Josefa Juncal Barreiro, máis coñecida como Josefa ou Xosefa de Bastavales, nada en Santaia (Santaia de Gorgullos, Tordoia) o 20 de xullo de 1932 e finada o 2 de outubro de 2024 en Bastavales (Brión), foi unha pandeireteira galega.
Traxectoria Nacida no lugar de Santaia, no concello de Tordoia, cando fixo os dezaseis anos, os seus pais foron vivir á parroquia de Bastavales, en Brión. A pesar de deixar de vivir en Tordoia, Josefa seguiu mantendo contacto co seu concello natal, e ía con frecuencia ás súas romarías. Por medio dun veciño que tocaba o acordeón nas celebracións relixiosas na igrexa de Bastavales, comezou o seu interese na música e aprendeu a tocar ese instrumento e tamén a pandeireta, de xeito autodidacta, ademais de cantar música tradicional.
A súa vida pegou un xiro xa cunha idade avanzada, cando o xornalista e escritor vilalbés Ramón Chao mercou unha casa en Bastavales, e ambos trabaron amizade. Así coñeceu tamén ao fillo deste, o célebre músico galego-francés Manu Chao, co que comezou a tocar a pandeireta e a cantar, do mesmo xeito que con Xurxo Souto, converténdose nunha figura do movemento bravú. Con preto de 70 anos foi con Manu Chao de xira, actuando en lugares como Barcelona, Lión ou o Festival Intercéltico de Lorient."Josefa, a pandereteira de Manu Chao"; "A veciña de Bastavales, con 72 anos de idade, estivo de xira por terras de España e Francia canda o intérprete de orixe galega durante 9 meses" Artigo en TierrasDeSantiago.com (23 de xaneiro de 2007)
Durante eses anos colaborou en diversos programas de televisión, visitou distintos lugares da xeografía galega e compartiu escenario con distintos grupos e artistas de recoñecido prestixio tanto a nivel nacional como internacional como Os Diplomáticos de Monte-Alto, Cristina Pato, Susana Seivane, Fuxan os Ventos, Mercedes Peón, Compay Segundo ou o grupo de música folk irlandés The Chieftains.
Faleceu en Bastavales o 2 de outubro de 2024, aos 92 anos de idade.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Vídeo musical: Josefa de Bastavales e Manu Chao Homenaxe a Xosefa na Gentalha do Pichel.
Categoría:Músicos de Galicia Categoría:Nados en Tordoia Categoría:Nados en 1932 Categoría:Personalidades da música e o baile tradicional de Galicia Categoría:Cantantes en lingua galega Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes categoría:Finados en 2024 Categoría:Cantareiras galegas