Xulio Sigüenza Reimúndez, nado na Coruña o 7 de xaneiro de 1898 e finado en Vigo o 15 de abril de 1965, foi un xornalista e escritor galego.

Traxectoria

Emigrou mozo primeiro a Cuba e despois á Arxentina e o Uruguai. Chegou á Habana en 1912, onde viviu trece anos. Alí comezou a escribir poesía e artigos xornalísticos relacionados con Galicia. En 1923 publicou o seu primeiro libro De los agros Celtas, prologado por Jacinto Benavente. Relacionouse con artistas e escritores galegos no café La Puerta del Sol, nun faladoiro coñecido como a Cova Céltiga; alí naceron as revistas Galicia, Labor Gallega e El Eco de Galicia. Ao mesmo tempo traballou como xornalista no Diario de la Marina, Diario Español e El Crisol. De Cuba viaxou a Estados Unidos de América en varias ocasións e dende alí enviou en 1921 á revista Galicia o artigo "Os mandamentos do bo galego", reflexo do seu pensamento nacionalista.

Volveu á Coruña e despois dun ano marchou a Arxentina, onde traballou en diferentes diarios como La Razón, Almanaque Gallego, El Despertar Gallego, El Heraldo Gallego e foi director da revista Céltiga. Permaneceu en Buenos Aires uns dez meses e ao non estar de acordo co ambiente literario bonaerense, marchou a Montevideo. No Uruguai viviu sete anos e dirixiu a revista Galicia, órgano de prensa do Centro Gallego de Montevideo do que foi secretario, e a revista Cartel xunto a Alfredo Mario Ferreiro. Foi fundador e primeiro secretario da Asociación Protectora de la Cultura Gallega e publicou libros de poesía en castelán. Nos anos americanos, o seu labor na defensa da cultura galega foi intenso, desde publicacións, centros culturais o como conferenciante nas universidades de La Plata e Montevideo.

En 1928 presentou o seu primeiro libro en galego, Cantigas e verbas ao ar, na liña da poesía imaxinista de Luís Amado Carballo, escrito en Montevideo e publicado na Coruña (fixo unha segunda edición, titulada Verbas ao ar con algunhas modificacións e engadidos, editada en Vigo en 1957). Casou en 1933 con María Angelina Fontela e fixou a súa residencia en Vigo, onde naceron os seus dous fillos, Xulio e María Isabel. Continuou a súa tarefa de conferenciante e xornalista, dirixindo diarios como La Tarde de Vigo e traballando como xefe de redacción de El Pueblo Gallego.

Durante a guerra civil foi detido polas súas ideas republicanas e, para poder escapar á máis que segura represión escribiu Poemas del imperio, un libro de adulación ao xeneral Franco. Colaborou nas revistas Cristal (Pontevedra) e Alba (Vigo) e no Faro de Vigo. Foi director e fundador das revistas Numen de estudos poéticos e Cartel de arte e actualidades. Ingresou como membro de número na Real Academia Galega o 28 de xaneiro de 1956 coa lectura do discurso Un gallego universal: José Alonso y Trelle (El viejo Pancho), contestado por Ángel del Castillo López. Morreu en Vigo en abril de 1965, despois dunha curta enfermidade.

Obras miniatura|Caricatura de Julio Singüenza por Melchor Méndez Magariños no libro de poemas "Cuaderno del ojo sin sueño" de Singüenza, circa 1930.

Poesía De los agros celtas, 1923. Del amor y de la muerte, 1924. La ruta aventurera, 1927. Cantigas e verbas ao ar, 1928, A Coruña. Cuaderno del ojo sin sueño, 1930. Las canciones extraviadas, 1937. Poemas del imperio, 1939.

Narrativa El lobo, 1924.

Ensaio Galicia cara y cruz, 1930.

En 2000 o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades publicou Obra Galega en edición de Josefa Beloso Gómez.

Notas

Véxase tamén Bibliografía "Xulio Sigüenza, nacionalista e poeta en Cuba: Trece poemas galegos" de Xosé María Dobarro en Cinguidos por unha arela común. Ligazóns externas Ficha de Obra Galega no Centro Ramón Piñeiro

Categoría:Escritores de Galicia en lingua galega Categoría:Poetas de Galicia Categoría:Escritores de Galicia en lingua castelá Categoría:Xornalistas da Coruña Categoría:Membros de número da Real Academia Galega Categoría:Nados na Coruña Categoría:Nados en 1898 Categoría:Finados en 1965