Kareem Abdul-Jabbar (en Karīm ‘Abd al-Jabbār), nado co nome de Ferdinand Lewis Alcindor, Jr. en Harlem (Nova York) o 16 de abril de 1947, é un antigo xogador de baloncesto estadounidense que militou en Milwaukee Bucks e Los Angeles Lakers da NBA dende 1969 até 1989. Era coñecido como Lew Alcindor antes de que trocase o seu nome a finais de 1971, varios anos despois de converterse ao islam, ao que chegou despois de ler unha autobiografía de Malcolm X.

Abdul-Jabbar deixou o baloncesto á idade de 42 anos como o máximo anotador e taponador da historia da NBA, ademais de posuír a marca de máis MVP da Tempada con seis e ser o xogador que máis All-Star Game disputou. A súa lista de logros persoais e colectivos é talvez a máis impresionante na historia da liga: Rookie do ano da NBA, campión da NBA en sete ocasións, seis como xogador cos Bucks e Lakers e unha como adestrador asistente dos Lakers, dúas veces MVP das Finais da NBA, 19 veces All-Star e dúas veces máximo anotador da liga, entre outros moitos. Tamén posúe 8 marcas de playoffs e 7 de All-Star.

A pesar do seu incrible éxito na pista, non foi até o ocaso da súa carreira que Abdul-Jabbar gañou por fin o afecto dos afeccionados ao baloncesto. Foi un home reservado que evitaba á prensa e que ás veces parecía distante. "Son o peor entre os mozos malos", dixo unha vez á revista The Sporting News. Durante a tempada 1988-89, a súa última en activo, Abdul-Jabbar foi honrado en cada cancha da liga.

Traxectoria deportiva High School Abdul-Jabbar naceu como Ferdinand Lewis Alcindor Jr. en Nova York, dous anos despois de terminar a segunda guerra mundial. Era o único fillo dunha protectora nai, Cora, e un estrito pai, Ferdinand. Ao nacer pesou case 6 quilos e medía 57 centímetros. A estatura dos seus pais non facía prever o crecemento do mozo Lew (medían 1,91 e 1,78 metros respectivamente). Con 9 anos xa medía 1,75 e aos 14 creceu até os 2,03 metros, polo que xa podía machucar a canastra. Creceu cunha educación católica e conseguiu os seus primeiros éxitos co seu instituto. Era de longo o mozo máis alto da súa clase en Harlem, polo que era visto como un tipo raro entre os seus compañeiros de colexio. Tras dominar o baloncesto escolar de Nova York no agora defunto Power Memorial, co que conseguiu tres campionatos consecutivos, 71 vitorias seguidas e unha marca global de 96-6, anotando 2.067 puntos e capturando 2.002 rebotes (ambos os récords do estado de Nova York), enrolouse en UCLA onde xogou para os Bruins de John Wooden.

Universidade Alcindor sinxelamente dominou todas as clasificacións universitarias. Tras pasar en branco a súa primeira tempada debido a que as regras da NCAA impedían a un xogador de primeiro ano participar no equipo universitario, foi seleccionado como Xogador do Ano en 1967 e 1969 polas revistas The Sporting News, United Press International, Associated Press e a Asociación de Escritores de Baloncesto dos Estados Unidos. Tamén foi nomeado All-American e MVP do Torneo da NCAA nos anos 1967, 1968 e 1969. Foi o primeiro gañador do prestixioso Naismith College Player of the Year en 1969, que a partir dese ano distinguiu ao mellor xogador universitario do ano. Con Alcindor tomando o mando da zona, Wooden e UCLA conseguiron este tres títulos nacionais. Tal foi a súa influencia no baloncesto universitario que mesmo os mates foron prohibidos no baloncesto universitario a partir de 1967. Durante o seu paso por UCLA graduouse en Historia e desta etapa universitaria provén un dos seus trazos máis característicos. Durante un partido con UCLA sufriu unha lesión na córnea esquerda que lle levou a usar as súas características lentes ao longo da súa carreira. Nas súas tres tempadas terminou cunha media de 26,4 puntos e 15,5 rebotes, cunha porcentaxe de tiro do 64%.

