O cancro ou cáncer é o nome popular do que tecnicamente se denomina como neoplasia maligna, e refírese xenericamente ás doenzas en que determinado grupo de células do corpo se divide de forma descontrolada, invadindo os tecidos adxacentes ou distantes. É causada por mutacións no ADN, que poden ser hereditarias pero máis frecuentemente son adquiridas ao longo da vida.

Entre os factores que aumentan o risco de cancro inclúense a exposición excesiva á radiación solar (cancros de pel), algúns virus (cancro de pene, colo do útero, algúns linfomas). Non obstante as causas previsibles máis importantes do cancro son o tabaco (cancros de pulmón e vexiga) e o alcohol (cancro de estómago e do páncreas).

O cancro pode ter diversos síntomas e por veces é asintomático ata unha fase avanzada. A perda de peso rápida con falta de apetito está moitas veces asociada á neoplasia maligna. O diagnóstico só se pode comprobar pola análise de tecido recollido en biopsia pola anatomía patolóxica. Calquera masa anormal, sangradura urinaria, intestinal, ou na tose é suxestiva e deberá ser examinada por un médico. As persoas de idade avanzada están en maior risco e deben ser examinadas regularmente.

Hoxe en día, un 40 % dos casos de cancro son curables ou permiten unha supervivencia prolongada. Con todo, case todos os casos de bo prognóstico continúan a ser os de detección precoz: o cancro diagnosticado en fase avanzada aínda resulta case sempre na morte do paciente, con poucas excepcións.

O 4 de febreiro de cada ano celébrase o Día Mundial contra o Cancro.

Neoplasia e cancro Os tumores neoplásicos son calquera masa de células que xorden por divisións inadecuadas dunha célula nai orixinal (multiplicación clonal), na cal a expresión dos xenes que regulaban esa división están alterados. O cancro é entendido como a grave situación patolóxica clínica que se xera por unha neoplasia, a cal se clasifica como maligna debido á situación clínica que orixina, potencialmente fatal.

Tumores malignos e benignos O tumor maligno ou cancro distínguese do tumor benigno principalmente porque o primeiro pon a vida do doente en risco e o segundo, xeralmente, non. A gran maioría dos tumores malignos é invasivo, e a súa infiltración progresiva en estruturas adxacentes ou distantes a través de metástases é o que crea disfuncións nos órganos invadidos e mais reaccións inmunitarias ás lesións, que levan á insuficiencia ou malfunción de órganos vitais e á morte. Así e todo, non todos os cancros son invasivos. Algúns tumores son considerados malignos a pesar de seren en todo semellantes aos benignos porque producen graves danos na produción de hormonas (como tal, o feocromocitoma), mentres outros comprimen órganos debido ás limitacións ao seu crecemento como os tumores do cerebro que non se poden expandir debido ao cranio e acaban comprimindo o cerebro, o que resulta na morte.

As neoplasias benignas en xeral non se transforman en malignas (aínda que existen numerosas excepcións) e poden polo tanto manterse no corpo do paciente, mais xeralmente recoméndase a retirada por motivos estéticos.

Porén, en casos raros as neoplasias de comportamento benigno poden levar á morte se o seu crecemento, por azar, comprimise mecanicamente unha arteria, vea ou nervio importante, por exemplo.

Metástase As células cancerosas poden tamén desprenderse do tecido neoplásico orixinal e, a través da corrente sanguínea, linfática ou a través doutros líquidos (peritoneal, pleural) instalárense noutros órganos distantes da localización inicial, o que se denomina metástases. A metastasización constitúe a fase do cancro cuxo tratamento é máis difícil e cando é obtido menos éxito na recuperación dos pacientes. O paciente con cancro debe, sempre que se poida, ser operado o máis axiña posíbel para a extracción do tecido ou do órgano afectado, seguido dun tratamento de quimioterapia ou radioterapia.

