Los Angeles Rams son un equipo profesional estadounidense de fútbol americano que compite na National Football Conference (NFC) da National Football League (NFL). A franquía ten a súa base na cidade de Ánxeles, no estado de California. Os Rams posúen tres títulos de campión da NFL, incluída unha Super Bowl, sendo o único equipo que gañou tres títulos tendo a súa sede en tres cidades diferentes: Cleveland en 1945, Os Ánxeles en 1951 e St. Louis en 1999. A franquía disputa os seus partidos como local en Los Angeles Memorial Coliseum.
Os Rams foron fundados en 1936 na cidade de Cleveland, Ohio. O primeiro propietario do club foi Homer Marshman, destacando entre os seus primeiros xogadores William "Bud" Cooper, Harry "The Horse" Mattos, Stan Pincura ou Mike Sebastian. Após gañar o título da 1945 da NFL, o equipo trasládase aos Ánxeles en 1946, optando por non competir cos Cleveland Browns da All-America Football Conference e pasando a denominarse Los Angeles Rams. Na cidade californiana o equipo xoga no Memorial Coliseum, aínda que entre 1980 e 1994 disputou os seus partidos no Anaheim Stadium da veciña cidade de Anaheim.
Despois da temporada de 1994 da NFL, os Rams deixan California para xogar en St. Louis, Missouri. Tan só cinco temporadas após o traslado, o equipo foi quen de gañar a Super Bowl XXXIV tras vencer por 23–16 ante os Tennessee Titans no Georgia Dome de Atlanta. Dous anos despois o equipo volve chegar á Super Bowl, aínda que esta vez perden ante os New England Patriots de Bill Belichick e Tom Brady por 20–17. Durante esas tres temporadas, o ataque dos Rams recibiu o alcume de "The Greatest Show on Turf" (do inglés: O maior espectáculo sobre o campo). O equipo xogou en St. Louis até o final da temporada 2015, regresando a franquía para a temporada 2016 aos Ánxeles.
Historia Cleveland Rams (1936–1945) Os Cleveland Rams foron fundados no ano 1936 polo avogado de Ohio Homer Marshman e o adestrador Damon Wetzel, ex-estrela de Ohio State que tamén xogara a brevemente a nivel profesional para os Chicago Bears e os Pittsburgh Pirates. Wetzel, que foi nomeado director xeral da nova franquía, escolleu o nome de "Rams" (do inglés: carneiros) na honra do seu equipo favorito do fútbol americano universitario: os Fordham Rams da Universidade de Fordham. No seu primeiro ano o equipo participou na recentemente creada American Football League, terminando a competición en segundo lugar con cinco vitorias por dúas derrotas e dous empates. O 12 de febreiro de 1937 o equipo uniuse á National Football League (NFL), onde foron asignados á División Oeste. Os Rams foron o cuarto dunha serie de equipos de curta duración con sede en Cleveland, sucedendo aos Tigers, aos Bulldogs e aos Cleveland Indians. Desde os seus inicios o equipo caraterizouse por continuas mudanzas de estadio, chegando a xogar en tres recintos diferentes. A pesar de ter varias temporadas con máis derrotas que vitorias, destacou a presenza nos Rams do halfback Parker Hall, nomeado MVP da temporada de 1939.
En xuño de 1941 os Rams foron adquiridos por Dan e Fred Levy Jr. Reeves, herdeiros dun negocio familiar de comestibles que fora comprado comprado por Safeway. Outro dos propietarios dos Rams na época foi o artista Bob Hope. Na temporada de 1943 o equipo suspendeu as súas operacións e retirouse da competición debido á escaseza de xogadores durante a segunda guerra mundial, reanudando o seu camiño en 1944. O primeiro éxito dos Rams chegou en 1945, no que finalmente sería o seu último ano en Ohio. Esa temporada asumiu o cargo de adestrador Adam Walsh, que xunto co quarterback debutante Bob Waterfield, a posteriori MVP da temporada, conseguiron nove vitorias por unha soa derrota. Isto valeulles para conseguir o seu primeiro título da NFL tras vencer por 15-14 aos Washington Redskins o 16 de decembro.
Los Angeles Rams (1946–1994) miniatura|esquerda|Elroy Hirsch. O 12 de xaneiro de 1946, foille denegado a Reeves o seu traslado desde Cleveland até Os Ánxeles, onde xogaría no Memorial Coliseum, naquela altura con capacidade para 103.000 espectadores. Con todo, Reeves ameazou con romper relacións coa NFL e saír do negocio do fútbol americano profesional, e finalmente o traslado foi permitido. A raíz do movemento, a NFL foi a primeira industria do deporte estadounidense en ter franquías nas costas leste e oeste do país. Após os Rams recibiren aprobación para mudarse aos Ánxeles, comezaron as negociacións para alugar o Memorial Coliseum. Unha das condicións previas para obter o contrato de arrendamento era a integración no equipo de polo menos un xogador afroamericano, condición aceptada polo equipo. Desde a saída de Joe Lillard en 1933 dos Chicago Cardinals, non houbera xogadores negros no fútbol americano profesional. Así, o 21 de marzo de 1946 os Rams asinaron a Kenny Washington. A sinatura causou que se "desatase todo o inferno" entre os donos das franquías da NFL. A pesar de todo, asinaron a outro xogador negro máis, Woody Strode. No partido de debut dos Rams como locais en California, un encontro de pretemporada ante os Washington Redskins, xuntáronse no estadio máis de 95.000 seareiros. O equipo acabaría por finalizar a súa primeira temporada cun rexistro de 6–4–1, ocupando o segundo posto despois dos Chicago Bears. En 1948, o halfback Fred Gehrke pintou uns cornos no casco dos Rams, converténdose no primeiro emblema de casco do fútbol americano profesional.
O primeiro apoxeo dos Rams no sur de California foi entre 1949 e 1955, cando xogaron catro veces a Final polo campionato da NFL (anterior á Super Bowl), gañando unha vez en 1951. Durante este período, tiveron a mellor ofensiva na NFL. Os xogadores ofensivos que definiron este período foron Elroy Hirsch, Van Brocklin e Waterfield. Durante a temporada do título de 1951, Hirsch rexistrou unha impresionante cantidade de 1.495 iardas e 17 touchdowns. A popularidade desta ofensiva permitiu en 1950 aos Rams converterse no primeiro equipo de fútbol profesional en ter todos os seus partidos televisados. A finais dos anos cincuenta e principios dos sesenta, pasaron de ser a única franquía deportiva profesional importante no sur de California e Os Ánxeles a ser unha entre cinco: chegaron os Dodgers de béisbol desde Brooklyn en 1958, en 1960 foron fundados os Chargers da recentemente creada AFL, os Lakers de baloncesto chegaron desde Minneapolis en 1960 e finalmente foron fundados os Angels de béisbol en 1961. A pesar disto, os Rams seguiron prosperando no sur de California. Nos primeiros dous anos despois de que os Dodgers mudáronsechegasen a California, os Rams atraeron unha media de 83.681 espectadores en 1958 e de 74.069 en 1959. Os Rams eran tan populares na cidadae que os Chargers decidiron mudarse a San Diego en lugar de tentar competir con eles. Porén, durante este tempo os Rams non tiveron tanto éxito no campo como o foron durante a súa primeira década. En 1957, os Rams estableceron a marca de asistencia da NFL de todos os tempos até 2006 e romperon a marca de 100.000 dúas veces durante a campaña de 1958.
A década de 1960 estivo definida pola liña defensiva do equipo formada por Rosey Grier, Merlin Olsen, Deacon Jones e Lamar Lundy, os cales recibían o alcume de "Fearsome Foursome" (do inglés: Cuarteto temíbel). Coa súa axuda o equipo chegou a xogar a a final de conferencia en 1967. Esa mesma temporada foi a primeira na historia da NFL na que un equipo superou o millón de espectadores nunha soa temporada. Durante finais da década e comezos da seguinte o quarterback dos Rams foi Roman Gabriel. Durante as súas once temporadas no club, o equipo finalizou sempre en primeiro o segundo lugar da súa división, a NFC Oeste. Ademais, foi nomeado MVP na temporada 1969 grazas ás súas 2.549 iardas e 24 touchdowns. En 1972 o industrial de Chicago Robert Irsay comprou a franquía por 19 millóns de dólares para logo vendela a Carroll Rosenbloom en troques dos seus Baltimore Ravens e diñeiro. Neste anos 1970 o equipo seguiu a ser competitivo, conseguindo sete campionatos consecutivos de división entre 1973 e 1979. Precisamente nesta última temporada os Rams xogan a súa primeira Super Bowl, a XIV, onde se tiveron que enfrontar aos vixentes campións: os Pittsburgh Steelers. Con todo, os anxelinos perden finalmente por 31−19.
Antes do comezo da temporada 1979, o propietario Carroll Rosenbloom faleceu por un accidente, herdando o 70% do equipo a súa viúva Georgia Frontiere. Tal e como xa tiñan planeado, o equipo trasladouse en 1980 desde o Coliseum ao Anaheim Stadium stiuado no Condado de Orange. Os motivos do traslado foron dous: por un lado a regra do "blackout" da NFL que impedía emitir por televisión local un partido se non se vendía o 70% das entradas antes de 72 horas do inicio do partido, o cal ás veces non conseguían por mor dunha capacidade para 92.604 espectadores, e por outro o crecento aumento de poboación da zona sur dos Ánxeles. Todo isto, permitía encher con facilidade un estadio para 60.000 espectadores. Con todo, en 1982 os Oakland Raiders mudaron a súa sede aos Ánxeles, precisamente ao Coliseum. Isto dividiu aos tradicionais seareiros dos Rams en dous. A maiores, os Raiders eran un equipo gañador e os Rams atravesaban unha mala xeira. Alén diso, os outros equipos deportivos da cidade gozaban de grande éxito (os Lakers e os Dodgers gañaron varios títulos na década de 1980). Como resultado, os Rams perderon moita popularidade. Esta situación, xunto con problemas de índole política para construír un novo estadio, levaron a Frontiere a decidir trasladar o equipo a St. Louis, Missouri. Despois das reticencias dos resto de propietarios de franquías da NFL, finalmente o club deixa California en 1995.
St. Louis Rams (1995–2015) miniatura|dereita|Kurt Warner. Durante as dúas primeiras temporadas en St. Louis, o equipo estivo baixo a dirección de Rich Brooks. En 1997 foi contratado Dick Vermeil como novo adestrador. Un dos primeiros movementos nesta nova etapa foi a selección no Draft da NFL ao futuro All-Pro offensive tackle Orlando Pace. En 1999 la temporada comezou co quarterback Trent Green lesionado, sendo substituído polo seu suplente Kurt Warner, o cal chegara á franquía como axente libre sen draftear. Vermeil declarou publicamente que os Rams se "unirían en torno a Warner e xogarían bo fútbol". O resultado foi que Warner, xunto con Marshall Faulk e Isaac Bruce se converteron nun dos mellores ataques da historia da competición, anotando 526 puntos na temporada. Isto foi o comezo do que posteriormente se coñecería como "The Greatest Show on Turf" (do inglés: o maior espectáculo sobre o céspede). O propio Warner sorprendeu á liga ao conseguir 41 touchdowns e liderando aos Rams á Super Bowl XXXIV, onde gañaron aos Tennessee Titans por 23–16. Warner foi nomeado o MVP. Vermeil retirouse despois da consecución do título e foi substituído polo seu ccordinador ofensivo Mike Martz. Con Martz o equipo regresou á Super Bowl dous anos despois. Con todo, os Rams, grandes favoritos, perderon contra os New England Patriots (20–17) de Bill Belichick e Tom Brady, o cales comezaban a súa dinastía.