Ánxela Loureiro Fernández, nada en Ferrol en 1956, é unha mestra e escritora galega de literatura infantil e xuvenil. Cultiva diferentes xéneros literarios: teatro, novela, poesía e guión cinematográfico. Exerceu a docencia en colexios e institutos de Ferrol e o Centro de Formación e Recursos.

Traxectoria Iníciase como escritora de teatro infantil coa obra titulada Ollo! Hai lurpios na horta que acadou en 1978 o 1º Premio de Teatro Infantil do Ateneo Ferrolán e que se representou por toda Galicia en 1980. Aínda que continuou escribindo obras teatrais, en ocasións grazas ás axudas para a creación da Consellería de Cultura, a súa creatividade espallouna a outros xéneros como a poesía ou a novela.

A súa poesía adoita relacionarse coa música, como demostran os premios no concurso Cantareliña (San Sadurniño) e tamén diferentes colaboracións en publicacións e discos.

En 1996, publicou o seu primeiro libro de narrativa, Viaxe de ida e volta. Seguíronlle Laia a nena da illa, Camiño perigoso e Ota quere voar galardoado cos premios Lecturas e Frei Martín Sarmiento. No ano 2018 publicou Choiva de ras.

Tamén se volcou no mundo do cinema como guionista de proxectos infantís: Pica-pica circus, longametraxe en plastilina para a produtora Luafilms; E por que II, curtametraxes de animación sobre exercicio físico e alimentación saudable; e Bruxarías (2015) para a produtora Continental Producciones. Esta última foi candidata á mellor película de animación nos Premios Platino 2017.

A súa afección pola música lévaa a participar en varios grupos musicais e a dirixir coros infantís como “Ledicia” do que é a súa fundadora. Formou parte do grupo folk Saraibas actuando en numerosos escenarios de Galicia e Europa e gravando varios discos incorporando a súa voz solista, instrumentos de percusión e realizando arranxos musicais.

A súa profesión de mestra fai que colabore con relatorios e obradoiros en diversos foros educativos, que escriba artigos en revistas de carácter didáctico, que participe na elaboración de libros de texto ou que publique libros para o profesorado como Canción para o ano onde convida a que se utilice a música popular nas aulas. No eido educativo, ademais, impulsa a recuperación dos xogos tradicionais musicais e defende a súa incorporación nas aulas como elementos de socialización.

En toda a súa obra amosa un especial interese por resaltar os valores da solidariedade, amizade, igualdade e liberdade. A súa linguaxe, sempre, é coeducativa.

En marzo de 2019 presentou o seu libro Voces da memoria con ollos de muller, para dar visibilidade ás mulleres loitadoras no período 1970-1977 en Ferrol e a súa achega para conquistar as liberdades democráticas.

Obra Libros Teatro infantil Ollo! Hai lurpios na horta. 1978. Novela infantil e xuvenil Viaxe de ida e volta. Edicións Xerais,1996. Laia, a nena da illa. Edicións Xerais. 1998 (Finalista do Premio Merlín) Camiño perigoso. Edicións Xerais, 2002 (Finalista do Premio Merlín) Ota quere voar. Edicións Xerais, 2003 (Premio Lecturas Galix 2005 e Premio Literario Frei Martín Sarmiento 2005) Choiva de ras. Edicións Xerais, 2018.

Ensaio Voces da memoria con ollos de muller. Concello de Ferrol, 2019. Centro Social de Santa Mariña. Unha vítima do franquismo. A. C. Fuco Buxán e Memoria Histórica Democrática, 2025. Libros didácticos Cancións para o ano. Edicións Xerais. 1995. (Textos, partituras e actividades didácticas dirixidas ao profesorado) José Fontenla Leal un dinamizador do galeguismo. Edición do Concello de Ferrol (Unidade didáctica)

Libros de texto Coautora do libro de texto globalizado Nobelos de papel de Edicións Xerais. Colaboradora dos libros Música 3 , Música 4, Música 5 e Música 6 de Edicións S.M. Obras colectivas A fábrica de soños no libro colectivo E dixo o corvo, Edicións Xunta de Galicia. Andrea Chapapote no libro colectivo Contos de circo, cronopios e avións. Edicións Xunta de Galicia, 2005.

Artigos Entrevista con Emilio Calatayud. Unha oportunidade para a convivencia, na Revista IDEA nº 13. Entrevista con Cristina Almeida. A importancia de educar en igualdade, na Revista IDEA nº14 Entrevista con Nélida Zaitegi. A voz do diálogo, na Revista IDEA nº 15. Cancións A buxaina brincadeira, Ris pun chis e Quen son? nos cadernos de Cantareliña II, III e VII respectivamente.

A caracola, Pasan coches polas rúas, A castaña, Sol do outono, Os meus ollos, Estrela na noite, Nace unha planta, Noite de San Xoan, Facendo o disfrace, Despertar no galiñeiro, Arco da Vella, Son ecoloxista, O maio letras das cancións recollidas no libro As nosas cancións I e II de Edicións Música para todos.

Discos Camiño Longo. Grupo folk Saraibas. (Voz, percusión e arranxos). Cancións para o ano. Grupo folk Saraibas. (Coordinación, voz, percusión e arranxos). Canción Poesía no disco colectivo Homenaxe a Celso Emilio Ferreiro. (Voz) Música 3, Música 4, Música 5 e Música 6 de Edicións S.M. (Coordinación, arranxos musicais, voz e percusión)

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Entrevista en Sermos Galiza Cantareliña. RIS PUM CHIS Trailer Meigallos

Categoría:Escritores de Galicia en lingua galega Categoría:Poetas de Galicia Categoría:Nados en Ferrol Categoría:Nados en 1956 Categoría:Profesores de Galicia