Manuel Martínez Núñez, nado en Baralla o 12 de setembro de 1954, é un mestre e político galego do partido Galicia Sempre.
Traxectoria É diplomado en Maxisterio e licenciado en Pedagoxía. Vinculado ao PSdeG-PSOE dende 1979, foi deputado no Congreso dos Deputados na III e IV lexislaturas (entre 1986 e 1993).
A nivel local foi concelleiro de Becerreá entre 1995 e 2007, ano en que pasou a ser alcalde nas listas do PSdeG-PSOE. Revalidou o cargo en 2011 e 2015, este ano con maioría absoluta. Para as eleccións municipais de 2019 creou un partido ao redor da súa persoa, Galicia Sempre, co que acadou a maioría absoluta na alcaldía de Becerreá. Nas eleccións municipais de 2023, malia gañar con 5 concelleiros por 4 do PP e 2 do BNG, baixou 2 concelleiros e perdeu a maioría absoluta anterior. Conseguiu ser alcalde mais os grupos da oposicíón xuntaron os seus votos para deixalo sen adicación exclusiva e, por tanto, sen soldo.
Actividade na Deputación Provincial Entrou a formar parte da Deputación de Lugo en 1999 e foi deputado provincial polo partido xudicial de Lugo, na que ocupou a Área de Infraestruturas e Obras.
En 2015, tras un veto do BNG a que se convertese en presidente da Deputación, o PSdeG-PSOE designou como candidato a Darío Campos, alcalde da Pontenova. Diante desa circunstancia, Martínez votouse a si mesmo na primeira volta e na segunda votou en branco, o que facilitou que o PPdeG acadase a presidencia da Deputación de Lugo na persoa de Elena Candia. Aos catro meses, volveu á disciplina socialista e facilitou unha moción de censura para que Darío Campos se convertese en presidente da Deputación e el mesmo en vicepresidente e responsable de Vías e Obras. Posteriormente, abandonou o PSdeG-PSOE por segunda vez, quedando como deputado non adscrito.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Lista de deputados galegos no Congreso desde a Transición Eleccións municipais en Becerreá
Ligazóns externas Entrevista con Manuel Martínez Núñez, diputado del Área de Infraestructuras e Obras de la Diputación de Lugo. Cimbra nº Extra 383, setembro-outubro 2008 . Ficha no sitio web do Congreso dos Deputados
Categoría:Alcaldes de Becerreá Categoría:Alcaldes de Galicia polo PSdeG-PSOE Categoría:Alcaldes de Galicia durante a democracia Categoría:Deputados provinciais de Lugo Categoría:Deputados no Congreso dos Deputados pola provincia de Lugo Categoría:Nados en Baralla Categoría:Nados en 1954