250px|miniatura|O planeta Terra. A historia da Terra abarca os acontecementos sucedidos desde a súa formación, a partir da nebulosa solar xunto co Sol e os outros planetas do sistema solar, hai uns 4.500 millóns de anos, até a actualidade.
A Lúa formouse máis tarde, posibelmente como resultado do impacto dun obxecto do tamaño de Marte.
A primeira molécula autorreplicante apareceu hai 4.000 millóns de anos aproximadamente.
Orixe da Terra
miniatura|250px|Representación hipotética da formación do sistema solar.
A Terra comezou cando a formación do sistema solar estaba tomando forma, probabelmente dentro dunha gran nube de gas e po cósmico en torno ao Sol (nebulosa solar). A abundancia relativa dalgúns dos elementos máis pesados no sistema solar suxire que o gas e o po cósmico derivaban dunha supernova. Algúns elementos pesados xéranse dentro das estrelas pola fusión nuclear do hidróxeno, elementos que, doutra maneira, serían pouco comúns. Procesos similares podémolos ver hoxe en nebulosas.
O Sol formouse dentro dunha nube de gas e po, e comezou a emitir luz e calor debido a que nel comezaron as reaccións de fusión nuclear.
As partículas que orbitaban o Sol comezaron a unirse en corpos maiores, coñecidos como planetésimos, que continuaron agregándose en planetas maiores, e o material "restante" deu forma a asteroides e cometas.
Como as colisións entre planetésimos grandes liberan moita calor, a Terra e os outros planetas estaban fundidos ao comezo da súa historia. A solidificación do material fundido aconteceu cando a Terra comezou a arrefriar. Os meteoritos máis vellos e as rochas lunares teñen aproximadamente 4.500 millóns de anos, pero a rocha terrestre máis vella da terra coñecida actualmente ten só 3.800 millóns de anos.
Nalgún momento, durante os primeiros 800 millóns de anos da súa historia, a superficie da Terra mudou do estado líquido ao sólido. Unha vez que se formaron as rochas duras comezou na Terra a súa historia xeolóxica. Isto aconteceu probabelmente antes de 3.800 millóns de anos atrás, pero non existen evidencias diso; seguramente a erosión e o tectonismo destruirían todas as rochas existentes até hai 3.800 millóns de anos. O comezo do rexistro das rochas que existen actualmente na Terra é no Arcaico, eón xeolóxico situado entre o Hadeico e o Proterozoico, entre 3.800 e 2.500 millóns de anos antes do presente.
Orixe da Lúa
miniatura|dereita|230 px|Representación do impacto xigante, hipótese de como se formou a Lúa.
A orixe da Lúa é incerta, pero as similitudes dos elementos encontrados tanto na Lúa como na Terra indican que ambos os corpos poden ter tido unha orixe común. Neste aspecto, algúns astrónomos e xeólogos opinan que a Lúa se formaría por desprendemento, debido á forza centrífuga, dunha masa incandescente de rocha líquida primordial da Terra.
Outra hipótese, actualmente máis aceptada, é a de que un planeta desaparecido e denominado Theia ou Tea, aproximadamente do tamaño de Marte, nos principios da formación da Terra, chocaría co noso planeta. Tal colisión desintegraría totalmente o planeta Theia e forzaría a expulsión de anacos de rocha líquida. Estes pequenos corpos condensaríanse nun corpo único (a Lúa), que quedaría aprisionado polo campo gravitacional da Terra. Esta teoría recibe o nome de Big Splash ou grande impacto.
Hai aínda outro grupo de teóricos que cren que, sexa cal fose a forma na que xurdiran, habería dous satélites naturais orbitando a Terra: o maior sería a Lúa, e o menor acabaría chocando coa Terra, formando masas continentais.
Orixe da vida
A atmosfera primitiva
Podemos comprender razoabelmente a historia da atmosfera da Terra até hai 1.000 millóns de anos atrás. Retrocedendo no tempo podemos só especular, pois este é un asunto aínda en constante investigación.
A atmosfera actual denomínase terceira atmosfera para distinguir a composición química actual das dúas composicións anteriores.
A primeira atmosfera estaba constituída principalmente por helio e hidróxeno. A calor proveniente da codia terrestre aínda en forma de plasma, e o Sol, disipárona.
Hai aproximadamente 3.500 millóns de anos, a superficie do planeta arrefriara xa o suficiente como para formar unha codia endurecida, chea de volcáns que liberaban vapor de auga, dióxido de carbono e amoníaco. Desta forma xurdiu a segunda atmosfera que estaba formada principalmente por dióxido de carbono e vapor de auga, amoníaco, metano e óxidos de xofre. Nesta segunda atmosfera case non había oxíxeno libre, e era aproximadamente 100 veces máis densa do que a atmosfera actual. 250px|miniatura|Utilización da enerxía do Sol na atmosfera.
Crese que o efecto invernadoiro, causado polos altos niveis de dióxido de carbono, impediu que a Terra conxelara. Durante os próximos millóns de anos, debido ao arrefriamento, o vapor de auga condensou para precipitar chuvia e formar os océanos, que comezaron a disolver o dióxido de carbono. Así seria absorbido o 50 % do dióxido de carbono nos océanos.
