O clasicismo é o conxunto de características propias das obras de arte da antigüidade clásica e, por extensión, unha tendencia artística ou literaria baseada na proporción, no equilibrio das formas e no respecto á tradición clásica.
Como concepto estético, é unha corrente estética e intelectual que pode aplicarse a distintos períodos e disciplinas, cubrindo todos os dominios da arte, desde a arquitectura e a música ata a pintura e a literatura.
Nun sentido máis histórico e restrinxido, o termo clasicismo designa os movementos artísticos europeos desenvolvidos entre os séculos XVII e XVIII, con cronoloxías distintas segundo os países e as artes: o classicisme francés do século XVII, o clasicismo musical da segunda metade do XVIII ou a renovación posterior das formas antigas no neoclasicismo.
En algúns países, o clasicismo suplantou progresivamente ao barroco, deixando espazo ao romanticismo antes de renovarse a través do neoclasicismo. Expresouse cunha volta cara ás formas clásicas (gregas e romanas) en todas as artes.
Arquitectura
En arquitectura, o termo clasicismo designa, en sentido amplo, o emprego dunha linguaxe inspirada na antigüidade clásica grecorromana, baseada nas ordes arquitectónicas, a proporción, a simetría e a procura da harmonía formal.
Aínda que soe designar a arquitectura dos séculos XVI e XVII, especialmente no reino de Francia e na península itálica, non se identifica cun único período histórico, senón cunha tradición recorrente que reaparece en distintos momentos da arte europea.
Xa o Renacemento do século XII incorporou elementos clasicistas, cun interese renovado pola cultura latina e certas formas da arte grecorromana. Porén, aquela recuperación desembocou en boa medida na arte gótica, mais anticipando trazos que serían desenvolvidos con máis intensidade no Renacemento (XV e XVI).
No Renacemento, o clasicismo consolidouse como unha recuperación da arquitectura antiga, especialmente a partir da península itálica, con autores como Bramante e Palladio. Neses séculos, o termo pode empregarse nun sentido específico para designar o classicisme en Francia, diferenciado tanto da arquitectura renacentista como do barroco e do neoclasicismo.miniatura|Gran Teatro da Ópera Nacional Polaca. Teatr Wielki, de feitura neoclásica, en Varsovia.|esquerdaA relación entre clasicismo e barroco non sempre é de oposición estrita. O barroco tamén emprega elementos clásicos, mais tende a facelo cun maior dinamismo compositivo e teatralidade. No caso francés, o clasicismo chegou a interpretarse como unha forma de barroco máis sobrio.
Máis tarde, o neoclasicismo retomou novamente a arquitectura antiga con criterios arqueolóxicos e ideolóxicos propios dos séculos XVIII e XIX.
Música
O termo Clasicismo refírese ao estilo musical que domina durante a segunda metade do século XVIII. É o equivalente ao Neoclasicismo do resto das artes.
En Música adóitase coller o ano da morte de Johann Sebastian Bach (1750) para delimitar a fin do Barroco e o comezo do Clasicismo. Obviamente xa atopamos mostras do novo estilo en autores anteriores a esta data, caso de Christoph Gluck e compositores barrocos seguiron escribindo música con posterioridade, coma Händel.
Este estilo caracterízase polo equilibrio e pola proporción, fronte á ornamentación tan característica do Barroco. É a época do nacemento ou da fixación de formas clásicas coma a sonata, a sinfonía, o concerto ou o cuarteto de corda.
Os principais autores son Haydn, Mozart e Gluck. Beethoven actuará de ponte co Romanticismo.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos
Barroco Renacemento Renacemento do século XII Neoclasicismo Historia da arte Historia da arte occidental Historia da pintura Historia da escultura Historia da arquitectura Historia da música
Categoría:Clasicismo Categoría:Arte Categoría:Historia da arte Categoría:Historia da arquitectura Categoría:Música clásica