Ontario é unha provincia do Canadá e a máis populosa do país. Segundo o censo de poboación de 2021, é o fogar do 38,5% da poboación total do país, e é a segunda provincia por tamaño detrás do Quebec. A maior cidade canadense, Toronto, así como a capital nacional do país, Ottawa, están localizadas en Ontario. A rexión sur é o punto máis meridional de todo o Canadá.
A principal fonte de renda é a manufactura. O valor dos produtos industrializados producidos en Ontario é maior do que a suma do valor total dos produtos industrializados fabricados en todas as outras provincias e territorios do Canadá. O poderío industrial valeulle o cognome de Corazón Industrial do Canadá. A provincia destaca principalmente pola súa forte industria automobilística, a máis forte de todo o continente americano coa excepción de Míchigan. Outras fontes importantes de renda son o turismo e servizos gobernamentais.
A orixe do seu nome deriva do lago do mesmo nome, lago Ontario, nome dado polos iroqueses, que significa "belo lago", "augas brillantes", "rochas ao cumio" ou "próximo á auga". Ontario fora inicialmente colonizado polos franceses, facendo parte da colonia francesa de Canadá, unha das provincias coloniais da Nova Francia, que entón incluía a rexión sur das actuais provincias canadenses de Ontario e do Quebec.
En 1763, o Reino Unido anexou o Canadá. En tres décadas, os anglófonos tornáronse maioría no suroeste da colonia, motivo pola cal o Reino Unido decidiu dividir a colonia en dúas en 1791. Ambas as divisións foron reunidas novamente en 1840, nunha única provincia do Canadá. Coa independencia do Canadá, o 1 de xullo de 1864, a provincia do Canadá foi definitivamente separada en dúas, nas actuais provincias de Ontario e do Quebec. Inicialmente unha potencia agraria, Ontario tornouse un gran polo industrial no inicio do século XX, e o principal polo económico do país durante a década de 1960 e de 1970.
Historia Ata o século XVIII
Anteriormente á chegada dos primeiros exploradores europeos, a rexión que constitúe a provincia de Ontario era habitada por nativos indíxenas. Tres diferentes grupos indíxenas vivían en diferentes partes de Ontario. Os chippewa vivían ao norte e ao nordeste do Lago Superior, e cazaban e recollían froitas para a súa sustentación. Os huróns habitaban a rexión do lago Huron e do lago Ontario, e vivían fundamentalmente da agricultura. Tanto os chippewas como os huróns temían os iroqueses, indios de carácter nómade e altamente agresivo, que constantemente atacaban os chippewas e os huróns.
O francés Étienne Brulé foi o primeiro europeo a explorar a rexión, facéndoo en 1613, por orde de Samuel de Champlain, o fundador da Quebec. Neste ano, Brulé alcanzou a marxe sur do río Ottawa, na rexión onde se localiza a capital canadense, Ottawa. En 1615, Brulé alcanzara o Lago Huron. Brulé e Champlain observaron que a rexión era rica en animais tales como a capivara, cuxa pel era altamente apreciada no continente europeo. Cazadores franceses comezaron a cazar animais da rexión a partir da década de 1620, ao mesmo tempo en que comerciantes franceses pasaron a comercializar cos huróns peles de animais. Durante a década de 1630, outros exploradores franceses exploraron a rexión do sur dos Grandes Lagos. A rexión que constitúe o sur pasou a facer parte da colonia francesa de Nova Francia.
Misioneiros franceses -acompañados dalgunhas familias francesas- fundaron algunhas vilas ao longo da rexión, tales como o Fort Saint Marie, onde están localizadas as cidades de Sault Ste. Marie, Ontario e Sault Ste. Marie, Míchigan. O principal obxectivo dos misioneiros era converter os nativos da rexión, tales como os huróns, ao cristianismo, ben como a asimiliación destes nativos á cultura europea. Porén, ataques iroqueses forzaron estes misioneiros e os colonos a abandonaren estas vilas. Os franceses continuarían a explorar ao longo da década de 1950 a rexión do norte dos Grandes Lagos.
