As plumas da cola son no seu inicio de cor parda na parte superior e cor branca na inferior, continuando nun marrón máis escuro e branco nas puntas, con plumas negras nos bordos exteriores.
Distribución miniatura|400px|Mapa de distribución de Coccothraustes coccothraustes. Nótese o carácter paleártico agás pola anomalía de Alasca Constitúe unha especie de distribución paleártica. Atópase en toda Europa, na Asia tépeda ou oriental (incluíndo o norte do Xapón) e no norte de África (Marrocos, Tunes e Alxeria). Ocasionalmente, o bicogroso foi avistado en Alasca, onde se considera segundo a American Ornithologist Union (AOU) unha especie de presenza accidental.
Malia ser unha especie moi distribuída por toda Europa, o bicogroso áchase ausente en Islandia, gran parte das Illas Británicas (non se atopa en Irlanda), a maior parte de Escandinavia e certas illas mediterráneas. Si se distribúe polo sur e centro de Europa, Inglaterra e o sur de Suecia.
En Asia localízase en Asia Menor, a rexión do Cáucaso e no norte do Irán, Afganistán e de Turkestán. Tamén habita Siberia, Manchuria e Corea do Norte.
Migración O bicogroso é unha ave migradora parcial. Os grupos das rexións máis setentrionais diríxense ao sur durante o inverno. O anelamento das aves permite recoller datos que demostran este feito. En 1960 o ornitólogo K. H. Voous postulou que as poboacións europeas máis setentrionais invernan nos países mediterráneos. En España chegáronse a recuperar, en campañas de estudos de poboación, doce bicogrosos anelados na Alemaña Occidental, Alemaña Oriental, Bélxica, Suíza, Checoslovaquia, Francia e Países Baixos. Con todo, o ornitólogo Paul Herroelen, apunta que algunhas poboacións centroeuropeas do bicogroso, como as belgas, son máis sedentarias ou erráticas. No entanto, Bernis sinala que os datos achados das recuperacións obtidas xa anteriormente sinaladas, corresponden a anelamentos en época de cría, o que significa que ás poboacións sedentarias da Península Ibérica, úneselles no inverno un importante continxente de bicogrosos migrantes que proceden de Centroeuropa.
Taxonomía A especie Coccothraustes coccothraustes foi clasificada por primeira vez en 1758 polo zoólogo Carl von Linné, quen a describiu no xénero Loxia, constando por tanto inicialmente como "Loxia coccothraustes". Máis tarde, Pallas conveu que o bicogroso tratábase dunha especie fóra do xénero Loxia, e o renomeou como coccothraustes vulgaris, pero finalmente, xa no século XIX, o zoólogo londiniense R. B. Sharpe deulle o seu actual nome (Coccothraustes coccothraustes), pertencendo actualmente e deste xeito ao xénero Coccothraustes, que se clasifica na familia Fringillidae dentro da orde dos Passeriformes. O bicogroso unicamente comparte xénero con outras dúas especies, Coccothraustes abeillei e Coccothraustes vespertinus.
Como especie propiamente dita descríbense 6 subespecies:
C.c. coccothraustes, propio do centro e norte de Europa, a Península Ibérica e as Illas Británicas, tamén presente no oeste de Asia. Foi a primeira subespecie descrita (Linnæus 1758).
C.c. buvryi, propio de Alxeria e Tunes, presente en Marrocos. Moito máis gris que C. c. coccothraustes. Clasificado por Cabanis en 1862. Tamén se usa o sinónimo C. c. burryi.
C.c. nigricans, presente en Ucraína, Península de Crimea, Mar Caspio e norte de Irán. Clasificado por Buturlin en 1908.
C.c. humii, distribuído polo leste de Kazakhstán, Kirguizistán, Tadjiikistán e oeste de Afganistán. Clasificado por Sharpe en 1886.
C.c. japonicus, localizado na illa de Sakhalin, Hokkaido e norte de Honshu. Pasa o inverno na China e nas Illas Ogasawara. Especie descrita por Temminck e Schlegel en 1848.
C.c. schulpini, presente na conca do río Amur (Rusia e a China), en Manchuria (China) e nalgunhas zonas que bordean o Mar do Xapón (Corea do Norte, Corea do Sur, Rusia e o Xapón. Foi descrita por H. Johansen en 1944.
Hábitat miniatura|310px|Bicogroso macho Tipicamente o bicogroso aniña e habita durante a primavera en bosques caducifolios, con especies de árbores de gran porte e folla ancha que lles acheguen froitos ou sementes duras (como carballos, aciñeiras, faias, freixos, olmos ou pradairos. Máis raramente tamén habita parques e grandes xardíns de poboacións humanas, e localmente tamén en bosques de coníferas e mixtos. O espectro do seu hábitat pode ser aínda máis diverso, xa que se pode localizar puntualmente en sotobosques, hortas ou mesmo en espazos máis abertos, sempre que non se achen moi lonxe dalgunha fonte básica de auga. Durante o outono e o inverno buscan os bosques que lle acheguen maior cantidade de alimento, en particular aqueles con carpes, ameixeiras, cerdeiras ou teixos.
