Harry Potter é o nome dunha serie de sete novelas de fantasía escritas pola británica J. K. Rowling. Os libros narran a vida dun meigo adolescente, Harry Potter, e dos seus amigos Hermione Granger e Ron Weasley, todos eles alumnos da Escola Hogwarts de Maxia e Feiticería. A trama central do argumento xira arredor da loita de Harry contra Lord Voldemort, un meigo escuro que pretende conseguir a inmortalidade, derrocar o goberno máxico coñecido como Ministerio de Maxia, conquistar o mundo máxico e someter os meigos e os muggles, as persoas non-máxicas.
Dende que o 26 de xuño de 1997 se publicou en inglés a primeira novela, Harry Potter e a pedra filosofal, os libros acadaron unha gran popularidade, eloxios por parte da crítica e un éxito comercial en todo o mundo. Por outra banda, a serie tamén recibiu críticas polo crecente ton escuro que foi adoptando segundo avanzaba a historia, así como a violencia macabra e gráfica descrita. Ata xullo de 2013, os sete libros que compoñen a saga venderon, no seu conxunto, máis de 450 millóns de copias entre todas as traducións a 67 linguas diferentes, incluíndo traducións do primeiro e segundo volumes ao latín e do primeiro ao grego antigo. Os catro últimos libros da saga bateron marcas como os libros que se venderon máis rapidamente en toda a historia, co último vendendo case 11 millóns de copias nos Estados Unidos nas primeiras vinte e catro horas.
As versións en lingua inglesa dos libros publicáronas Bloomsbury no Reino Unido, Scholastic Press nos Estados Unidos, Allen & Unwin en Australia e Raincoast Books no Canadá. En España, existen versións dos libros nas diferentes linguas oficiais do estado: a encargada da publicación da versión en galego foi a Editorial Galaxia, en catalán a Editorial Empúries, en éuscaro Elkar e, en todo o territorio, en lingua castelá a Editorial Salamandra.
Os sete libros da serie foron adaptados nunha versión cinematográfica composta por oito filmes producidos por Warner Bros. Pictures e que a agosto de 2015 se converteu na segunda saga cinematográfica con máis recadación en toda a historia. A franquía xerou tamén unha ampla mercadoría, de xeito que a marca Harry Potter teña un valor superior aos 25 mil millóns de dólares. A editorial Little, Brown publicou tamén o guión dunha obra de teatro titulada Harry Potter and the Cursed Child, baseada nunha historia de Rowling e estreada en Londres o 30 de xullo de 2016 no Palace Theatre.
A serie aborda moitos xéneros, entre os que se atopan a fantasía, o drama, Bildungsroman (o paso da infancia á madurez) e un xénero denominado "historia da escola británica" que inclúe elementos de misterio, suspense, aventura, terror e romance. Deste xeito, a saga inclúe e explora moitos significados e referencias culturais. Segundo Rowling, o tema principal é a morte. Outros temas importantes na serie son o prexuízo, a corrupción e a tolemia.
O éxito dos libros e filmes propiciou que a franquía Harry Potter continúe a se expandir, con numerosas obras derivadas, unha exhibición itinerante, visitas aos estudios de rodaxe, parques de atraccións temáticos, unha plataforma dixital na que Rowling actualiza a serie con nova información e revelacións e unha pentaloxía cinematográfica procedente dunha das obras complementarias, entre outras cousas.
Argumento
miniatura|200px|Escudo de armas de Hogwarts. As novelas tratan sobre Harry Potter, un neno orfo inglés que aos 11 anos descobre que é meigo, malia vivir no mundo ordinario de xente non-máxica coñecida como muggles. O mundo máxico existe en paralelo ao mundo muggle, agochado e en segredo. As capacidades máxicas son innatas e os cativos con tales habilidades son invitados a acudir a unha escola de maxia para aprender a desenvolver as habilidades máxicas necesarias para ter éxito no mundo máxico. Harry recibe o convite para asistir como estudante á Escola Hogwarts de Maxia e Feiticería, unha academia situada en Escocia e que é a principal localización dos acontecementos da serie. A medida que pasa pola etapa da adolescencia, Harry aprende a superar moitos retos máxicos e obstáculos sociais e emocionais, incluíndo os desafíos ordinarios dun adolescente como a amizade, as relacións amorosas, o traballo da escola e os exames, a ansiedade, a depresión e o estrés.