A expansión da Nova Francia -que ata a década de 1620 estaba limitada á rexión que constitúe as provincias canadenses do Quebec, Novo Brunswick e Nova Escocia- en dirección ao noroeste, ao oeste e ao sur alarmou o Reino Unido, que creou a Compañía da Baía de Hudson en 1670. Os británicos eventualmente aliáronse cos iroqueses. Ambos atacarían constantemente aldeas e comerciantes franceses en toda a Nova Francia. En 1754, comezou a guerra entre os franceses e os británicos. Os franceses perderon a guerra. No Tratado de París, Francia cedía todas as colonias francesas localizadas ao norte dos Grandes Lagos -as colonias de Acadia (actual Novo Brunswick), Nova Escocia e do Canadá- que constituía o que é o sur das provincias de Ontario e do Quebec.
Ata entón, as únicas aldeas francesas no que é Ontario estaban localizados onde hoxe están as cidades de Niagara Falls, Kingston e Windsor. Ata 1784, o crecemento de poboación da rexión de Ontario, aínda parte da colonia inglesa do Canadá, foi moi pequeno. A partir de 1784, co fin da Revolución Americana de 1776 en curso, preto de 10 mil colonos norteamericanos, leais á Coroa británica, migraron para o sur da colonia do Canadá. Logo, o número de anglófonos no sur do Canadá era maior que o número de francófonos. Estes colonos recibiron dos británicos terra, abrigo, comida, roupas e outros produtos.
En 1791, o Reino Unido dividiu a colonia do Canadá en dous, o Canadá Inferior -actual Quebec- e o Canadá Superior -actual Ontario-. Ambas estaban divididas polo río Ottawa. Niagara-on-the-Lake foi escollida como a capital da nova colonia. O Reino Unido estaría encargado de escoller o novo Tenente Gobernador. O primeiro Tenente Gobernador do Canadá Superior foi John Graves Simcoe. Simcoe construíu varias estradas ao longo do Canadá Superior, e promoveu un maior poboamento da colonia. Tamén decidiu mudar a capital da colonia, Niagara-on-the-Lake, a York, actual Toronto. En 1797, todos os postos gobernamentais efectuaran a súa transferencia de Niagara ata York.
1800 - 1867
A poboación do Canadá Superior comezou a crecer gradualmente. Moitos destes colonos eran inmigrantes europeos que chegaran había pouco aos Estados Unidos, en canto que outros eran norteamericanos, ingleses ou escoceses. Varios destes colonos viñeron para o Canadá Superior en grupos e á súa propia sorte, outros foron traídos por compañías especializadas, que eran donas de facendas na colonia e traían os colonos como man de obra. Algúns colonos norteamericanos máis ricos viñeron para o Canadá Superior por causa de terras. Houbo ata o caso dunha vila en Pensilvania, cuxa poboación se mudou por enteiro para o Canadá Superior, instalándose no que é a cidade de Waterloo.
En 1812 comezou a guerra. Os Estados Unidos de América invadiron o Canadá Superior, e tomaron e queimaron a súa capital, York. En 1814, tropas británicas, xuntamente coa milicia canadense, expulsaron os norteamericanos da colonia. A guerra acabou en 1815, en statu quo. A poboación do Canadá Superior e do Canadá Inferior comezou a desenvolver sentimentos antiamericanos, así como un sentimento antidemocracia: os Estados Unidos, entón, eran a única potencia mundial que adoptara a democracia como forma de goberno. Este sentimento antidemocracia tivo gran peso en 1837, cando ocorreu a Rebelión do Canadá Superior. Durante a década de 1830, a poboación do Canadá Inferior comezou a sentirse ferida polo inmenso poder que os británicos tiñan na rexión: os británicos escollían o Tenente Gobernador da colonia, e este tiña gran poder na rexión. A rebelión foi liderada por William Lyon Mackenz, e pedía maiores poderes para o goberno colonial, mais non alcanzou popularidade entre a poboación local, por ser vista como "un ataque da democracia á monarquía". Esta rebelión foi axiña extinguida, non por tropas británicas, senón por unha milicia canadense. Mackenz fuxiu para os Estados Unidos, en canto que outros líderes da rebelión foron executados.
