miniatura|200px|L'Evasion de Rochefort, cadro de Edouard Manet exposto no museo Kuntshaus de Zürich. Victor Henri Rochefort, Marqués de Rochefort-Luçay, nado en París o 30 de xaneiro de 1830 e finado en Aix-les-Bains o 30 de xuño de 1913, foi un escritor, xornalista e político francés.
Traxectoria Despois de iniciar os estudos de medicina, traballou durante un tempo nun soado hotel parisiense, para logo adicarse a escribir teatro e ao xornalismo. En 1863 entrou a formar parte do xornal Le Figaro, mais unha serie de artigos, que posteriormente publicaría baixo o título xenérico de A decadencia francesa, provocaron un conflito do xornal coas autoridades e a rescisión do seu contrato.
En colaboración con outros dramaturgos adicouse a escribir unha serie de vodeviles de certo éxito. Tras a saída de Le Figaro fundou o seu propio xornal, La Lanterne. Porén, o xornal foi secuestrado ao saír do prelo o seu undécimo número e Rochefort multado con 10.000 francos e condenado a un ano de prisión.
Pasou entón a publicar o xornal en Bruxelas, dende onde era introducido clandestinamente en Francia, impreso en francés, castelán, inglés, italiano e alemán. Máis tarde, en 1869, consegue ocupar un escano no parlamento francés. Aproveita para encetar un novo xornal, A Marsellesa, que fixo do Segundo Imperio Francés o branco das súas críticas, algunhas baixo a forma de artigos moi violentos. A causa dun deles un colaborador del, Victor Noir, foi asasinado por Pierre Napoleon Bonaparte, sobriño de Napoleón I de Francia. Tanto Rochefort coma outro dos seus colaboradores, Paschal Grousset foron condenados a seis meses de prisión e o xornal clausurado en 1870.
Tras as revoltas parisienses de 1870 foi liberado e formou parte do goberno da Terceira República Francesa, pero as súas simpatías polos comuneiros socialistas fixo que o abandonase. Logo do efémero control do poder ostentado por estes, na primavera de 1871, tentou fuxir de París disfrazado, mais foi novamente apreixado e condenado desta vez a cadea perpetua. Malia os esforzos do escritor Victor Hugo por conseguir a súa liberación foi deportado a Nova Caledonia. En 1874 logrou escapar e viviu exiliado en Londres e Xenebra, ata que a amnistía decretada en 1880 permitiu a súa volta a París, onde volveu fundar outro xornal, L'Intransigeant, de ideario socialista.
A axitación provocada polos partidarios de Georges Boulanger dálle unha nova oportunidade a Rochefort para facer uso do seu xornalismo incendiario e violento. En 1889 seguiu no exilio ao militar e, tras o suicidio de Boulanger, continuou coa polémica dende Londres. Volvería a París seis anos despois. En 1897 estalou o caso Dreyfus. Tomou parte polos anti-dreyfusards, encargándose de organizar a súa campaña de prensa.
Por toda a súa axitada carreira profesional, Rochefort pasou a historia do mundo do xornalismo co significativo alcume de Le prince des polémistes ("O príncipe dos polemistas").
Obras Les Petits Mystères de l'Hôtel des Ventes (1862). Les Dépravés (1882) Les Naufrageurs (1876) L'Évadé (1883) Napoléon dernier (3 vols., 1884) Les Aventures de ma vie (5 vols., 1896)
Véxase tamén
Ligazóns externas Biografía de Rochefort nunha páxina web adicada á análise do caso Dreyfus
Categoría:Nados en París Categoría:Nados en 1830 Categoría:Finados en 1913 Categoría:Escritores en lingua francesa Categoría:Escritores de Francia Categoría:Políticos de Francia Categoría:Xornalistas de Francia