Os termos guerra de Kosovo ou conflito de Kosovo utilízanse frecuentemente para describir dous conflitos que tiveron lugar, un despois do outro e cun certo solapamento (unha guerra civil seguida dunha guerra internacional), no sur da provincia Serbia de Kosovo (oficialmente Kosovo i Metohija), parte da antiga Iugoslavia. Os dous conflitos foron:

1996-99: Conflito de guerrilla entre os separatistas albaneses e as forzas de seguridade serbias e iugoslavas, no que os albaneses autodenominábanse movemento separatista mentres que as forzas serbias os consideraban terroristas. 1999: Guerra entre Iugoslavia e as forzas da OTAN, entre o 24 de marzo e o 10 de xuño de 1999, período durante o cal as forzas da OTAN realizaron bombardeos continuos contra obxectivos iugoslavos. Os combatentes albaneses continuaron atacando ás forzas serbias e aos civís serbios de Kosovo, mentres que as forzas serbias e iugoslavas continuaron atacando aos rebeldes e provocando desprazamentos masivos de poboación, con miras a mellorar a súa situación á hora dun cesamento do fogo.

Orixes do conflito Kosovo na Iugoslavia de Tito (1945-1986) Tanto os serbios coma os albaneses consideraron a Kosovo como espazo historicamente propio. Para os serbios, foi o centro cultural, así como o lugar da batalla de Kosovo, perdida contra os invasores otománs en 1389 (recórdase como o tributo serbio á defensa da cristiandade). miniatura|Slobodan Milošević en 1996, nunha entrevista.

As tensións entre as dúas comunidades estiveron presentes durante todo o século XX e produciron frecuentes feitos de violencia, particularmente durante a primeira guerra balcánica, a primeira e a segunda guerra mundial. O goberno comunista de Josip Broz, Tito respondeu con represión a todas as manifestacións nacionalistas en toda Iugoslavia, co propósito de manter un balance entre as diferentes repúblicas e, máis particularmente, evitar a predominancia de Serbia sobre as outras. En 1945 a poboación de Kosovo era maioritariamente de orixe serbia pero, xa a finais do século, os asentamentos albaneses pasaran a seren maioría na rexión. Contra finais dos anos 1960, o incipiente nacionalismo albanés empezara xa a tomar forma, a pesar do carácter represivo do réxime.

En 1974 estableceuse un novo estatuto para Kosovo, dándolle maior autonomía, un posto no consello da Presidencia e a súa propia Asemblea, forza policial e banca, sempre baixo o control do partido comunista da rexión.

Tras a morte de Tito, en 1980, creceron as demandas dos albaneses para constituírse na sétima república iugoslava, feito inaceptábel para serbios e macedonios. Algúns vían isto como un preludio para a creación dunha gran república dominante dentro da federación. A resposta a estas demandas foi a represión e a purga de simpatizantes co nacionalismo dentro do partido comunista de Kosovo.

Os conflitos entre a poboación aumentaron e con eles o sentimento nas comunidades de que o obxectivo de cada unha delas era o facer desaparecer a presenza da outra comunidade de Kosovo. Mentres que a poboación serbia se mantivo numericamente en Kosovo durante o goberno de Tito, a poboación albanesa medrou a un ritmo acelerado, chegando a ser máis do 80 % en 1991. Outro factor de presión na rexión foi o empeoramento da situación económica e a ausencia de empregos.

O retroceso político ocorrido en Iugoslavia despois do falecemento de Tito tivo diferentes orixes. Ademais dos conflitos étnicos houbo divisións políticas, de orde constitucional e até persoais entre os líderes do país. En Kosovo, porén, todos estes problemas traducíronse en crecentes niveis de tensión entre serbios e albaneses, creando un clima no que calquera incidente era exacerbado.

O Memorando da Academia Serbia de Ciencias e Artes daba conta en 1986 do xenocidio físico, político, legal e cultural sufrido polos serbios en Kosovo, comparando o estatuto de Kosovo á derrota contra o Imperio Otomán ou á ocupación nazi. Na conclusión do informe solicitaba a aplicación de medios para recuperar a presenza serbia en Kosovo. O informe produciu rexeitamento na poboación albanesa de Kosovo e nalgúns medios intelectuais de Serbia.