Cada libro narra un ano na vida de Harry, durante un período de tempo que vai do ano 1991 ao 1998.Harry Potter e a Cámara dos Segredos, capítulo 8.Harry Potter e as reliquias da morte, capítulo 16. Con todo, a miúdo aparecen analepses para mostrar os recordos doutros personaxes e, finalmente, unha prolepse conforma o epílogo do último libro.
O universo creado por Rowling está intimamente conectado coa realidade. A comunidade máxica británica dos libros está inspirada pola cultura británica da década de 1990, o folclore europeo, a mitoloxía clásica e a alquimia, incorporando obxectos e vida salvaxe como as variñas máxicas, as plantas máxicas, as apócemas, os esconxuros, as vasoiras voantes, os centauros e outras criaturas máxicas, as Reliquias da Morte e a pedra filosofal, entre outras inventadas por Rowling. Namentres que o mundo de fantasía de Narnia é un universo paralelo alternativo e a Terra Media d’O Señor dos Aneis é un pasado mítico, o mundo máxico de Harry Potter coexiste en paralelo co mundo real, coa acción das novelas situada principalmente en Escocia, West Country, Devon, Londres e Surrey no sueste de Inglaterra. O mundo máxico comprende unha colección fragmentada de rúas e canellas agochadas, pubs antigos, leiras solitarias e castelos con séculos de historia que son invisibles para a poboación non-máxica.
Primeiros anos
Harry Potter e a pedra filosofal, é a primeira novela da serie, comeza de xeito que é evidente que sucedeu algo importante no mundo máxico; este acontecemento é tan salientable que os muggles perciben sinais del. O relato completo deste evento e do pasado de Harry Potter revélase gradualmente ao longo dos libros. Tras este capítulo introdutorio, a historia salta no tempo ata datas próximas ao undécimo aniversario de Harry.
O primeiro contacto de Harry co mundo máxico é a través dun medio-xigante, Rubeus Hagrid, gardián dos terreos e chaves de Hogwarts. Hagrid revela parte da historia de Harry. Harry descobre que cando era un cativo de tan só un ano foi testemuña do asasinato de seus pais por Lord Voldemort, un meigo escuro obsesionado co poder e a pureza de sangue no mundo máxico. Por razóns non citadas ata o quinto libro, o esconxuro lanzado por Voldemort para matar tamén a Harry rebota. Harry sobrevive con tan só unha cicatriz en forma de raio na súa fronte como recordo do ataque, mentres que Voldemort desaparece. Debido a este feito involuntario, considerado unha proeza por parte da comunidade máxica, e que acaba co reinado do terror de Voldemort, Harry convértese nunha lenda viva no mundo máxico. Con todo, segundo ordes do recoñecido meigo Albus Dumbledore, levan a Harry á casa dos seus parentes muggles, a familia Dursley, os cales manteñen ao neno a salvo, mais maltratado, e apartado da súa historia real. Petunia Dursley estaba celosa das habilidades máxicas de súa irmá e, finalmente, acabara por catalogar a todos os meigos como aberracións. Por este motivo, os Dursley odiaban aos meigos e agocharon a Harry a súa procedencia e dixéronlle que seus pais morreran nun accidente co coche coa esperanza de que medrase "normal".