O bicogroso desenvólvese a altitudes moi dispares, dende a liña de costa até altitudes moi próximas ao límite da vexetación arbórea. A densidade de poboación desta especie é inferior a 0,1 aves por cada 10 hectáreas de hábitat, polo que se trata dun paxaro escaso.
Alimentación A dieta do bicogroso componse basicamente de sementes duras principalmente de grandes árbores, aínda que tamén inxire as dalgunhas froiteiras. Consegue rompelas grazas ao seu forte peteiro, que acciona por medio dunha poderosa musculatura ben desenvolvida.miniatura|250px|Bicogordo nun comedeiro de Bytom, Polonia A forza de trituración do bicogroso equivale a unha carga de 30 a 48 kg aproximadamente, aínda que para algúns autores son maiores de 50 kg. Deste xeito consegue abrir os ósos de cereixas e lodoeiros, dous dos seus alimentos máis comúns e que máis cobizan. Outros alimentos comúns deste paxaro son os piñóns e faiuchos. Tamén son capaces de romper os ósos das olivas, acción para a que se necesitan (segundo probas realizadas) forzas de 53 a 80 kg. Na súa dieta tamén entran certas bagas, rebentos e, durante a primavera, algunhas eirugas que captura. O bicogroso adoita formar pequenos grupos ou bandos para alimentarse, sobre todo durante o inverno.
Unha relación de alimentos máis específica, tendo en conta a gran variedade de sementes que inxire, incluiría: Durante o verán e até o comezo do inverno: sementes de olmo, carpe, pradairo e faia Durante o outono e inverno: froitos da rosa, Rosa canina e espiño Cara a finais do inverno: os brotes máis tenros do carballo, así como os fillos do teixo.
Coa chegada da primavera inxiren certas eirugas que localizan nas follas das árbores, como poden ser a Operophthera brumata e Tortrix viridana. Tamén cazan algúns escaravellos (Lucanus cervus ou Melolontha).
Reprodución En abril comeza a época de cría do bicogroso. A posta desta especie consta duns 4 a 6 ovos e prodúcese de abril a maio. A incubación, duns 12 días, é levada a cabo só pola femia, mentres que o macho lle proporciona o alimento. A miúdo crían en pequenas colonias. Presentan unha única posta ao ano, aínda que de ser moi favorable o hábitat poderían darse dúas.
Cortexo Segundo a descrición de Mountfort, os machos presentan durante o principio da primavera unha plumaxe abondosa e esponxada. É entón cando están listos para o achegamento cara á femia, que se produce lentamente e en zigzag. A miúdo a femia recíbeos hostilmente, polo que os machos deben mostrarse insistentes. Cando logra a atención da femia, o macho coloca o corpo moi dereito, desprega as plumas da cola e baixa as ás até tocar cos seus extremos o chan. É entón cando a femia empeza a mostrar interese agachándose coas plumas lisas e pegadas ao corpo. Posteriormente desprázase, ben dun salto ou en curto voo, seguida polo macho. Acto seguido, o macho leva o peteiro cara ao ventre coma se fixese unha reverencia, co que mostra a zona gris que presenta a súa plumaxe á altura da caluga. Para pechar o cortexo, o macho desprega as súas ás e vai camiñando cara á femia, que alonga o peteiro para que o macho co seu chegue a piques a rozalo.
Niño A nidificación comeza a finais de abril ou comezos de maio. O macho busca o lugar onde comezar a construír o niño. Faino meticulosamente, visitando a zona elixida repetidamente as semanas previas ao comezo da súa construción. Finalmente decídese a colocar as primeiras estruturas do niño, con forma de copa, aínda que será a femia quen o complete. Os materiais empregados son basicamente pequenas raíces, talos finos ou liques, revestindo o interior con pelos. Constrúen o niño a unha altura variable, dificilmente inferior aos 3 m, localizándose polo xeral entre os 7 e 20 m, en árbores grandes, así como en vellos froiteiros, aínda que tamén en arbustos frondosos.
Ovo miniatura|Coccothraustesp. coccothraustes A posta do bicogroso é xeralmente duns 4 ou 6 ovos. O máis común é chocaren 5, aínda que a posta pode mesmo constar de 7 ovos. Por contra, as postas de menos de 4 ovos son moi pouco frecuentes. Poden ser descritos de azul claro ou ben dun verde agrisado, todos en tons pálidos, en ocasións simplemente agrisados, pero sempre con manchas e pintas pardas e en tons denegridos. En canto ao tamaño, segundo os estudos do ornitólogo británico Jourdain, realizado con base en 100 ovos de bicogordo no Reino Unido, presentan medidas duns 24'2 x 17'4 mm como media, cun máximo de 27'6 x 17'1 mm e un mínimo de 19'8 x 15'7 mm.
Pitos