Astérix e Cleopatra (en ) é o sexto volume da serie de banda deseñada Astérix, publicado en 1965 e creado por René Goscinny (guión) e Albert Uderzo (ilustracións). Foi publicada de forma serializada por vez primeira na revista Pilote, nos números 215-257, en 1963.

Foi traducido ó galego por Eduardo Blanco Amor e publicado por Mas-Ivars en 1976. A tradución deste volume aparece asinada por "Juan Blanco Amor". En setembro de 2018 publicouse unha nova tradución de Xavier Senín e Isabel Soto por Edicións Xerais.

Sinopse Nunha conversa entre Xulio César e Cleopatra no pazo da faraona, o emperador romano asegurou que os exipcios estaban en decadencia, Cleopatra indignada ante tal afirmación e para demostrarlle que os exipcios eran os mesmos que conseguiran construír as pirámides, faros e templos afirmou que nun prazo de tres meses erguería en Alexandría un pazo para o emperador romano. Se os exipcios conseguían superar o desafío, o César recoñecería que estaba enganado.

Cleopatra encargoulle a Numerobis, o mellor arquitecto de Alexandría, a construción do pazo, dicíndolle que se o lograba o cubriría de ouro, mais no caso de non conseguilo tiraríao aos crocodilos. Ante a dificultade para poder superar o desafío, Numerobis decide emprender a viaxe á Galia, onde vive o seu vello amigo Panorámix, a quen lle pide a axuda dos seus poderes máxicos para superar o desafío. Panorámix, acompañado de Astérix e Obélix (xunto co seu inseparable can Ideafix), parte con Numerobis a Exipto para axudarlle na construción do pazo, unha vez alí Panorámix prepara a súa poción máxica para darlla aos traballadores e aumentar o ritmo, mais o ritmo da construción se ve ameazado a causa das artimañas (tentativas de folga, falla de materiais, un intento de envelenamento a Cleopatra cun pastel supostamente regalado polos galos e mesmo un sitio ao pazo en construción resolto por Cleopatra logo de ser avisada por Ideafix) de Paletabis (arquitecto exipcio rival de Numerobis) e os romanos para que o pazo non se finalice no prazo acordado, secasí grazas á poción máxica e á axuda de Cleopatra (sabendo das malas artes dos romanos) o pazo é rematado no prazo previsto. Finalmente, Cleopatra cubriu a Numerobis ouro, Panorámix foi recompensado cuns manuscritos da biblioteca de Alexandría pola súa axuda, e cedeulles aos galos a súa galera para o seu retorno á Galia.

Unha vez na aldea foron recibidos como heroes e celebraron o habitual banquete.

Versións cinematográficas O filme Astérix et Obélix : Mission Cléopâtre (2002) do director francés Alain Chabat, con Christian Clavier no papel de Astérix, Gérard Depardieu como Obélix e Monica Bellucci interpretando a Cleopatra, é a adaptación cinematográfica desta historia.

Hai tamén unha versión de animación co mesmo título que o libro creada en 1968, emitida pola TVG en numerosas ocasións.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Ficha do libro en Edicións Xerais

Categoría:Álbums de Astérix Categoría:Obras literarias de 1965 Categoría:Obras literarias en francés Categoría:Obras traducidas do francés ao galego