Pietro Isualles (Isvales, Isvalies), finado en Cesena o 22 de setembro de 1511, foi un eclesiástico católico latino, cardeal e arcebispo de Reggio Calabria, e administrador de varias sés estranxeiras. Traxectoria Naceu nunha familia de orixe español, probablemente en Messina, a mediados do século XIV. Foi coéngo do capítulo catedralicio de Messina, e vigairo xeral da arquidiocese; posteriormente en nomeado 1485 prior da igrexa da Santa Cruz e abade do mosteiro de Santa María de Bordonaro.
Trasladouse a Roma, onde foi nomeado protonotario apostólico, e gobernador da cidade dende o 11 de agosto de 1496 até o 16 de novembro de 1500. O 18 de febreiro de 1497 foi elixido arcebispo de Reggio Calabria. Recibiu a consagración episcopal na Capela Sistina o 4 de xuño do mesmo ano, de mans do arcebispo de Cosenza Bartolomeo Flores. Pouco despois, levou a cabo un proceso legal contra o mesmo Flores, xulgado ao ter sido acusado de falsificar e vender bulas papais, polo que foi excomungado e encerrado. De xeito similar, en 1498 levou a cabo o proceso contra o bispo de Calahorra Pedro de Aranda, acusado de herexía, quen tamén foi encerrado. Malia ser arcebispo de Reggio Calabria, non residiu na diocese, que administrou a través do seu vigairo xeral Bernardino Bosurgi.
O 28 de setembro de 1500 o papa Alexandre VI creouno cardeal. Neses momentos Italia, e polo tanto os Estados da Igrexa, sufrían a amenaza da expansión dos otománs; o papa Alexandre VI comezou a organizar unha Liga contra dito perigo, e nun consistorio do 5 de outubro de 1500 nomeou a Isualles legado ante os reis de Polonia e Hungría; no mesmo consistorio recibiu o título de cardeal-presbítero de San Ciriaco alle Terme di Diocleziano. Logo dunha estancia en Venecia en decembro para definir os termos da súa incorporación á Liga, chegou a Hungría a comezos de 1501, e o 13 de maio foi asinada a Liga entre Ladislau II, Isualles e o veneciano Barbarigo. Os resultados da campaña militar non foron bos, e en 1503 foi asinada a paz cos otománs.
Isualles foi nomeado administrador apostólico da diocese de Veszprém o 21 de xuño de 1503; en setembro do mesmo ano volveu a Roma, logo do pasamento de Alexandre IV. Chegou á cidade o 24 de outubro, e participou no conclave que elixiu papa a Xulio II. Logo de dirixir a diocese a distancia a través dun vigairo xeral, o 24 de xullo de 1506 renunciou á sé de Reggio Calabria en favor do seu irmán Francesco. Pouco despois, a partir de agosto do mesmo ano, participou na expedición militar papal para recuperar Perugia e Boloña, que se prolongou até finais do ano.
O 19 de maio de 1507 foi nomeado cardeal protector de Polonia, Hungría e Bohemia, o 18 de agosto cardeal-presbítero de Santa Pudenziana, e o 7 de xuño de 1508 foi nomeado administrador apostólico da diocese de Ourense; non foi bispo residente na diocese, e delegou no seu amigo Diego de Muros a administración da sé. En 1508 estivo novamente na corte de Ladislau II como emisario para tratar de recuperar da herexía aos fosarianos, e en 1509 foi enviado para tomar o control de Tívoli. En maio de 1510 foi nomeado arcipreste de Santa María a Maior e ao mes, o 21 de xuño, administrador apostólico da arquidiocese de Messina.
Finou en Cesena o 22 de setembro de 1511; o seu corpo foi trasladado a Roma e enterrado na basílica de Santa María a Maior.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Nados no século XV Categoría:Nados na provincia de Messina Categoría:Finados en 1511 Categoría:Bispos católicos de Italia Categoría:Bispos católicos de España Categoría:Bispos católicos de Hungría Categoría:Bispos da diocese de Ourense Categoría:Cardeais de Italia Categoría:Cardeais creados por Alexandre VI