Xosé Antón Fraga Vázquez, nado na Coruña o 18 de setembro de 1950, é un experto en cultura científica (ensino, historia e divulgación da ciencia). Tamén é coñecido como Tino Fraga.

Traxectoria Formación académica Acadou en 1973, na Universidade de Santiago de Compostela, a Licenciatura en Ciencias, sección Biolóxicas, e no ano 1992 o doutoramento en Bioloxía. Posteriormente realizou o Posgrao en Historia das Ciencias e das Técnicas no curso 1997-1998, na Universidade de Zaragoza.

Activismo Nos anos setenta do século XX participou activamente nas loitas do profesorado non numerario (PNNs) pola estabilidade no emprego e democratización do ensino. Foi fundador, e vicepresidente inicial, do Ateneo Ferrolán (1976), así como fundador do Sindicato Galego de Traballadores do Ensino en 1977. Vicepresidente de ADEGA.

Carreira profesional Exerceu a docencia como catedrático de Bioloxía e Xeoloxía no IES Monelos da Coruña onde tamén foi director. Durante o trienio 2008-2011, levou a dirección dos Museos Científicos Coruñeses. Desde 2013 é académico correspondente da Real Academia Galega. No período 2016-2020, dirixiu o Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses.

Actividade no eido da Historia das Ciencias Ata o ano 2020, formou parte do Consello de Dirección de Llull, revista de Historia das Ciencias da Sociedad Española de Historia de las Ciencias y de las Técnicas. Na Área do Seminario de Estudos Galegos, exerceu como Coordinador do Grupo de Traballo Interdisciplinar Ramón María Aller de Historia das Ciencias e das Técnicas. No Consello da Cultura Galega, entre os anos 2008 e 2020, formou parte da Sección de Ciencia, promovendo e dirixindo o Álbum da Ciencia desde a súa creación en 2011.

Autor de máis de cen publicacións en revistas especializadas sobre diversos aspectos da cultura científica, ensino, historia e divulgación da ciencia. Desde 2014 ven publicando no xornal La Opinión A Coruña os “episodios da cultura científica”.

É promotor do Foro Humboldt Coruña, creado en 2017, e no que participan o Concello da Coruña, o Centro de Extensión Universitaria y Divulgación Ambiental de Galicia (Ceida), a Universidade da Coruña, o Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses e a Reserva da biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. En 2020 actuou de moderador nas II Xornadas Mulleres relevantes da Reserva da Biosfera MCeTM, dedicadas a María Wonenburger, matemática galega con dimensión internacional.

Obras Ensaio Bioloxía na Galiza na segunda metade do século XIX (1868-1903): ensino, divulgación, debates, produción, institucionalización e recepción de novidades, 1992, USC. Creación e orixinalidade na obra do naturalista Seoane, 2007.. Ciencia próxima. Episodios sobre a cultura científica na área coruñesa, 2019, Espacio Cultura.

Obras colectivas As investigacións micrográficas de Ernesto Caballero (1858-1935), 1989, Ediciós do Castro. Diccionario histórico das Ciéncias e das Técnicas da Galiza (I e II), 1993 e 2005, Ediciós do Castro. O Patrimonio histórico da Universidade de Santiago de Compostela, 1996. Ciencias, educación e historia, 1997, editor. 25 Anos de Medio Ambiente e Ecoloxismo na Galiza, 2001, ADEGA. Galicia. Natureza. Xeoloxía, 2003. Humboldt y la ciencia española, 2005, coeditor. O Tratado da Constitución Europea. Visións desde Galiza, 2005, Baía Edicións. Ciencia e historia. Ramón de la Sagra, 2007, AIRS (Asociación de Investigadores Ramón de la Sagra). O Instituto da Guarda da Coruña. 125 anos de historia, 2016, Deputación da Coruña.

Biografías Xenio indomable. Roberto Nóvoa Santos, 2018, Espacio Cultura.

Notas

Véxase tamén

Categoría:Escritores de Galicia en lingua galega Categoría:Ensaístas de Galicia Categoría:Nados na Coruña Categoría:Nados en 1950 Categoría:Membros correspondentes da Real Academia Galega Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Alumnos da Universidade de Zaragoza