Nuria Varela, nada en Turón (Mieres) en 1967, é unha xornalista e escritora asturiana.

Traxectoria Licenciouse en Ciencias da Información na Universidade Complutense de Madrid. Ten grande experiencia en conflitos bélicos, dando un punto de vista desde o activismo feminista. Cubriu para o semanario Panorama o golpe de estado soviético de 1991 e mais a guerra de Bosnia, o sitio de Saraxevo e a situación dos campos de refuxiados croatas durante as guerras iugoslavas. En 1993 pasou a traballar para Interviú, facendo reportaxes sobre os campos de refuxiados afgáns en Paquistán, os campamentos de refuxiados saharauís e sobre a matanza de Acteal en Chiapas. Foi correspondente de guerra en Chechenia, estivo cos ex-guerrilleiros no Salvador e coas brigadas de Nicaragua, amais de observadora dos campamentos civís pola paz en Chiapas e Libia.

En 2003 publicou o seu primeiro libro, Íbamos a ser reinas. Nel analiza a enorme problemática da violencia de xénero sufrida polas mulleres non só por parte das súas parellas, senón tamén por parte do sistema xudicial, político, social e mesmo polas súas propias compañeiras e familias, por mor do fundamento patriarcal da maior parte das sociedades contemporáneas, en concreto a occidental.

En 2005 presentou o seu segundo libro, Feminismo para principiantes, no que pretendeu facer un repaso "da historia dos tres séculos da historia do feminismo e a súa chegada a España". No 2018 levou a cabo unha revisión do libro e se lle engadiron as ilustracións realizadas por Antonia Santolaya.

Premios e recoñecementos Premio CODAPA 2018 pola súa traxectoria na defensa da igualdade e o traballo para o desenvolvemento dunha escola pública de calidade.

Obra

2003: Íbamos a ser reinas 2005: Feminismo para principiantes 2008: Martín y la pirata Candela 2012: La voz ignorada. Ana Orantes y el fin de la impunidad 2016: Cansadas. Una reacción feminista frente a la nueva misoginia 2018: Feminismo para principantes (versión Ilustrada) 2019: Feminismo 4.0. La cuarta ola 2024: El síndrome Borgen

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Twitter oficial

Categoría:Xornalistas de Asturias Categoría:Escritores de Asturias Categoría:Escritores en lingua castelá Categoría:Nados en Mieres Categoría:Nados en 1967 Categoría:Alumnos da Universidade Complutense de Madrid Categoría:Feministas de Asturias