Edward Cornelis Florentius Alfonsus Schillebeeckx, nado en Anveres (Bélxica) o 12 de novembro de 1914 e finado en Nimega, o 23 de decembro de 2009, foi un teólogo holandés.
Traxectoria En 1934 entrou no orde dominicano e en 1941 foi ordenado sacerdote. Estudou no Studium Generale dominicano de la Saulchoir, e na Sorbona de París. Foi profesor de dogmática e historia da teoloxía na Universidade de Nimega. Asesorou ao episcopado holandés no Concilio Vaticano II, en converxencia de posicións con outros teólogos daquela considerados progresistas como Bernhard Häring, Hans Küng ou Joseph Ratzinger. Tras o concilio foi un dos redactores do Catecismo holandés, editado pola igrexa de Holanda en 1966 e considerado rupturista en relación ás posicións doutrinais e morais tradicionais da Igrexa Católica en materias como o pecado orixinal, a redención, o celibato, o sacerdocio da muller, o divorcio e os anticonceptivos. Participou na revista Concilium con Karl Rahner, Yves Congar e Hans Küng.
A Congregación da Doutrina da Fe abriu expediente para someter a exame as súas posicións cristolóxicas e eclesiolóxicas, pero nunca chegou a sancionalo.
Recibiu o Premio Erasmus no ano 1982.
Pensamento No seu libro Cristo, Sacramento do Encontro con Deus rexeita a idea de que o sacramento é unha expresión xurídica dun acto administrativo da Igrexa, senón unha expresión tanxible de encontro con Xesús de Nazaret.
En Xesús, historia dun vivente achégase á figura de Xesús dende a ciencia histórica, entendendo que os dogmas cristolóxicos han de referirse e partir da figura do Xesús da historia. Este anunciou unha boa nova, unha oferta gratuíta de salvación aos pobres, aos desprezados e aos pecadores (o Reino de Deus), o que acabou producindo un choque inevitable co poder relixioso do Templo de Xerusalén e unha incomodidade irresoluble para o poder político que acabaría na cruz.
En Cristo e os cristiáns. Graza e Liberación, defende a Graza como a experiencia cristiá fundamental e como forza liberadora para cada home e a humanidade enteira ao longo da historia individual e colectiva.
En Os homes, relato de Deus, aposta por un ecumenismo radical en pé de igualdade con todas as relixións. É nese diálogo onde se perfila a orixinalidade do cristianismo. Asemade entende os ministerios non como expresión dun poder xerárquico segundo a tradición romana e medieval, senón como servizo consonte o Evanxeo.
Para el a formulación dos dogmas está condicionada por unha perspectiva histórica determinada e unha cultura particular, polo que cabe repensalos. Isto fixo que Roma examinara a fondo os seus escritos.
Obras Christus, sacrament van de Godsontmoeting, 1959 Openbaring en theologie, 1964 Jezus, het verhaal van een levende, 1974 Gerechtigheid en liefde, genade en bevrijding, 1977 Tussentijds verhaal over twee Jezusboeken, 1978 Evangelie verhalen, 1982 Pleidooi voor mensen in de kerk. Christelijke identiteit en ambten in de kerk, 1985 Jezus in de westerse cultuur, 1986 Mensen als verhaal van God, 1989
Categoría:Teólogos de Bélxica Categoría:Sacerdotes católicos de Bélxica Categoría:Dominicanos Categoría:Nados en Anveres Categoría:Nados en 1914 Categoría:Finados en 2009 Categoría:Premio Erasmus Categoría:Relixiosos católicos de Bélxica