Coa axuda de Hagrid, Harry prepárase para o seu primeiro ano de estudos en Hogwarts. Asemade que Harry comeza a explorar o mundo máxico, o lector coñece moitas das localizacións principais usadas ao longo dos demais libros. Harry coñece tamén á meirande parte dos personaxes principais e fai os seus dous mellores amigos: Ron Weasley, un alegre membro dunha antiga, grande e pobre familia meiga, e Hermione Granger, unha meiga estudosa obsesiva con pais non-máxicos. Harry tamén se encontra do profesor de Apócemas, Severus Snape, que semella terlle un odio profundo e irracional, e o profesor de Defensa contra a Maxia Negra, Quirinus Quirrell, que á fin resulta estar aliado con Voldemort. O primeiro libro conclúe coa segunda confrontación de Harry con Lord Voldemort, quen na súa busca da inmortalidade, anhela facerse co poder da pedra filosofal.
Harry Potter e a Cámara dos Segredos, a continuación da saga, que describe o segundo ano de Harry en Hogwarts. El e mais os seus amigos investigan un misterio de hai 50 anos que parece gardar relación con recentes eventos sinistros na escola. A irmá máis nova de Ron, Ginny Weasley, inicia os seus estudos de primeiro ano en Hogwarts e encontra un caderno que acaba por ser un vello diario pertencente a Voldemort durante os seus anos de estudo na escola. Ginny acaba posuída por Voldemort a través do diario e inconscientemente abre a Cámara dos Segredos, liberando un monstro antigo, un basilisco, que ataca os estudantes de Hogwarts. A novela afonda na historia de Hogwarts e nunha lenda arredor da Cámara dos Segredos que asusta a todos na escola. O libro presenta tamén un novo profesor de Defensa contra a Maxia Negra, Gilderoy Lockhart, un meigo moi alegre e fachendoso que acaba por ser unha fraude. Por vez primeira Harry descobre que existen prexuízos raciais no mundo máxico. Harry sorpréndese tamén ao saber que a súa habilidade de falar a lingua pársel, a lingua das serpes, é moi estraña e a miúdo está relacionada coa Maxia Negra. A novela finaliza despois de que Harry salve a vida de Ginny, destruíndo o basilisco e o diario encantado.
Harry Potter e o preso de Azkaban, a terceira novela, segue a Harry no seu terceiro ano de educación máxica. Trátase do único libro da saga no que Voldemort non intervén directamente como personaxe dalgún xeito. No canto diso, Harry debe lidar co coñecemento de que é o obxectivo de Sirius Black, o mellor amigo de seu pai e fuxido do cárcere máxico de Azkaban, onde estaba preso por axudar nos asasinatos dos pais de Harry. Mentres Harry loita coa súa reacción fronte aos dementores (criaturas escuras co poder de devorar as almas dos humanos para alimentárense da súa desesperación), os cales están aparentemente protexendo a escola, recibe a axuda de Remus Lupin, o novo profesor de Defensa contra a Maxia Negra, que é un lobishome. Lupin ensínalle a Harry medidas defensivas de niveis superiores aos dados á idade de Harry. Harry descobre máis adiante que Lupin e Black eran grandes amigos de seu pai e que Black fora incriminado polo seu cuarto amigo, Peter Pettigrew.
Rexurdimento de Voldemort
miniatura|"The Elephant House", un dos cafés de Edimburgo onde Rowling escribiu a primeira parte de Harry Potter. Harry Potter e o Cáliz de fogo, durante o cuarto ano de Harry na escola, Harry participa de mala gana no Torneo Tres Meigos, un concurso máxico moi perigoso no que tres estudantes das escolas participantes (unha persoa por cada escola) deben competir entre si en tres probas para gañaren o título. O novo profesor de Defensa contra a Maxia Negra, Alastor "Ollotolo" Moody, guía a Harry durante o torneo. Ao final, Ollotolo resulta ser un impostor: é Barty Crouch, Jr, seguidor de Voldemort, disfrazado. O punto no que se desenguedella o misterio marca o cambio da saga do presentimento e a incerteza ao conflito aberto. O plan de Voldemort para que Crouch utilizase o Torneo Tres Meigos para levar a Harry ata Voldemort é un éxito. Malia que Harry consegue escapar, Peter Pettigrew mata ao estudante Cedric Diggory e Voldemort acada o seu rexurdimento cun corpo físico.