O Bergantiños Fútbol Club é un equipo de fútbol masculino galego fundado en 1923 en Carballo (A Coruña). Compite na Segunda Federación e disputa os seus partidos como local no campo das Eiroas da capital bergantiñá, un recinto con capacidade para 3 500 espectadores.
Os principais logros do club foron dous campionatos da Copa Galicia (1968-69 e 1984-85) e o título da Copa Deputación da Coruña en 2002, ademais de dous campionatos da Terceira División RFEF. O Bergantiños xogou dúas tempadas na terceira categoría do fútbol español, a segunda división "B", e clasificouse en sete ocasións para disputar a Copa do Rei.
Historia Inicios do fútbol en Carballo miniatura|esquerda|Casino de Carballo (anteriormente café "La Terraza"), lugar habitual de reunión dos fundadores do Bergantiños FC. Contra o ano 1920 existían en Carballo seis equipos das barriadas que disputaban os seus encontros no campo situado no terreo que actualmente ocupa a casa do concello carballés: Amistad Obrera, Galicia, Fortuna, Huracán, Español e Bergantiños. En 1923 un grupo de entusiastas carballeses, incondicionais dos parladoiros vespertinos do café La Terraza -actual casino- decidiron crear o primeiro club de fútbol federado da comarca a partir da unión de varios destes equipos presentes na vila e entre os que salientaban o Fortuna e o Hércules. Déuselle o nome de Bergantiños F.C. e foi o seu primeiro presidente Luciano Regueiro Pumpido, rexistrador da propiedade en Carballo e director do casino Sociedad Cultural Recreativa Bergantiños.
O debut do novo equipo tivo lugar o 24 de xuño dese mesmo ano durante as festas do San Xoán, cando con motivo da inauguración do campo Pedras Brancas, lle disputou un trofeo ao Corcubión, conseguindo a primeira vitoria da súa historia por un claro 6-0 ante centos de persoas, de acordo coas crónicas da época. Neste primeiro partido xogaron para o equipo carballés Cándido, Germán, Eduardo, Penedo, Risco, Durán, Valentín, Rafael Caamaño Yurrita, Monteagudo, Fraga e Miguel.
Os primeiros partidos do equipo foron fronte a outros equipos carballeses, como o Huracán ou o Amistade Obrera, así como outros da zona sur da Costa da Morte como o Cee ou o Corcubión, e mesmo contra equipos da área de Santiago de Compostela ou Vigo, como o Turista. O fútbol, acadaba entre os veciños de Carballo e a súa comarca unha gran popularidade. Mais o comezo da guerra civil española deu ao traste co ascenso do fútbol carballés. Durante os tres anos de guerra quedou paralizada toda a actividade deportiva por prohibición das autoridades.
Logo do 39, nova etapa Unha vez finalizada a guerra, Constantino Velo García, "Tino", coa axuda de Siro Piñón e Ruperto Navaza, devolven ao Bergantiños a súa actividade, incorporando ás súas filas xogadores dos equipos de barrio, como o Rayo e o Imperial. Sucederon a Luciano Regueiro na presidencia do Bergantiños, Ricardo Quiroga e Manuel Mariño, entre outros. O equipo volveu con forza na década de 1940 competindo con éxito na Serie A, principalmente contra equipos galegos.
Na tempada 1947-48, loitou por primeira vez polo ascenso a terceira división. No partido de ida vencía en Carballo ao Turista de Vigo por 7-1, mais no choque de volta perdíase por 7-0. Houbo daquela moitas suspicacias sobre a venda dalgún xogador. A segunda tempada que se xogou o ascenso foi na 1952-53 e novamente o verdugo foi o Turista. O resultado en Carballo foi 2-2, e en Vigo 7-2.
Contra finais dos anos 40 e principios dos 50 o club contaba con 450 socios e tiña un orzamento dunhas 800 000 pesetas.
O primeiro equipo filial do Bergantiños, o Bergantiños Atlético, creouse na tempada 1964-65. Militou na Liga da Costa ata a súa desaparición en 1968.