En abril de 1987, Slobodan Milošević, que xa nese momento presidía o comité central da Liga comunista de Serbia, viaxou a Kosovo e declarou o seu apoio ás reivindicacións da poboación serbia, obtendo instantaneamente a adhesión da poboación serbia de toda Iugoslavia, facilitando o camiño cara a presidencia de Serbia. Pero para acceder á presidencia de Iugoslavia, Milošević necesitaba o apoio da representación de Kosovo, de maneira que, en 1988, os líderes albaneses do partido comunista de Kosovo foron arrestados e lanzouse a chamada revolución antiburocrática, eliminando a pouca autonomía de Kosovo e impoñendo o estado de emerxencia.

Os cambios na Constitución xustificáronse como a única solución que permitía protexer a minoría serbia dos abusos da maioría albanesa de Kosovo. Un dos puntos de inflexión do conflito produciuse o 28 de xuño de 1989 cando, no 600º aniversario da Batalla de Kosovo, ante unha multitude de 1 000 000 de serbios chegados de todas partes do país, Milošević pronunciou o famoso discurso de Gazimestan, unha exaltación dos ideais serbios, arengando ás masas en recordo da batalla e apelando á unidade dos serbios para os momentos difíciles que se vivían.

Racak e a Conferencia de Rambouillet (xaneiro-marzo de 1999)

Os ataques do UÇK e as respostas serbias continuaron e tiveron o seu punto culminante no ataque conxunto da policía serbia e o exército iugoslavo á vila de Racak, onde morreron 45 albaneses. O incidente considerouse como un masacre en Occidente e polo Consello de Seguridade das Nacións Unidas, converténdose na base dun dos cargos polos crimes de guerra contra Milošević e os seus altos oficiais. Segundo fontes serbias, os albaneses morreron en combate, porén, o Tribunal Penal Internacional para a ex Iugoslavia documentou varios casos de asasinatos en Racak (o xuízo a Milošević non puido concluír debido á morte deste o 11 de marzo de 2006).

El 30 de xaneiro de 1999, a OTAN decidiu enviar a Kosovo unha forza de interposición. No seu anuncio agregou:

A OTAN informa estar preparada para lanzar ataques aéreos a obxectivos iugoslavos co fin de forzar un arranxo político do conflito. Claramente se anunciaban bombardeos se o goberno de Milošević non chegaba a un acordo de paz co UÇK, pero tamén estaba a ameaza velada aos albaneses do UÇK de deixalos sós de non chegaren a un acordo. O Grupo de Contacto formado propuxo unha serie de principios non negociábeis, que incluían o regreso ao estatuto de autonomía de Kosovo anterior a 1990 e a introdución de institucións democráticas transparentes con supervisión internacional. Igualmente convocou a unha conferencia de paz que se levou a cabo no Castelo de Rambouillet, nas aforas de París.

A conferencia de Rambouillet tivo lugar entre febreiro e marzo de 1999. No informe final, as partes comprometíanse nos seguintes puntos:

Establecer un estatuto de autonomía para Kosovo que incluíra eleccións libres e transparentes, protección aos dereitos humanos e un réxime xudicial independente. As regras para a presenza internacional na rexión serían establecidas nunha conferencia inmediatamente posterior á primeira. O establecemento dun cesamento ao fogo, evitando as partes provocar e responder a provocacións que puideran poñer en perigo o acordo obtido.

Ao final, o acordo non foi asinado por Serbia, cuxa delegación propuxo máis adiante unha versión corrixida que eliminaba principalmente o acceso ás forzas da OTAN ao territorio de Iugoslavia.

Tras o fracaso da Conferencia de paz de Rambouillet retiráronse os observadores internacionais. O 22 de marzo, a asemblea serbia, ante a inminencia dos bombardeos da OTAN, aceptou o principio de autonomía de Kosovo, pero condenou os resultados da conferencia desautorizando á súa delegación por negociar con terroristas. Isto non foi suficiente para frear a intervención militar da OTAN, que se iniciou o 24 de marzo.