Cancro como doenza xenética O cancro é fundamentalmente unha doenza xenética. En células normais, o crecemento celular está controlado por diversos factores, ou hormonas, liberadas por células adxacentes ou distantes. Deste xeito, un tecido consegue medrar ou atrofiar en resposta a demandas aumentadas ou diminuídas da súa función.

Hai varios factores que promoven o crecemento e multiplicación celulares, algúns sistémicos, como a hormona do crecemento, hormonas da tiroide (t3/t4), insulina, e outros factores locais, como as citocinas.

A progresión do cancro non é máis que a desactivación de determinados xenes e a hiperexpresión doutros, dando orixe a células independentes da regulación local e central do organismo, que se dividen sen inhibición. Outras mutacións noutros xenes poden dar entón novas capacidades invasivas ás células neoplásicas, xa que todas as células do organismo posúen o xenoma completo e polo tanto a capacidade de produciren calquera proteína, desde que os xenes correspondentes se activan (neste caso por mutación). Así, unha célula da cartilaxe (condrocito) neoplásica pode sufrir unha mutación, que lle permite formar proteínas que provocan a formación de novos vasos sanguíneos, a pesar de que tal xene nunca se expresa na célula normal.

Varias das síndromes de cancro familiares son causadas por estar xa mutado nesas familias algún xene importante na progresión ou iniciación tumoral. Máis frecuentemente están mutados os xenes de supresión tumoral (ver adiante) en que son necesarias dúas mutacións en ambas as copias (unha do pai, outra da nai) para que haxa desactivación. Se o individuo herda do pai unha copia defectuosa, é moito máis doado que ocorra a mutación soamente na copia materna que nos dous alelos.

Un dos feitos máis intrigantes en oncoloxía é a restrición de determinadas mutacións a determinados tipos de cancro: case todos os cancros teñen apenas unha, dúas ou tres vías de progresión con mutacións de determinados xenes, en canto que noutros órganos a progresión se dá por mutacións en xenes diferentes. Talvez se dá este feito porque en determinados tecidos funcionan principalmente determinados oncoxenes e xenes supresores tumorais, e non outros, mais a causa exacta permanece escura.

ADN e mutacións A actividade de cada célula ou tecido está dirixida polo seu ADN. Ao longo da embrioxénese, á medida que se orixinan do cigoto células cada vez máis diferenciadas, algúns xenes tórnanse activos en canto que se silencian outros, conforme coa función final da célula. Mais cada célula mantén sempre unha copia do xenoma completo no seu núcleo. As cadeas de ADN son fráxiles e son modificadas facilmente por químicas ou radiación. Existen, con todo, proteínas reparadoras de erros do ADN que reducen a un mínimo a taxa de erros ou mutacións. A maior cantidade de erros ocorre durante a división celular, pola necesidade de duplicar cada cromosoma, de modo que cada célula filla teña unha copia. Continúan, con todo a seren feitos algúns erros, unha simple base movida xa constitúe unha mutación. Ao longo da vida, millóns de células do noso corpo sofren pequenas mutacións, esas células normalmente autodestrúense ordenaaos pola actividade de proteínas xeradas a partir de xenes antitumorais do ADN, como por exemplo o p53.

Ningunha célula se torna neoplásica cunha soa mutación. Normalmente son necesarias varias para que haxa desregulación do ciclo celular e proliferación excesiva, e aínda outras máis para que haxa invasión dos órganos adxacentes ou distantes.

A mutación non letal do ADN constitúe a orixe do cancro. Calquera célula morre se está suxeita a lesións extensas no seu ADN, ao lesionárense os xenes fundamentais para a súa sobrevivencia. As células son máis vulnerables ás mutacións durante a división celular con duplicación do ADN. Esta é a base da radioterapia: se as células tumorais se dividen moito máis axiña, serán máis vulnerábeis á radiación letal. Con todo, a radiación ou outros agresións en pequenas cantidades probabelmente damnificarán menos os xenes fundamentais e con igual probabilidade afectarán a xenes envolvidos na regulación da proliferación celular.