O Partido do Século O 20 de xaneiro de 1968, Alcindor e os seus Bruins enfrontáronse aos Houston Cougars, nun partido da fase regular do campionato da NCAA. O Houston Astrodome albergou a cifra récord de 52.693 espectadores, sendo ademais o primeiro partido de fase regular universitario televisado para toda a nación en horario de máxima audiencia. Elvin Hayes, dos Cougars, anotou 39 puntos e capturou 15 rebotes, mentres que Alcindor quedou en tan só 15 puntos. Houston gañou 71-69, rompendo unha serie de 47 partidos invictos do equipo californiano. Foi denominado na época O Partido do Século. Hayes e Alcindor volverían verse as caras na Final Four de 1968, onde esta vez foron os Bruins os que gañaron 101-69.

Marcas universitarias A día de hoxe, Abdul-Jabbar aínda mantén un gran número de marcas en UCLA: Maior media de anotación nunha carreira: 26,4 Máis tiros de campo nunha carreira: 943 Máis puntos nunha tempada: 870 (1967) Mellor media de puntos nunha tempada: 29,0 (1967) Máis tiros de campo nunha tempada: 346 (1967) Máis tiros libres tentados nunha tempada: 274 (1967) Máis puntos nun partido: 61 (vs. Washington State, 25/2/67) Máis tiros de campo nun partido: 26 (vs. Washington State, 25/2/67)

Profesional Milwaukee Bucks miniatura|Lew Alcindor (Abdul-Jabbar) con UCLA. Milwaukee Bucks estaba só na súa segunda tempada na liga cando elixiron a Alcindor como primeira elección do Draft da NBA en 1969 (a primeira tempada dos Bucks fora para esquecer, cunha marca de 27-55 e logrando a primeira selección do draft nun sorteo a cara ou cruz con Phoenix Suns). Era o momento de que un novo pivote dominase a liga. Bill Russell acababa de abandonar Boston Celtics, e Wilt Chamberlain, aínda que en activo, tiña case 35 anos. Os Harlem Globetrotters ofrecéronlle un contrato dun millón de dólares para que se unise a eles, pero declinou a oferta e enrolouse cos Bucks. Con Alcindor a bordo, na tempada 1969-70, os Bucks acadaron a segunda praza da Conferencia Leste cunha marca de 56-26. Alcindor tivo un impacto estelar inmediato na liga, terminando segundo entre os anotadores con 28,8 puntos por partido e terceiro en rebotes con 14,5. Ese ano gañou con comodidade o premio de Rookie do Ano. Durante a postemporada os Bucks conseguiron o seu billete cara ao título; a base-escolta de 31 anos Oscar Robertson chegou procedente de Cincinnati Royals. Co apoio de Bobby Dandridge, Jon McGlocklin, Greg Smith, e o mozo Lucius Allen, Milwaukee logrou unha marca de 66 vitorias en 1970-71, marca da franquía, incluíndo unha marca de vinte vitorias consecutivas. Alcindor gañou o seu primeiro premio de MVP da Tempada e o seu primeiro título de máximo anotador con 31,7 puntos por partido mentres terminaba cuarto en rebotes con 16. Milwaukee conseguiu un 12-2 en playoff e varreu aos Baltimore Bullets nas segundas finais da NBA na historia que terminaban cun 4-0. Alcindor foi nomeado tamén MVP das Finais.

Antes da tempada 1971-72, Alcindor converteuse do catolicismo ao islam e adoptou o nome de Kareem Abdul-Jabbar, que significa "nobre e poderoso servente". Foi convertido por Khalifah Hamaas Abdul Khaalis, antigo líder da Nación do Islam. Detalla o proceso da súa conversión na súa autobiografía "Giant Steps" (Pasos de Xigante). En 1971-72 repetiu como máximo anotador (34,8 puntos) e MVP da NBA, e os Bucks repetiron como líderes de división por segunda vez no que serían catro anos consecutivos. En 1973-74 Abdul-Jabbar gañou o seu terceiro premio MVP no seu quinto ano na liga e colocouse entre os cinco mellores en catro categorías: anotación (27,0 puntos, terceiro), rebote (14,5 rebotes, cuarto), tapóns (283, segundo) e porcentaxe de tiro de campo (.539, segundo). Milwaukee volveu ás Finais da NBA en 1974 pero caeu contra Boston Celtics (hai que lembrar que en 1974 Milwaukee pertencía á Conferencia Oeste), que estaban liderados polo pivote Dave Cowens e un grupo de xogadores na liña exterior que demostraron ser demasiado rápidos para o veterano Robertson, xa con 35 anos. "Big O" (alcume de Oscar Robertson) retirouse tras os playoffs, concluíndo a racha de vitorias de división dos Bucks. O equipo caeu ao último lugar en 1974-75 cunha marca de 38-44.