En 1840, o Reino Unido decidiu unir o Canadá Superior e o Canadá Inferior nunha única colonia, a colonia do Canadá, fusión que se realizou en 1841. O obxectivo desta fusión era forzar unha asimilación cultural dos francófonos por parte dos anglófonos. Alarmados pola guerra, os británicos cederon á nova colonia o dereito de formar un goberno baseado no parlamentarismo, que tería poderes sobre asuntos relacionados exclusivamente co Canadá. Anglófonos e francófonos terían o mesmo número de postos na Asemblea lexislativa.
Desde a década de 1820 ata a década de 1850, a rexión recibiu un gran número de inmigrantes ingleses e irlandeses. A poboación anglófona da colonia do Canadá creceu axiña e na década de 1850 xa superara en número a poboación francófona, xerando unha crise política e social entre a poboación anglófona, que se sentía tratada inxustamente polo feito de que os francófonos tivesen igual número de cadeiras na Asemblea mesmo tendo unha poboación menor, e a poboación francófona, que temía unha posíbel asimiliación cultural á cultura anglófona.
En 1864, políticos da colonia do Canadá xuntáronse con políticos das colonias británicas de Illa do Príncipe Eduardo, Novo Brunswick, Nova Escocia e Terra Nova e Labrador, en tres encontros diferentes. Os políticos do Canadá propuxeron ás outras colonias británicas a formación dunha Confederación. Destas colonias, Novo Brunswick e Nova Escocia aceptaron a proposta do Canadá e o 1 de xullo de 1867, a Confederación do Canadá foi creada. A ex-colonia do Canadá foi dividida en dúas, Ontario e Quebec. Estas dúas, mais Novo Brunswick e Nova Escocia, foron os catro membros fundadores do Canadá.
1867 - 1945 O xuíz Oliver Mowat, o segundo gobernador, loitou no Parlamento do Canadá por maiores dereitos e poderes para os gobernos provinciais. El asumiu o goberno do Ontario en 1872, gobernando ata 1896.
A poboación e a economía creceron lentamente nas dúas primeiras décadas como provincia. A pesar da fortaleza que alcanzou a agricultura, e de ter instaladas algunhas industrias, moitas persoas deixaron Ontario e foron aos Estados Unidos, buscando mellores salarios e condicións de vida.
Simultaneamente, a agricultura, grazas ao emprego de modernas prácticas agropecuarias, tornouse a maior fonte de renda da provincia ata a década de 1910. En 1883 foi descuberto o maior depósito de aluminio e de cinc do mundo (naquel momento) en Sudbury. Estes depósitos continuaron sen explotar durante nove anos, ata ser descuberto un proceso barato e eficiente para separar o aluminio do cinc. A minería destes minerais iniciouse en 1892, e axiña se tornou unha das principais fontes de renda da provincia.
A economía pasou a desenvolverse axiña a partir do inicio do século XX. Varios depósitos de ouro e prata foron descubertos na provincia, ao mesmo tempo en que se instalaron varias fábricas e centrais hidroeléctricas, estimulando o crecemento de poboación da provincia. A industria madeireira tamén se tornou importante na provincia. Co inicio da primeira guerra mundial, en 1914, na que Canadá participou activamente, a economía creceu axiña, coa construción de varias fábricas en diversas cidades. No final da guerra, en 1918, lentamente, estas fábricas -que anteriormente fabricaban armas e subministracións militares- pasaron a fabricar automóbiles e equipamentos de comunicación tales como radios e teléfonos. Este crecemento económico, tamén estimulado polo descubrimento de minas de ferro no norte da provincia, atraeron diversos inmigrantes finlandeses, noruegueses e quebequenses, que migraron en gran número a Ontario. Nesta época, Ontario -anteriomente unha pequena faixa de terra que se estendía ao leste do Lago Huron ata o Quebec- expandiuse ata os seus límites actuais.