José Fernández y Neira, nado na Coruña en 1790, foi un escritor e militar galego.

Traxectoria Foi secretario da Xunta Suprema do Reino de Galicia trala invasión francesa, foi adscrito á contadoría da Fábrica de Tabacos da Palloza da Coruña. Coa chegada dos franceses a Galicia converteuse en guerrilleiro, percorreu Galicia incitando os galegos á rebelión. Uniuse ao Marqués de la Romana na súa loita contra o exército francés. A súa primeira fazaña militar tivo como escenario a parroquia da Xesta (Lalín), onde se apoderou do correo diplomático que o gobernador interino de Santiago lle enviaba ao de Ourense, e entregoullo á Xunta subalterna de Monforte de Lemos. Ferido en campaña, incorporouse á administración galega, sendo destinado, en xuño de 1809, a administrar os hospitais da Torre, en Borraxeiros (Agolada) e o de Gaión, en Amoeiro, e en xullo volveu encargarse da contadoría da Fábrica de Tabacos da Palloza.

miniatura|Proezas de Galicia (PDF).

Liberal exaltado, exiliouse en 1814. Retornou en 1820 e a Xunta de Galicia encomendoulle comisións como a liquidación das rendas da Inquisición, ocupación das temporalidades do arcebispo por abandonar a diocese, ocupación e administración dos bens dos realistas fuxidos. En recompensa, a Xunta nomeouno oficial primeiro da Deputación da Coruña. En 1823 foi depurado e suspenso de emprego e soldo ata 1825, ano en que volveu ao seu posto na administración de facenda.

Obra Escribiu, como propaganda bélica, a primeira obra de autor coñecido en galego da época contemporánea, as Proezas de Galicia, explicadas baxo la conversación rústica de los dos compadres, Chinto y Mingote (1810), que foi reeditada por Andrés Martínez Salazar en 1893, con ilustracións de Román Navarro e Urbano González. Con esta obra perseguía a excitación dos galegos contra os galos, e dá por válidos e, mesmo merecentes de gabanza, toda clase de métodos de loita contra eles. Empregou un galego moi fluído e cheo de rexistros propios da lingua oral, con exclamacións, expresións populares, apelacións e cortes sintácticos. En 1984 foi reeditada, de novo, dentro da colección da Editorial de los Bibliófilos Gallegos.

Véxase tamén Bibliografía

Proezas de Galicia en Papés d'emprenta condenada II, 2012, Consello da Cultura Galega.

Outros artigos Proezas de Galicia Ligazóns externas Proezas de Galicia: Edición de 1810 e edición de 1893 Real Academia Galega.

Categoría:Escritores de Galicia coa obra no dominio público Categoría:Escritores de Galicia en lingua galega Categoría:Nados na Coruña Categoría:Nados en 1790 Categoría:Militares de Galicia Categoría:Finados en ano descoñecido