Copa Galicia Na tempada 1968-69 o Bergantiños conquistou a súa primeira Copa Galicia. O equipo carballés derrotou no primeiro partido da final ao Club Turista por 4-0 no campo de Pedras Brancas o 24 de xuño, coincidindo coas festas do San Xoán, e impediu a remontada viguesa no encontro de volta celebrado no Campo de Barreiro en Vigo, malia a perder por 6 goles a 3. Os xogadores que conquistaron a primeira Copa Galicia do club carballés foron: Medal (porteiro), Diéguez, Julio Díaz, Tito Valdés, Paz, Casal, Facal, Moro, Fariña, Javier Fraile, Lolo Periscal, José Antonio Periscal e Paco de Luisa, baixo a dirección de Quique Liñares e o seu axudante Miguel Lendoiro. O papel do campo de Pedras Brancas foi importante para a consecución da Copa, xa que nas sucesivas eliminatorias derrotou 7-1 o Negreira, 4-0 o Marín e 7-1 o Milagrosa de Lugo.
O 24 de xullo de 1971 inaugurouse o Campo do Chorís, que pasou a ser a casa do Bergantiños.
Máis recentemente, na tempada 1984-85, o equipo carballés acada novamente a "Copa Galicia" nesta ocasión, os carballeses enfrontáronse ao Meirás CF, ao que venceron en Carballo por 3-0 con goles de Pibe, Toni Pérez e Alfredo, e perdendo por 1-0, no campo "Ismael Prieto" de Meirás.
Foi precisamente na tempada 1984-85 cando ao Bergantiños chegoulle de novo a oportunidade de loitar polo ascenso a 3ª división; 32 anos pasaran dende o segundo e último intento errado.
Ascenso a Terceira División Na tempada 1984-85, tras unha loita tenaz e sen cuartel, chegouse ao final da competición cun triplo empate entre o Flavia, Sporting Sada e Bergantiños: 59 puntos e 21 positivos. Mais o mellor goal average do Flavia e do Sporting Sada converteunos respectivamente en acredores do título e do dereito a disputar a promoción. O Bergantiños quedou, de novo, ás portas.
O ascenso a 3ª División chegou na tempada 1985-86. Houbo que agardar 63 anos dende a fundación do equipo.
Breve paso pola 2ªB e primeira participación na Copa do Rei Na seguinte tempada, xa con Xulio Díaz no banco, o Bergantiños conseguiu un cuarto posto na Terceira División que lle deu a oportunidade de xogar a fase de ascenso a Segunda B. O club carballés militaría terceira categoría do fútbol español dúas tempadas, a 1987-88 e 1988-89.
O 5 de novembro de 1987, logo de ter superado a Pontevedra, Arousa e Basconia, recibiu ao Rayo Vallecano no partido de volta da cuarta rolda da que era a primeira participación do equipo carballés na Copa do Rei, logo de que o Bergantiños puxera en dificultades ao cadro madrileño no partido de ida, no que caeran por 3 goles a 2. Aínda que o Bergantiños conseguía o 3-1 que o clasificaba para a seguinte rolda no minuto 83, o Rayo empataba a eliminatoria no minuto 89. Finalmente o club de Vallecas impúxose tamén na capital bergantiñá con dous goles na prórroga nun Estadio Municipal ateigado con máis de 3 500 persoas procedentes de toda a Costa da Morte, nunha noite na que o campo carballés estreou unha iluminación que fallaría, motivando unha apagada de máis de media hora antes do partido.
Regreso á 3ª División Na tempada 2013-14, tempada na que o club carballés celebraba o seu 90º aniversario, o Bergantiños regresaba á Terceira División logo dun ano en Preferente. O equipo dirixido por Javier Lavandeira conseguía o ascenso matemático a falta de dúas xornadas no Estadio Municipal Pepe Barrera de Ribadeo fronte ao equipo local grazas a un gol de Dani Becerra. Na tempada do seu regreso á cuarta categoría, o equipo dirixido por Javier Oreiro finalizou na quinta posición con 59 puntos, tres menos que o cuarto clasificado, o Club Deportivo Choco. Con todo, na súa segunda tempada na Terceira División o Bergantiños finalizou na 16ª posición e tivo que agardar a disputa do play-off de ascenso a Segunda B para saber se disputaría un ano máis a cuarta categoría do fútbol español, xa que o descenso do Compostela esa mesma tempada facía que descenderan cinco equipos a Preferente se ningún equipo galego conseguía o ascenso a Segunda B. Finalmente o Boiro conseguía o ascenso á categoría de bronce e os carballeses mantíñanse un ano máis en Terceira División, logo dunha tempada na que o club cesou polos malos resultados a Javier Oreiro en decembro.
