José Fernando Carrillo Ugarte, nado en Lima o 8 de marzo de 1949, é un profesor e político galego de orixe peruana.

Traxectoria Naceu no distrito de Lince, na cidade de Lima, no Perú. Fillo do avogado Eduardo Carrillo León e de Alicia Vitoria Ugarte del Pino.

Logo de facer os estudos primarios e secundarios no colexio Marista San Luis de Barranco, en 1967 ingresou na Casa de Formación da Congregación dos Irmáns Maristas no distrito de Santa Eulalia. Trasladouse a Peñafiel (provincia de Valladolid) para facer o postulantado e noviciado, e regresou a Lima para seguir os estudos na Escola Normal Superior Marcelino Champagnat, obtendo o título de Profesor de Educación Secundaria en Relixión e Filosofía. Deu clase nos Colexios Champagnat de Chosica, San Luis de Barranco e San José do Callao, ademais de realizar estudos en Orientación do Educando e de Historia do Perú na Pontificia Universidade Católica do Perú (Inst. Riva Agüero).

En 1975 deixou a Congregación Marista. Trasladouse a Madrid un ano despois cunha bolsa do Instituto de Cultura Hispánica para facer o Curso de Innovación de Sistemas Educativos, outros cursos de formación do profesorado no ICE da Universidade Complutense de Madrid, obtendo, finalmente, o título de Licenciado en Filosofía e Letras: Sección de Filosofía. Xa en Fisterra, deu clase en Primaria e Secundaria no Colexio da Nosa Señora do Carme.

Política En 1988 foi elixido concelleiro en Fisterra polo CDS. En 1991 foi elixido alcalde co apoio do PP, pero 9 meses despois asinou un pacto coas forzas políticas entón na oposición (PSdeG e BNG), que pasaron a formar parte do novo goberno.

En 1995, pasou a ocupar o cargo de 1º tenente de alcalde e responsable da área de Cultura e Deportes. Tralas eleccións de 1999 quedou como portavoz municipal do grupo do CDS, na oposición. En 2003, abandonou a política activa.

Escribiu numerosos artigos da historia de Fisterra e de análise política, que foron publicados nos diarios La Voz de Galicia e O Correo Galego. Vida persoal

Casou en 1978 Fisterra con Josefa Lago Lizancos, coa que ten tres fillos.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Eleccións municipais en Fisterra

Categoría:Alcaldes de Fisterra Categoría:Alcaldes de Galicia durante a democracia Categoría:Alcaldes de Galicia polo CDS Categoría:Nados en Lima Categoría:Nados en 1949