A pesar do seu fenomenal éxito en Milwaukee, Abdul-Jabbar era infeliz en parte debido á carencia de xente que compartise as súas crenzas culturais e relixiosas e por isto pediu o seu traspaso. Requiriu que se lle traspasase a New York Knicks ou Los Angeles Lakers, e o Director de Operacións dos Bucks, Wayne Embry, cumpriu enviando a Abdul-Jabbar e Walt Wesley aos Lakers en 1975 por Junior Bridgeman, Dave Meyers, Elmore Smith, e Brian Winters. A segunda dinastía Abdul-Jabbar estaba a empezar a tomar forma.

Los Angeles Lakers 1975-1979: Esquecendo a Chamberlain Wilt Chamberlain retirouse dous anos antes, feito que axuda a explicar a marca de 30-52 dos Lakers e o seu último lugar na tempada 1974-75. Abdul-Jabbar axudou traendo dez vitorias máis na súa primeira tempada nos Ánxeles. A súa contribución foi de 27,7 puntos e 16,9 rebotes por partido gañando de novo o título de MVP da Tempada, o cuarto en sete anos na liga. A seguinte tempada Jerry West foi elixido como adestrador dos Lakers, e guiou ao equipo ao primeiro posto da liga cunha marca de 53-29. Abdul-Jabbar (26,2 puntos, 13,3 rebotes, 57,9% de porcentaxe de tiro de campo, 261 tapóns) foi nomeado MVP da Tempada por quinta vez en oito anos, igualando a marca da lenda dos Celtics Bill Russell. Pero os Lakers foron varridos nas Finais de Conferencia polos que serían campións, Portland Trail Blazers, quen tiñan a outro temible home alto en Bill Walton. A pesar dos esforzos de Abdul-Jabbar, os Lakers terminaron a campaña en metade da división nos dous seguintes anos. Continuou contribuíndo con grandes números, aínda que se perdeu 20 partidos en 1977-78 tras romper unha man nunha pelexa co novato dos Bucks Kent Benson no primeiro partido da tempada. Os mozos Jamaal Wilkes e Norm Nixon parecían prometedores, pero Los Angeles, no entanto, seguían sumidos na mediocridade.

1979-1985: Magic e o Showtime miniatura|esquerda|Abdul-Jabbar en 2006. En 1979, usando a primeira elección do draft obtida de Utah Jazz, os Lakers seleccionaron un base de 2,06 metros chamado Earvin "Magic" Johnson da Universidade de Michigan State. A chegada de Johnson marcou o inicio dunha década que traería a Abdul-Jabbar cinco campionatos máis. Cun espectacular contraataque que foi coñecido como "Showtime" (tempo de espectáculo), os Lakers gañaron nove títulos de división nos últimos dez anos da carreira de Abdul-Jabbar.Vídeo resumen do Showtime dos Lakers

Na primeira tempada de Johnson cos Lakers gañaron 60 partidos, e só perderon 4 dos 16 enfrontamentos da postemporada no seu camiño cara ao título de campións da NBA en 1980. Nun momento que uniría ás dúas superestrellas para sempre, Johnson xogou como pivote debido á lesión de Abdul-Jabbar no sexto partido das Finais da NBA contra Philadelphia 76ers. Abdul-Jabbar torceuse gravemente o seu nocello no quinto partido tras anotar 40 puntos e axudar aos Lakers a tomar a dianteira na serie. O pivote de 33 anos non puido xogar no sexto partido, polo que o novato de 20 anos tomou o posto de Jabbar e completou un fabuloso partido con 42 puntos, 15 rebotes e 7 asistencias, levando aos Lakers á vitoria por 123-107 e ao campionato. Na tempada, Abdul-Jabbar (24,8 puntos, 10,8 rebotes) cimentou aínda máis o seu lugar na historia conseguindo o seu sexto premio de MVP.