Os petróglifos da Borna son un conxunto de gravados rupestres da idade de bronce situados na parroquia de Meira (Moaña). Está catalogado pola Xunta de Galicia co código GA36029005.
Situación Están localizados a uns 230 m de altitude, na aba do monte da Borna, que cae até a praia do mesmo nome. Están orientados ao suroeste, cara á boca da ría de Vigo e a enseada de Moaña. Hai camiño de acceso até eles, se ben está cuberto de maleza. O monte é de uso comunal, e o seu uso é forestal. O seu estado de conservación é regular, pois a laxe foi afectada polos incendios forestais.
Características O conxunto da estación rupestre, de 12 x 25 m, está conformado por un grupo de laxes distribuídas en dous paneis contiguos. O primeiro (máis alto e cara ao oeste), inclúe case 50 motivos orientados do mesmo xeito en forma de cruz ou antropomorfos. O segundo (cara ao leste), contén cruces e deseños en forma de U invertido. No interior dalgúns destes motivos hai cruces, e nun deles (ver imaxe) unha pequena cunca. Isto foi interpretado como unha posible embarcación.
O lugar é coñecido como Pegada de San Pedro. Segundo a tradición oral, os gravados na laxe son as pegadas das ferraduras do cabalo de San Pedro, que pegou un salto desde aquí ao outro lado da ría de Vigo ao se lle aparecer o demo disfrazado de serpe.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Alonso Romero, F.: «Hallazgo de un Petroglifo con Representaciones Esquemáticas de Embarcaciones de la Edad de Bronce». Zephirus, t.XXV p. 295-308. (1974) García Alén, Alfredo e de la Peña, Antonio. Grabados rupestres de la provincia de Pontevedra (1980). Fundación Pedro Barrié de la Maza. ISBN 84-85728-04-1 Villaverde Román, X. C.: Lendas de Moaña. Agrupación cultural Nos, Moaña, 1988. Aparicio, B.: Mouras, serpientes, tesoros y otros encantos. Mitología popular gallega. Cadernos do Seminario de Sargadelos, 80, Ediciós do Castro, Sada, 1999.
Outros artigos Petróglifos do Pozo Garrido Ligazóns externas Pegada do Cabalo de San Pedro, ficha en galiciaencantada.com Representación en 3D do petróglifo da Borna
Categoría:Petróglifos de Galicia Categoría:Moaña Categoría:Bens de Interese Cultural da provincia de Pontevedra