Campaña de bombardeos da OTAN

Os bombardeos da OTAN duraron desde o 24 de marzo até o 10 de xuño de 1999. Usáronse 1.000 aeronaves operando desde bases situadas en Italia e portaavións no mar Adriático. Os mísiles máis usados foron os tomahawks (mísil de cruceiro), os cales se lanzaban desde aeronaves, barcos e submarinos. Durante as dez semanas que durou o conflito bélico, os avións da OTAN realizaron 38.000 misións de combate.

Aínda que todos os membros da OTAN chegaron a involucrarse en maior ou menor grao, os Estados Unidos foron o membro dominante da coalición contra Serbia. Tamén destacou Grecia, que desempeñou un papel crucial a pesar da súa oposición pública á guerra.

O portavoz da OTAN expresou brevemente o obxectivo desta operación como: "Expulsión dos serbios, permanencia das forzas de paz, retorno de refuxiados". Isto significaba que as tropas serbias terían que marchar de Kosovo para ser substituídas por forzas de paz internacionais e así asegurar que os refuxiados albaneses puideran volver ás súas casas. Porén, este lema tiña un nefasto duplo significado, causando á OTAN un considerábel apuro tras a guerra, cando uns 200.000 serbios e outras minorías non albanesas fuxiron ou foron expulsadas da provincia. Unha razón non oficial para a guerra deuna implicitamente Madeleine Albright (Secretaria de Estado dos Estados Unidos): "Para que nos serve ter o mellor exército se non podemos usalo?"; unha observación que, supostamente, causou que o xefe do Estado Maior do exército dos Estados Unidos cuestionara a súa cordura. Tamén se suxeriu que unha vitoria nunha pequena guerra axudaría a dar á OTAN unha nova función. miniatura|300px|esquerda|Bombardeiro F-15 da OTAN engalando na base de Aviano (Italia). miniatura|300px|esquerda|Lugares de Kosovo e do sur de Serbia bombardeados pola OTAN.

O comezo da campaña ideouse para destruír as defensas aéreas serbias e obxectivos de alto valor militar. Os resultados iniciais non foron bos, o mal tempo obstaculizou algunhas intervencións prematuras. A OTAN subestimara seriamente a vontade de resistir de Milošević: poucos en Bruxelas pensaron que a campaña duraría algo máis que algúns días. Aínda que os bombardeos iniciais foron notábeis, non foron, nin por asomo, como os que se viron en Bagdad en 1991 e, máis adiante, en 2003. Sobre o terreo o combate empeoraba. Despois dunha semana desde que comezara a guerra, ao redor de 300.000 albaneses de Kosovo fuxiran ás veciñas Albania e Macedonia e uns cuantos miles máis se desprazáronse polo interior de Kosovo. En abril, as Nacións Unidas informaron que fuxiran das súas casas 850.000 persoas, a gran maioría albaneses.

O éxodo dos refuxiados, cuxa causa é obxecto dunha gran controversia, forma a base dos cargos por crimes de guerra que as Nacións Unidas imputan a Slobodan Milošević e outros oficiais responsábeis de dirixir o conflito en Kosovo. A parte serbia e os seus apoios occidentais afirman que as migracións foron causadas por un pánico masivo na poboación albanesa de Kosovo, e que o éxodo se xerou principalmente por medo aos bombardeos da OTAN. Tamén se alegou que o éxodo foi alentado polas guerrillas do UÇK, que incluso nalgúns casos deron ordes directas de fuxir aos albaneses. Algúns informes de testemuñas, tanto serbios como albaneses, identificaron como os culpábeis ás forzas de seguridade e grupos paramilitares serbios, responsábeis de baleirar sistematicamente de habitantes albaneses cidades pequenas e vilas. De feito houbo algúns casos ben documentados de expulsións masivas, como sucedeu en Pristina a finais de marzo, cando decenas de miles de persoas foron reunidas a punta de pistola e cargadas en trens para seren abandonadas na fronteira macedonia. Outras cidades, como Pec, foron incendiadas. miniatura|150px|Milo Djukanović. miniatura|300px|esquerda|Zona residencial bombardeada. miniatura|300px|esquerda|Edificios destruídos en Kosovo.