Óscar Pedro Cano Moreno, nado en Granada o 7 de novembro de 1972, é un adestrador de fútbol español. Dende novembro de 2025 adestra o Zamora, da Primeira Federación.
Traxectoria
Inicios no fútbol Comezou a xogar ao fútbol no Colexio Ave María de Granada, pasando logo ás categorías inferiores do Parque Nueva Granada. Tras debutar co primeiro equipo deste en Segunda Rexional, foi descuberto por Gerardo Castillo, que o fichou para o Guadix, de Terceira División, equipo co que logrou o ascenso á Segunda División B na tempada 1995/96. Con todo, o falecemento de seu pai naquel entón desanimouno e acabou deixando o equipo. Posteriormente xogou no Alfacar e no Santa Fe, ambos de Rexional Preferente, antes de centrarse plenamente na súa carreira como técnico.
Primeiros pasos como adestrador Iniciouse como adestrador no xuvenil B do Granada, pasando logo polos modestos Imperio de Albolote e Arenas de Armilla, ambos da provincia de Granada. Na tempada 2005/06 dirixiu o Baza na Segunda División B, acadando comodamente a permanencia e o 11º posto, o mellor resultado da historia do club.
Granada e Poli Ejido En 2007 chegou ao banco do primeiro equipo do Granada, tamén de Segunda B, co que acabou quinto do Grupo 4 na súa primeira tempada, a un punto da promoción de ascenso. Os malos resultados no inicio da campaña 2008/09, con seis derrotas nas dez primeiras xornadas, provocaron a súa destitución en outubro. En xaneiro de 2010 substituíu a Josep Maria Nogués no Poli Ejido, club ao que conseguiu meter na promoción de ascenso. Na primeira eliminatoria enfrontouse ao Barcelona B de Luis Enrique, co que empatou tanto na ida como na volta, quedando eliminado pola regra do gol en campo contrario.
Salamanca No verán de 2010 foi contratado polo Real Jaén, pero deixou o club só dúas semanas despois da súa chegada, cando recibiu unha chamada do Salamanca, de superior categoría. Comezou a que foi a súa primeira experiencia na Segunda División con bos resultados, ocupando durante varias xornadas os postos de promoción de ascenso, pero non chegou a rematar a tempada no club, sendo destituído en febreiro de 2011 despois dunha xeira de 10 derrotas consecutivas.
Melilla Na tempada 2011/12 adestrou o Melilla na Segunda B, acabando unha posición por debaixo da promoción de ascenso. En xuño abandonou o club por desacordos coa directiva sobre o proxecto.
Betis B En outubro de 2012 asinou polo Betis B, converténdose no terceiro adestrador do equipo na tempada, despois de Hristo Vidaković e Antonio Racero "Puma". Colleu o equipo na penúltima posición, a 9 puntos da salvación, e non foi capaz de conseguir a permanencia. Continuou como técnico do filial bético durante a tempada 2013/14 na Terceira División, proclamándose campión e devolvendo así o equipo a Segunda B, antes abandonar a entidade en xuño de 2014.
Alcoyano A continuación fichou polo Alcoyano, tamén de Segunda B, ao que adestrou ata febreiro de 2015, cando foi destituído debido aos malos resultados obtidos nas xornadas previas. En xullo do mesmo ano chegou ao Elche Ilicitano, filial do Elche, pero deixou o equipo só tres semanas despois, debido á difícil situación deportiva e institucional do club.
Qatar e Cultural Leonesa En xaneiro de 2016 marchou a Oriente Medio para facerse cargo da selección sub-19 de Qatar. Regresou a España en decembro e durante o seguinte ano e medio exerceu como director deportivo da Cultural Leonesa.
