Sydney (en inglés ), ás veces escrito en galego Sidney, é a capital do estado de Nova Gales do Sur e a cidade máis populosa da Australia. O concello de Sydney posúe unha poboación de case 165.000, mais incluíndo a súa área metropolitana ten preto de 4.300.000, repartidos por cerca 600 suburbios.

Sydney foi tamén o primeiro asentamento europeo na illa. A súa fundación tivo lugar o 26 de xaneiro de 1788 na Enseada de Sydney como colonia penal por Arthur Phillip, capitán da First Fleet, que a bautizou con este nome en honra de Thomas Townshend, Lord Sydney, por aquel entón ministro do interior británico.

Está situada na costa sueste da illa de Australia arredor da fermosa Baía de Jackson, tamén coñecida aínda que incorrectamente como Baía de Sydney, e que lle dá o alcume da Cidade da Baía.

É o maior centro económico do país, dedicándose especialmente á fabricación de produtos manufacturados, á prestación de servizos financeiros, ao comercio e ao turismo. Neste último aspecto, Sydney é un dos destinos turísticos internacionais máis demandados do Pacífico, recibindo todos os anos máis de 4 millóns de turistas. É mundialmente coñecido polas súas fermosas praias, como as praias de Bondi e Manly; pola súa arquitectura contemporánea, como a Casa da Ópera e a Ponte do Porto; e, polos seus contornos naturais, como as Montañas Azuis e a Costa Central. Ten sido un pulo importante para o turismo o facto de ter acollido numerosos eventos internacionais deportivos, políticos e culturais.

Sydney é, alén, unha das cidades máis multiculturais e cosmopolitas do mundo, debido en parte a cantidade de inmigrantes vindos de todos os cantos do planeta, representando en torno de 180 países. Cerca do 30% dos moradores da cidade naceron noutros países, onde o 4,5% o fixeron no Reino Unido, o 2,3% na China, e 2,1% na Nova Zelandia. Outros pobos con presenza significativa na cidade son os libaneses, gregos, italianos, coreanos, rusos, indianos, vietnamitas, indonesios, e tailandeses.

Historia

Existen evidencias de que a rexión da cidade de Sydney tiña sido habitada polos aborixes australianos de maneira continuada desde había polo menos 40 mil anos antes da chegada dos europeos. En 1788, cando asentaron os británicos, estimouse que vivían en toda a rexión da baía entre 4.000 e 8.000 aborixes repartidos en pequenos clans. Cada clan tiña un territorio que determinaba os recursos dispoñíbeis e falaba unha lingua dos tres grupos de linguas da rexión. O clan dos Cadigal falaba o dialecto costeiro da lingua dharug e era o morador orixinal da área do concello de Sydney. Segundo Arthur Phillip, o fundador da cidade, a poboación Cadigal tiña ao redor das 1500 persoas. Os británicos bautizáronos como os Eora pois ao preguntarlles de onde viñan, a resposta dada era sempre "eora", que significa "de aquí" ou "deste lugar". As poboacións aborixes foron drasticamente reducidas após unha epidemia de varíola en 1789, enfermidade traída polo europeos á illa. Os poucos que sobreviviron foron desprazados paulatinamente polos europeos para áreas periféricas, como a Baía de Botany no sur. En 1830 xa case non quedaban aborixes vivindo na rexión da cidade de Sydney.

O capitán James Cook foi o primeiro europeo en alcanzar a rexión de Sydney. Fíxoo o 29 de abril de 1770 ancorando o seu navío, o HMB Endeavour, na Baía de Botany. O interese europeo por colonizar á Australia xurdiu cando o goberno británico procuraba un lugar para onde enviar condenados. Sir Joseph Banks, o botánico a bordo do Endeavour, recomendou entón a Baía de Botany. Así, baixo instrucións do goberno británico, enviouse a Arthur Phillip e aos once navíos que compuñan a First Fleet para tal propósito. Chegaron á baía o 18 de xaneiro de 1788 mais non había boas fontes de auga doce e tampouco un lugar no que poder achegar de maneira segura. Isto levouno a navegar cara ao norte até a Baía de Jackson onde encontrou as condicións ideais na Enseada de Sydney. Así o 26 de xaneiro dese mesmo ano fundou, realizando unha pequena cerimonia, a colonia penal que a bautizou con ese nome en honra de Thomas Townshend, Lord Sydney, polo papel xogado na súa autorización para estabelecer a colonia. Esta data é hoxe celebrada como o Día de Australia.

