Fifty Foot Hose é unha banda de rock psicodélico formada en San Francisco a finais da década de 1960 e reformada a mediados da década de 1990. Foi un dos primeiros grupos en fusionar o rock e a música experimental. Como outras poucas bandas da época (sobre todo nos Estados Unidos), trataron de combinar os sons contemporáneos do rock con instrumentos electrónicos e ideas compositivas de vangarda.

Grupo orixinal A banda orixinal estaba formada por tres membros nucleares; o fundador e baixista Louis "Cork" Marcheschi, o guitarrista David Blossom, e a súa muller, a vocalista Nancy Blossom, xunto con Kim Kimsey (batería) e Larry Evans (guitarra).

Cork Marcheschi (nado en 1945) medrara en Burlingame, California. Na mocidade actuou coa banda Ethix, que tocaba R&B en clubs da área de San Francisco e de Las Vegas, e publicou un sinxelo experimental e salvaxemente atonal, "Bad Trip",en 1967, coa intención de que o disco puidese ser reproducido a calquera velocidade. Interesado nas ideas de compositores experimentais como Edgard Varèse, John Cage, Terry Riley e George Antheil, construíu o seu propio instrumento electrónico personalizado a partir dunha combinación de elementos como theremíns, fuzzboxes, un tubo de cartón, e un altofalante dun bombardeiro da segunda guerra mundial.

David e Nancy Blossom trouxeron influencias da psicodelia e do jazz á banda. Xuntos gravaron unha demo que lles conseguiu un contrato con Limelight Records, unha filial de Mercury Records. No mes de decembro de 1967 a banda editou o álbum Cauldron. O disco estaba formado por once cancións, incluídas "Fantasy", "Red the Sign Post" e "God Bless the Child", unha versión de Billie Holiday. Trátase dunha intrigante mestura de temas de rock psicodélico en clave de jazz con feroces e avanzados efectos de son electrónicos.

O disco vendeu poucas copias no seu tempo, aínda que a banda contaba cun pequeno pero intenso grupo de seguidores en San Francisco e xirou con outros artistas como Blue Cheer, Chuck Berry e Fairport Convention, tras a incorporación do baixista Robert Goldbeck. Fifty Foot Hose separouse a finais de 1969, cando a meirande parte dos seus membros uníronse ao musical Hair, converténdose Nancy Blossom na directora da produción en San Francisco e despois cantando en Godspell. Larry Evans regresou á súa cidade natal de Muncie, Indiana, onde liderou varias bandas ata a súa morte en 2008.

Reforma O interese en Fifty Foot Hose renaceu nos anos 90 cando a banda foi recoñecida como unha das precursoras dos sons do rock electrónico de artistas como Pere Ubu, Chrome e Throbbing Gristle, e Cauldron foi reeditado en CD. Nese tempo Marcheschi convertérase nun respectado escultor, especializado en obra pública usando neons, plástico e características cinéticas.

En 1994 Marcheschi reformou o grupo para realizar concertos en San Francisco cun novo conxunto de músicos. Esas actuacións levaron ao lanzamento do disco Live & Unreleased, seguido en 1998 por un novo álbum de estudio, Sing Like Scaffold. Neste traballo a banda está composta por Marcheschi (instrumentos electrónicos, xeradores de son e theremin), Walter Funk III (instrumentos electrónicos e vocoder), Reid Johnston (guitarra, efectos, instrumentos de vento e harmonio), Lenny Bove (baixo, instrumentos electrónicos e voces), Elizabeth Perry (voces), e Dean Cook (batería).

Funk e Johnston formaron posteriormente a banda de electrónica de vangarda Kwisp, aparecendo tamén no seu primeiro álbum Cork Marcheschi.

Notas

Categoría:Grupos musicais de rock psicodélico Categoría:Grupos musicais de rock experimental Categoría:Grupos musicais de San Francisco Categoría:Grupos musicais formados en 1967