Castellón En decembro de 2018 converteuse no terceiro técnico do Castellón durante a campaña 2018/19. O equipo castellonenco era nese momento o pechacancelas do Grupo 3 da Segunda División B e atopábase a catro puntos da salvación. Cano conseguiu salvar o equipo tras vencer ao Barcelona B na derradeira xornada, e continuou no club durante a seguinte campaña. Invicto durante as primeiras xornadas da 2019/20, o Castellón acadou o liderado, e ocupaba a primeira praza cando a liga se viu interrompida pola pandemia de COVID-19. A competición acabou dándose por rematada e o equipo de Cano proclamouse campión. A continuación disputou promoción de ascenso, na que derrotou ao Peña Deportiva e ao Cornellà, conseguindo devolver o Castellón á Segunda División despois dunha década de ausencia.
Na 2020/21 iniciou a súa terceira tempada no club albinegro, pero foi cesado en xaneiro, tras unha serie de malos resultados e co equipo en postos de descenso.
Badajoz En xullo de 2021 foi anunciado como novo adestrador do Badajoz, da Primeira División RFEF. Estivo á fronte do equipo durante sete meses, ata que foi destituído en febreiro de 2022, co equipo ocupando a 12ª posición, lonxe do obxectivo inicial da directiva, que era o ascenso.
Deportivo da Coruña O 11 de outubro de 2022 foi anunciado como novo adestrador do Deportivo, substituíndo a Borja Jiménez, cesado ese mesmo día. O equipo estaba quinto no momento da súa chegada e mantívose en zona de promoción de ascenso durante case toda a tempada, pero sen chegar en ningún momento ao liderado, obxectivo prioritario do club. Xa sen opcións de ascenso directo e con boa parte da afección en contra, foi cesado o 15 de maio de 2023, despois dunha derrota contra o Linares por 3-2 na xornada 36, sendo substituído por Rubén de la Barrera.
Sabadell En novembro de 2023 chegou ao banco do Sabadell, tamén de Primeira RFEF, converténdose no terceiro técnico do equipo durante a tempada, tralos destituídos Miki Lladó e Gerard Bofill. Colleu o equipo na derradeira posición da liga, a seis puntos da salvación, e conseguiu sacalo dos postos de descenso, aínda que finalmente acabou perdendo a categoría na última xornada.
Tenerife A pesar do descenso, para a tempada 2024/25 recibiu unha oferta de superior categoría, converténdose no novo adestrador do Tenerife, da Segunda División. Con todo, só ocupou o banco canario durante 5 xornadas, nas que unicamente sumou un punto, sendo destituído o 15 de setembro.
Zhejiang En xaneiro de 2025 regresou ao fútbol asiático, como segundo adestrador do galego Raúl Caneda no Zhejiang, da Superliga chinesa.
Zamora O 4 de novembro de 2025 foi anunciado como novo adestrador do Zamora, da Primeira Federación. Colleu o equipo na 12ª praza da clasificación e co paso das xornadas foi subindo posicións ata rematar a liga como terceiro, só por detrás de Tenerife e Celta Fortuna. Disputou así unha histórica promoción de ascenso a Segunda, na que eliminou en semifinais ao Villarreal B. Xa na final enfrontouse ao Sabadell, conseguindo unha vitoria pola mínima no partido de ida no Ruta de la Plata, grazas a un gol de Mario Losada. Con todo, no encontro de volta o Zamora caeu goleado na Nova Creu Alta por 4-0, quedando así un ano máis na terceira categoría do fútbol español.
Palmarés Betis B Terceira División (1): 2013/14.
Castellón Segunda División B (1): 2019/20.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do adestrador en bdfutbol.com
Categoría:Nados en Granada Categoría:Nados en 1972 Categoría:Adestradores de fútbol de España Categoría:Adestradores do Granada CF Categoría:Adestradores do Polideportivo Ejido Categoría:Adestradores da UD Salamanca Categoría:Adestradores do CD Alcoyano Categoría:Adestradores do CD Castellón Categoría:Adestradores do Deportivo da Coruña Categoría:Adestradores do CE Sabadell Categoría:Adestradores do CD Tenerife Categoría:Adestradores do Zamora CF Categoría:Directores deportivos de fútbol de España