Desde o principio as relacións entre os aborixes australianos e os colonos ingleses foron tensas. Houbo unha resistencia violenta ao asentamento británico por parte dos aborixes australianos, que estaban liderados polo guerreiro Pemulwuy. Isto levou ao entón gobernador de Nova Gales do Sur, Lachlan Macquarie, a tomar medidas en 1820 para 'civilizalos, cristianizalos e educalos'.

O desenvolvemento do asentamento iniciouse a partir do ano 1810 coa ocupación por Macquarie do posto de gobernador de Nova Gales do Sur. Os condenados para alá enviados construíron rúas, pontes, embarcadoiros e edificios públicos, e así a finais do seu mandato no ano 1822, o asentamento xa posuía bancos, mercados, policía e vías públicas ben estabelecidas. Os anos 30 e 40 dese século foron períodos de desenvolvemento urbano, incluíndo a aparición dos primeiros suburbios. Este rápido crecemento debeuse a chegada desde o Reino Unido e Irlanda de inmigrantes en busca dunha vida mellor nas novas terras. O 20 de xullo de 1842, Sydney foi declarada unha cidade, a primeira de Australia, sendo Charles H. Chambers o seu primeiro alcalde. A febre do ouro de 1851 trouxo tamén a outros moitos inmigrantes a Australia en xeral e a Sydney en particular, pois para a maioría deles foi o seu primeiro punto de chegada e tamén de establecemento. Xa a finais do século a Revolución Industrial significou a industrialización da cidade e máis inmigrantes tamén. Coa industrialización Sydney expandiuse rapidamente e para principios do século XX xa pasaba do millón de habitantes.

O século XX foi o século da transformación de Sydney na cidade que hoxe coñecemos. A súa imaxe mudou coa finalización das obras da Ponte do Porto en 1932 e da Casa da Ópera en 1973, os dous símbolos da cidade. Alén, converteuse nunha cidade cosmopolita e multicultural coa chegada de inmigrantes de todas as partes do mundo e coa acollida de múltiples eventos nacionais e internacionais do mundo do deporte, a política e a cultural. Neste senso destaca especialmente ter sido a sede dos Xogos Olímpicos de 2000.

Xeografía upright|miniatura|esquerda|Imaxe satelital de Sídney e a súa área metropolitana Topografía miniatura|upright|O porto de Jackson visto desde o aire en 2006 A área urbana de Sídney atópase nunha conca costeira, que é bañada e bordeada polo mar de Tasmania ao leste, as montañas Azuis ao oeste, o río Hawkesbury ao norte e a meseta de Woronora ao sur.

Sydney abarca dúas rexións xeográficas. A chaira de Cumberland atópase ao sur e ao oeste do porto de Jackson (porto de Sydney) e é relativamente plana. A meseta de Hornsby está situada ao norte e está diseccionada por vales escarpados. As zonas planas do sur foron as primeiras en desenvolverse xeograficamente a medida que a cidade medraba. Non foi ata a construción da ponte do porto de Sídney cando os tramos setentrionais da costa se viron máis poboados. Ao longo da súa costa pódense atopar setenta praias de surf, sendo a praia de Bondi unha das máis famosas.

O río Nepean rodea o extremo occidental da cidade e convértese no río Hawkesbury antes de chegar a Broken Bay. A maioría dos depósitos de auga de Sídney atópanse nos afluentes do río Nepean. O río Parramatta é principalmente industrial e drena unha ampla zona dos suburbios occidentais de Sídney ata Port Jackson. As zonas meridionais da cidade son drenadas polo río Georges e o río Cooks cara á baía de Botany.

