Ramón Blanco Rodríguez, nado en Vimianzo o 20 de febreiro de 1952 e finado en Cádiz o 9 de maio de 2013, foi un futbolista e adestrador de fútbol galego. Xogaba de centrocampista e foi unha das grandes figuras da historia do Cádiz, tanto na súa etapa como futbolista, como nas diferentes etapas nas que adestrou o club andaluz.
Traxectoria
Como futbolista Naceu no lugar de Cures, no concello de Vimianzo, de onde era súa nai, mentres que seu pai era natural das Barrosas, en Camariñas. Aos catro anos emigrou cos seus pais á Arxentina, instalándose en Buenos Aires. Comezou a xogar ao fútbol no barrio de La Boca, e aos 12 anos ingresou na canteira do Sportivo Italiano.
Con 17 anos debutou co primeiro equipo na Primeira B Nacional, a segunda máxima categoría do fútbol arxentino. Dous anos despois probou por primeira vez no fútbol español, no Real Oviedo, sen moita sorte, polo que regresou á Arxentina. Alí fichou polo Independiente, aínda que non chegou a debutar co primeiro equipo, xogando no canto diso co equipo filial.
En 1973 regresou a España xunto ao tamén galego José Cuiñas, fichando os dous polo Mallorca, da Segunda División. Alí foi centrocampista titular xunto a Frigols e Niz, e chamou a atención do Betis, que o fichou para a tempada 1974/75 xunto a Cuiñas. Aínda que debutou co equipo sevillano en agosto de 1974 no Trofeo Ciudad de Tarrasa, o seu debut oficial na Primeira División, categoría á que o club acababa de ascender, non se produciu ata varios meses despois, na xornada 15 fronte ao Hércules no Benito Villamarín. Permaneceu dúas campañas no club verde e branco, disputando 20 partidos oficiais.
En 1976 fichou polo Cádiz, que militaba en Segunda, acompañado de novo por Cuiñas. Xogou a maioría de partidos do club adestrado esa tempada por Enrique Mateos, sendo unha importante peza do equipo que logrou ese ano o primeiro ascenso da súa historia á Primeira División. O paso do Cádiz pola máxima categoría durou só un ano, mentres que Ramón Blanco continuou no club ata 1980, disputando 117 partidos oficiais e anotando 20 goles.
Na tempada 1980/81 asinou co Recreativo de Huelva xunto a Ricardo Ibáñez e Caro, reclamados os tres polo adestrador Roque Olsen, técnico do Cádiz na tempada anterior. No equipo decano xogou 27 partidos e marcou un gol. Rematada a tempada, regresou á provincia de Cádiz, fichando polo Racing Portuense, onde xogou tres tempadas, estando a piques de lograr o ascenso a Segunda.
Por último xogou no Chiclana CF, o Atlético Sanluqueño, e o Moguer, antes de colgar as botas en 1987.
Como adestrador Comezou a súa carreira como adestrador inmediatamente despois da súa retirada como futbolista. Comezou no equipo xuvenil do Cádiz en 1987, e na tempada 1988/89 converteuse en segundo adestrador de Helmut Senekowitsch no primeiro equipo. Na tempada 1990/91 foi o segundo adestrador do arxentino Héctor Viera, ao tempo que adestraba ao Cádiz B, co que se proclamou campión da Terceira División. Trala destitución do arxentino, púxose á fronte do primeiro equipo, ao que logrou salvar do descenso a Segunda nunha histórica promoción de permanencia contra o Málaga, que se decidiu na quenda de penaltis. Continuou como técnico na campaña seguinte, na que volveu salvar o equipo nunha nova promoción, esta vez contra o Figueres.
Ao remate da tempada, non chegou a un acordo co club para a súa renovación, polo que foi substituído por José Luis Romero. Con todo, o adestrador madrileño foi cesado despois de lograr só dúas vitorias nas primeiras 18 xornadas, sendo contratado de novo Ramón Blanco, que tampouco puido evitar o descenso do club.
Entre 1993 e 1995 adestrou o Atlético Marbella en Segunda División, e en decembro de 1996 regresou de novo ao Cádiz, que estaba agora en Segunda B, e que acababa de destituír a Juan Carlos Álvarez. Na tempada 1997/98 clasificou o equipo para a promoción de ascenso a Segunda, pero non conseguiu o obxectivo. Nos seguintes anos adestrou o Almería, o Granada, o Torredonjimeno e o San Fernando, este último en dúas ocasións, ata que deixou os bancos e dedicouse a outras labores, como a de comentarista en Canal Sur.
Na tempada 2012/13 Alessandro Gaucci convenceuno para sentar de novo no banco do Cádiz, na Segunda B, dirixindo o equipo en tres encontros trala destitución de Monteagudo e antes da chegada de Agné.
Faleceu poucos meses despois, en maio de 2013, vítima dun derramo cerebral.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en BDFutbol . Datos do adestardor en BDFutbol .
Categoría:Nados en 1952 Categoría:Finados en 2013 Categoría:Nados en Vimianzo Categoría:Futbolistas da provincia da Coruña Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Club Sportivo Italiano Categoría:Xogadores do RCD Mallorca Categoría:Xogadores do Real Betis Balompié Categoría:Xogadores do Cádiz CF Categoría:Xogadores do Recreativo de Huelva Categoría:Xogadores do Racing Club Portuense Categoría:Xogadores do Chiclana CF Categoría:Adestradores de fútbol de Galicia Categoría:Adestradores do Cádiz CF Categoría:Adestradores do Atlético Marbella Categoría:Adestradores da UD Almería Categoría:Adestradores do Granada CF Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Galegos da Arxentina