No verán de 2016 o Bergantiños fichou o vimiancés Miguel Figueira. Co novo técnico o equipo pasou de estar ao bordo do descenso a Preferente a meterse no play-off de ascenso á segunda B logo de finalizar a liga na cuarta posición. Nas dúas seguintes tempadas o equipo carballés finalizou na segunda posición da liga, disputando de novo o play-off, mais sempre sen éxito.
En 2018 chegou un novo título para a entidade carballesa logo de gañar a fase autonómica da Copa Federación logo de impoñerse nos penaltis ao Ribadumia en Santiago de Compostela no daquela denominado estadio de San Lázaro.
Na tempada 2019-20 quedou emparellado co Sevilla na primeira rolda da Copa do Rei. Despois de que a Federación considerase o campo das Eiroas non apto para o partido, o club solicitou ao Deportivo da Coruña poder xogar a eliminatoria no Estadio de Riazor. Tras unha negativa inicial, finalmente o equipo herculino aceptou a petición e o partido xogouse en dito estadio ante máis de 3.600 espectadores, con vitoria para o Sevilla por 0-1. Esta tempada foi especialmente convulsa no banco do equipo carballés, que en novembro de 2019 viu como Miguel Figueira deixaba o cargo que ostentara durante máis de tres tempadas debido aos malos resultados no inicio da liga, e era substituído polo antigo xogador do club Borja Facal, que non duraría moito no cargo, xa que en xaneiro de 2020 chegou ao club bergantiñán José Luis Lemos.
Ascenso á 2ª RFEF Na tempada 2020-21 o equipo carballés disputou a súa sétima tempada consecutiva en Terceira División. Logo de proclamarse campión do subgrupo galego norte a falta de dúas xornadas para o final da primeira fase, conseguiu o ascenso á que dende a tempada 2021-22 pasou ser o cuarto nivel do fútbol español, a Segunda División RFEF logo de derrotar nas Eiroas ao Arosa SC por 2-1, asegurándose matematicamente a súa participación na nova categoría.
Na tempada 2021-22 o equipo amosouse moi competitivo e mantivo opcións de clasificación para a fase de ascenso á Primeira División RFEF ata a derradeira xornada. Porén, no verán o equipo sufriu moita baixas e realizou moitas fichaxes, con mudanzas en todas as liñas para afrontar a tempada do centenario do club.
Centenario Na tempada 2022-23 o club carballés celebrou o seu centenario cumprindo a súa segunda tempada consecutiva na Segunda División RFEF. Na tempada do centenario o orzamento do club ascendeu ata os 800 000 euros e o número de socios roldaba o milleiro. O equipo debutou o 4 de setembro de 2022 nas Eiroas fronte ao decano do fútbol cántabro, a Gimnástica de Torrelavega, que viña de ascender dende a Terceira RFEF. O debut do equipo saldouse con derrota (2-1), nun campo das Eiroas que acabou sendo un dos grandes hándicaps para o xogo que Lemos quería desenvolver. O equipo non puido mellorar malia a reforzarse coa fichaxe do dianteio Iago Beceiro e, logo de caer fronte o Oviedo-Vetusta (0-2) nas Eiroas, onde só puido sumar 7 puntos de 27 posibles, o Bergantiños e Lemos separaron os seus camiños co equipo en postos de descenso e a sete puntos da salvación. Ao final da tempada, a perda de pezas clave e os reforzos insuficientes acabaron levando o equipo á perda de categoría logo de finalizar na 18ª e derradeira posición da táboa cun rexistro de tan só catro vitorias e dez empates.
Para a tempada 2023-24 o club fichou a Secho Martínez como substituto de José Durán para dirixir o equipo co obxectivo do ascenso. dirixido por Secho Martínez proclamouse campión da Terceira RFEF a falta de tres xornadas para a conclusión da liga logo de gañar á UD Ourense (3-1), regresando así á Segunda RFEF tan só un ano despois do seu descenso.
Nome O nome do club fai referencia á comarca de Bergantiños, na que se encontra Carballo, que é a súa capital. Coa fundación do club en 1923, o seu primeiro presidente, Luciano Regueiro Pumpido, púxolle o nome tomando como referencia a "Sociedad Cultural Recreativa Bergantiños", que el mesmo presidía.
Escudo do club