Non existe unha única proposta para os límites de Sydney. A definición estándar de xeografía estatística australiana da Greater Sydney cobre 12369 km2 e inclúe as áreas de goberno local de Central Coast no norte, Hawkesbury no noroeste, Blue Mountains no oeste, Condado de Sutherland no sur, e Wollondilly no suroeste. A área de goberno local da Cidade de Sidney abarca uns 26 quilómetros cadrados dende a Garden Island no leste ata Bicentennial Park no oeste, e ao sur ata os suburbios de Alexandría. e Rosebery. Xeoloxía upright|miniatura|Case todas as rochas expostas ao redor de Sydney son arenito de Sidney. Sidney está formada na súa maioría por rochas triasicas con algúns diques de rochas ígneas recentes e gorxas volcánicas (normalmente atopadas na busca de doleritas en Prospect, ao oeste de Sydney).Igneous intrusions polo Museo Australiano. 13 de novembro de 2018. Recuperado o 1 de novembro de 2021. A conca de Sydney formouse cando a cortiza terrestre expandiuse, afundiuse e encheuse de sedimentos a principios do período Triásico. A area que se convertería no arenito actual foi arrastrada ata alí por ríos procedentes do sur e o noroeste e depositouse fai entre 360 e 200 millóns de anos. O arenito presenta cristais de xisto e leitos fluviais fósiles.

A biorrexión da conca de Sídney inclúe cantís, praias e estuarios. Os profundos vales fluviais coñecidos como rías escaváronse durante o período Triásico no arenito de Hawkesbury da rexión costeira onde agora atópase Sídney. A subida do nivel do mar fai entre 18.000 e 6.000 anos asolagou as rías para formar estuarios e portos profundos. Porto Jackson, máis coñecido como Sydney Harbour, é unha destas rías. Sydney presenta dous tipos de solo principais; solo areoso (que se orixina no arenito de Hawkesbury) e arxila (que é de xistos e rochas volcánicas), aínda que algúns solos poden ser unha mestura dos dous.

Directamente por encima do arenito máis antigo de Hawkesbury atópase o xisto de Wianamatta, un accidente xeolóxico do oeste de Sydney que se depositou nun gran delta fluvial durante o período do Triásico medio e que se desprazou co tempo de oeste a leste. O xisto de Wianamatta componse xeralmente de rochas sedimentarias de gran fino, como lousas, lulitas, ironitas, limolitas e laminitas, con unidades de arenito menos comúns. O Grupo Wianamatta está formado polas seguintes unidades (listadas por orde estratigráfica): Xisto de Bringelly, arenito de Minchinbury e Xisto de Ashfield.

Ecoloxía miniatura|upright|Bosque típico de pradaría na área metropolitana de Sidney As comunidades vexetais máis frecuentes na rexión de Sydney son os bosques herbosos (é dicir, as sabanas) e algúns focos de bosques esclerófilos (secos), que consisten en eucaliptos, casuarinas, melaleucas, corymbias e angophoras, con arbustos (tipicamente acacias, callistemons, grevilleas e banksias), e unha herba semicontinua no sotobosque. As plantas desta comunidade adoitan ter follas ásperas e afiadas, xa que crecen en zonas con baixa fertilidade do chan. Sídney tamén ten algunhas zonas de bosques esclerófilos húmidos que se atopan nas zonas máis húmidas e elevadas do norte e do nordés. Estes bosques están definidos por doseis rectos e altos cun sotobosque húmido de arbustos de follas brandas, fentos arborescentes e herbas.

A comunidade de vexetación predominante en Sydney é o bosque do oeste de Sydney, que se atopa no Western Sydney (Chaira de Cumberland), seguida do bosque de trementina e cortiza de ferro de Sydney, que se atopa disperso polo oeste interior e o norte de Sydney,Recovering bushland on the Cumberland Plain Department of Environment and Conservation (NSW). (2005). Recovering Bushland on the Cumberland Plain: Best practice guidelines for the management and restoration of bushland. Department of Environment and Conservation (NSW), Sydney. Recuperado o 12 de setembro de 2022. o Eastern Suburbs Banksia Scrub na costa e o Blue Gum High Forest que está escasamente presente na costa norte, todos eles en perigo crítico de extinción. A cidade tamén inclúe o Sydney Sandstone Ridgetop Woodland que se atopa ao norte no Parque Nacional Ku-ring-gai Chase na meseta de Hornsby.