O ADN é un polímero con catro tipos diferentes de bases: adenina, timina, guanina e citosina. A serie de bases é traducida en secuencias proteicas de acordo cos tipos de bases (cada aminoácido corresponde a unha serie de tres bases). Diferentes secuencias de aminoácidos con diferentes propiedades químicas leva a diferentes comportamentos das proteínas. A substitución ou eliminación dunha única base pode levar a proteínas diferentes, máis cantidade producida dunha proteína ou silenciamento do xene.

Outros tipos de mutacións son as quebras cromosómicas, que son reparadas ás veces por cambio dos fragmentos quebrados en cromosomas diferentes do habitual, con efectos ao nivel da expresión xénica.

Existen varias proteínas que corrixen os erros no ADN. Se os xenes destas proteínas sufriren mutacións, poden ser inutilizadas, ocorrendo unha maior taxa de mutacións subsecuente -fenómeno denominado inestabilidade xenética.

Causas das mutacións A mutación do ADN pode ser debida a varios factores: Radiación: a radiación UV provoca directamente danos do ADN, con formación de dímeros de bases. Estes son corrixidos sen problemas a maioría das veces, mais poden ser reparados erroneamente coa substitución por unha base diferente. A radiación de alta enerxía (raios gamma, beta e alfa) tamén causa mutacións. A orixe máis significativa desta radiación non son as centrais ou accidentes nucleares, senón a radiación cósmica, partículas xeradas en furados negros ou supernovas que viaxan millares de anos luz acabando por causar cancros nos seres vivos da Terra. Hidrocarburos aromáticos policíclicos: os hidrocarburos como aqueles presentes en calquera tipo de fume (tabaco principalmente), causan mutacións no ADN. Son os máis potentes carcinóxenos que están presentes en concentración significativa nos ambientes humanos. Outros produtos químicos: por exemplo arilaminas (colorante industrial) no cancro da vexiga, aflatoxina (toxina de fungo) no carcinoma hepatocelular. Irritación crónica: a irritación crónica con morte e división celulares constantes ofrece a maior taxa de mutacións debido á maior probabilidade de erros no ADN durante a súa replicación ou durante a división celular. Por exemplo a hepatite crónica por alcoholismo, a pancreatite crónica por alcoholismo ou a cistite crónica por infección. Virus: algúns virus causan mutacións no ADN ao inseriren o seu xenoma no da célula de forma arbitraria, ou ao produciren proteínas que estimulan a proliferación da célula a partir de oncoxenes do xenoma do propio virus. Algúns exemplos son o virus Epstein-Barr, que causa a doenza do beixo (algúns tipos de linfomas e carcinomas nasofarinxeais), Papilomavirus, que causa a verruga e o condiloma acuminado (carcinomas do pene e colo do útero), HTLV-1 (linfoma de células T), virus da Hepatite B e C (carcinoma hepatocelular), virus do sarcoma de Kaposi (un virus da familia do Herpes que causa cancro nos vasos de imunodeprimidos, en especial na SIDA). Bacterias: a infección do estómago crónica con Helicobacter pylori predispón ao desenvolvemento de cancro do estómago e a linfomas asociados á mucosa (MALTomas).

Dun xeito ou doutro, o tumor comeza basicamente cando hai un dano no ADN, causado por calquera dos factores anteriores, e que non se repara polos sistemas de reparación do ADN existentes en todas as células, xerando unha mutación. Dependendo do lugar en que ocorre a mutación na molécula de ADN, este defecto pode causar un desequilibrio no ciclo celular, desencadeando unha reprodución acelerada e descontrolada de células.

Xenes tipicamente mutados no cancro Calquera tumor está constituído pola proxenie dunha única célula que acumulou mutacións en xenes suficientes para evadir os mecanismos antitumorais e para gañar autonomía na replicación.

Existen basicamente catro clases de xenes importantes na patoxenia do cancro: