Manuel Ríos Quintanilla, coñecido como Manolete, nado na Coruña o 26 de maio de 1945, é un exfutbolista galego. Nos seus inicios xogaba de defensa central, pasando máis tarde ao mediocampo. Desenvolveu case toda a súa carreira no Deportivo da Coruña, sendo un dos futbolistas máis emblemáticos da historia do club. Xogou tamén no Valencia e o Hércules, e foi internacional coa selección española en dúas ocasións, en 1972.
Traxectoria Nacido na coruñesa rúa da Torre, comezou a xogar ao fútbol no Perseverancia de Santo Tomás, pasando despois ao equipo xuvenil do Deportivo Ciudad. Durante esta época foi convocado varias veces por Rodrigo para a selección galega xuvenil, coa que disputou o Campionato de España de seleccións rexionais.
En 1963 fichou polo Deportivo da Coruña, que o asignou na súa primeira tempada ao seu filial, o Fabril. Disputou a tempada 1963/64 da Terceira División, formando na defensa xunto con Cholo e Minador. Xogou como titular os 30 partidos, clasificándose para a fase de ascenso a Segunda, onde o equipo coruñés eliminou á Ponferradina, antes de perder contra a Gimnástica de Torrelavega, tras dous partidos de desempate no Molinón.
Na tempada seguinte pasou a ser futbolista do primeiro equipo, co que debutou en Primeira División na segunda xornada da tempada 1964/65, contra o Betis no Benito Villamarín. Aínda que comezou como defensa central, acabou por adiantar a súa posición ao centro do campo. Nesa época compaxinaba a súa militancia no Deportivo co seu traballo en Fenosa, empresa na que traballaran tamén seu pai e seu avó, e da que formou parte tres anos.
Durante as seguintes oito tempadas disputou un total de 253 partidos oficiais co Deportivo, converténdose nun dos futbolistas máis emblemáticos do club. Capitán do equipo desde os 23 anos, viviu tres descensos de categoría e outros tres ascensos. A tempada 1971/72 con Arsenio no banco, foi a última de Manolete no Deportivo e ao remate desta recibiu o premio do xornal Mundo Deportivo ao mellor xogador español da Primeira División.
En 1972 fichou polo Valencia, co que debutou en competición europea, disputando unha eliminatoria da Copa da UEFA contra o Estrela Vermella de Dragan Džajić. Con todo, unha serie de lesións impedíronlle disputar máis de 7 partidos co equipo che en toda a campaña. Na tempada 1973/74 marchou cedido ao Hércules CF a petición do adestrador Arsenio Iglesias, onde conseguiu o ascenso a Primeira división. Posteriormente regresou ao Valencia, pero unha lesión de clavícula mal curada obrigouno a retirarse definitivamente do fútbol.
De regreso en Galicia adestrou durante anos as seleccións galegas infantil e xuvenil. Trala súa retirada do fútbol traballou no sector da construción e principalmente na banca, formando parte durante 25 anos da sucursal do BBVA da praza de Pontevedra. Ademais foi durante 20 anos secretario técnico do Deportivo presidiu a Asociación de Veteranos do club. Selección española Foi internacional coa selección española en dous partidos de clasificación para a Eurocopa de 1972. Convocado por Kubala, debutou o 16 de febreiro de 1972, nun partido contra Irlanda do Norte en Boothferry Park, substituíndo na primeira parte ao lesionado Quini. Dous meses despois xogou como titular contra Grecia no estadio Kaftanzoglio de Salónica, nun equipo no que xogaban os tamén galegos Luis Suárez e Ufarte.
Vida persoal Coñeceu na praia de Santo Amaro á policía María del Carmen Vila López, que se converteu na súa parella. Casaron en 1971, despois de ter que adiar varias veces o casamento por mor da Copa do Xeneralísimo 1970/71, na que o Deportivo eliminou sucesivamente ao Salamanca, o Real Madrid e o Celta de Vigo ata acadar os cuartos de final. Tiveron cinco fillos: Fernanda, Marimar, Víctor, Carolina e David.
Estatísticas ClubTempadaCategoríaLigaCopa do XeneralísimoCopa da UEFACopa GaliciaTotalPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesFabril1963/64Terceira300------300Deportivo da Coruña1964/65Primeira26040--303301965/66Segunda26060----3201966/67Primeira26151----3121967/68Segunda29221----3131968/69Primeira20440----2441969/70Primeira24130-- --2711970/71Segunda31480----3941971/72Primeira34420-- --364Total club21616342003025318Valencia1972/73Primeira500020--70Elche1973/74Segunda24000----240Total carreira24516342203028418
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en bdfutbol.com . Datos do xogador no sitio web oficial da selección española .
Categoría:Nados en 1945 Categoría:Nados na Coruña Categoría:Futbolistas da Coruña Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Valencia CF Categoría:Xogadores do Hércules CF Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España