Thriller é o sexto álbum de estudio gravado polo artista estadounidense Michael Jackson. Editouno a casa Epic Records o 30 de novembro de 1982 tras o éxito de Off the Wall en 1979, explorando xénoros similares incluíndo funk (Billie Jean ou Thriller), rock duro (Beat It) música disco, soul (Baby be mine), R&B, e pop (The Girl Is Mine) con letras sobre a paranoia e o sobrenatural. Quincy Jones chegou a discutir con Ivan Lins a inclusión da canción en portugués "Novo Tempo" no disco.
O álbum contou cun presuposto de 750.000 dólares e as gravacións realizáronse entre abril e novembro de 1981 nos Westlake Recording Studios dos Ánxeles, coa colaboración do produtor Quincy Jones. Jackson escribiu catro dos nove temas. Tras o lanzamento do primeiro sinxelo "The Girl Is Mine", no que Jackson canta a dúo con Paul McCartney, parecía que ía ser un éxito menor; co segundo sinxelo, "Billie Jean", o álbum chegou ó alto das listas en moitos países, chegando a vender medio millóns de discos por semana e ó ano converteuse no álbum máis vendido de todos os tempos, e aínda permanece como tal, cuns 110 millóns de discos vendidos. Sete das nove cancións editáronse como sinxelos, e todas chegaron ás dez primeiras do Billboard Hot 100. Nos premios Grammy de 1984 obtivo oito premios.
Thriller outorgoulle definitivamente a Jackson a categoría de estrela predominante do pop de finais do século XX, converteuse nun símbolo dos anos 80 e rompeu as barreiras raciais coas súas aparicións na MTV e as súas entrevistas con Ronald Reagan na Casa Branca. O álbum foi tamén un dos primeiros en utilizar con éxito videoclips como ferramenta promocional; o vídeo de "Thriller" dirixido por John Landis está considerado como un dos mellores nunca realizados.
No ano 2001 editouse unha edición especial do álbum, incluíndo material inédito, e en 2008 foi de novo editado como Thriller 25, contendo remixes de artistas contemporáneos, ademais dunha canción inédita e un DVD
Listaxe de cancións
Notas
Véxase tamén Outros artigos Lista dos discos máis vendidos
Categoría:Álbums de Michael Jackson Categoría:Álbums musicais de 1982 Categoría:Álbums de Epic Records