Máis tarde xurdirían organismos fotositetizadores que evolucionarían e comezarían a absorber dióxido de carbono e converter auga en oxíxeno. Co paso do tempo, o carbono en exceso foi fixado en combustíbeis fósiles, rochas sedimentarias (notabelmente calcarias), e cunchas de animais. Estando o oxíxeno libre na atmosfera reaccionou co amoníaco, e liberouse así nitróxeno. Simultaneamente, algunhas bacterias tamén iniciaron a conversión do amoníaco en nitróxeno. Aumentando a poboación vexetal, os niveis de oxíxeno creceron significativamente (mentres que os niveis de dióxido de carbono diminuíron).
Ao principio, o oxíxeno combinouse con varios elementos (como o ferro), pero eventualmente acumulouse en grandes cantidades na atmosfera, co resultado de extincións masivas de especies e favorecendo a evolución das restantes. Coa aparición dunha capa de ozono, a ozonosfera, as formas de vida no planeta quedaron mellor protexidas da radiación ultravioleta. Esta atmosfera de oxíxeno-nitróxeno é a 'terceira atmosfera.
Células procariotas
Hoxe sabemos que a vida apareceu na Terra hai uns 4 000 millóns de anos. En Australia hai anos atopáronse unhas formacións rochosas en forma de columnas ou de cúpulas chamadas estromatólitos que tiñan unha antigüidade duns 3 500 millóns de anos e, canda elas, fósiles que recordan fileiras de células semellantes ás das actuais algas azuis ou cianobacterias. miniatura|250px|esquerda|Estromatólitos na baía de Shark, en Australia.
Por outra parte, en Groenlandia atopáronse rochas sedimentarias formadas hai máis de 3 800 millóns de anos (son as máis antigas das encontradas até agora). A presenza de rochas sedimentarias proba que naquela época xa existía auga, indispensábel para a vida. Ademais, nestas rochas acháronse indicios da presenza de carbono.
As primeiras formas de vida naceron en augas quentes, superficiais e tranquilas do mar, ao abrigo dos raios ultravioleta do Sol. Eran pequenas esferas protexidas por unha membrana e tiñan a capacidade de dividírense. Co paso do tempo, estas primitivas "máquinas" vivas uniríanse a corpúsculos capaces de realizar a fotosíntese, a respiración e a reprodución. Converteríanse así en verdadeiras células. Até hai aproximadamente un millón de anos os habitantes da Terra eran seres microscópicos (semellantes aos organismos unicelulares de hoxe) que vivía illados ou agregados en grandes colonias.
A vida probabelmente estivo presente durante todo o Arcaico, aínda que limitada a simples organismos unicelulares anucleados (procariotas), pois non hai fósiles de eucariotas tan antigos. Fósiles de cianobacterias (estromatólitos) encóntranse por todo o Arcaico, sendo especialmente comúns ao final do éon, mentres que uns poucos fósiles probábeis de bacterias encontráronse en certos depósitos de chert. Ademais do dominio Bacteria, tamén se identificaron microfósiles de extremófilos do dominio Archaea.
Non se coñecen, porén, fósiles de eucariotas, aínda que pode que evolucionaran durante o Arcaico e, simplemente, non deixaron restos fósiles.
Células eucariotas
A evolución posterior destas células primitivas pode esquematizarse do seguinte xeito:
As primeiras células, procariotas, nutriríanse de materia orgánica no caldo primitivo, descompoñendo, por exemplo, azucres mediante fermentacións, sendo, polo tanto, heterótrofas anaerobias, xa que aínda non había oxíxeno na atmosfera terrestre. A medida que a materia orgánica foi escaseando, a evolución por selección natural conduciría á aparición da capacidade para fixar nitróxeno atmosférico. Estas primitivas células terían tamén mecanismos de reparación do seu material xenético (ADN), xa que os raios ultravioleta —que causan mutacións (cambios) no ADN— chegarían con grande intensidade á superficie da Terra ao non existir aínda o filtro da capa de ozono. Algunhas destas células desenvolverían a capacidade de produciren pigmentos captadores de enerxía luminosa. Comezaría así a fotosíntese, pero sen produción de oxíxeno, xa que a fonte de hidróxeno serían compostos de xofre, ou mesmo H2 atmosférico, non a auga. Trataríase, por tanto, de organismos fotosintetizadores anaerobios. O seguinte paso daríano aquelas células que puideran obter o hidróxeno mediante a fotólise da auga. Deste xeito aparecería a fotosíntese con produción de oxíxeno. Este feito sería transcendental para a evolución posterior da vida, xa que pouco a pouco foi diminuíndo a cantidade de dióxido de carbono (CO2) na atmosfera e aumentando a cantidade de osíxeno (O2: a atmosfera puido así pasar de ser redutora a oxidante, abrindo a posibilidade para a existencia de seres aerobios. Estes organismos serían as cianobacterias. A gran competencia que sufrirían as bacterias anaerobias faría que algunhas destas evolucionaran cara á adquisición dun metabolismo aerobio, posibilitado pola presenza de osíxeno na atmosfera. Nacería así a respiración, coas primeiras bacterias aerobias. Por último, hai uns 1 800 millóns de anos, xurdiron as primeiras células eucariotas, dotadas de compartimentos con membrana, como o núcleo, que encerra o material xenético. A súa complexidade e alto grao de organización supuxo outro cambio importante na evolución.
Teoría endosimbiótica
250px|miniatura|Esquema da endosimbiose. Tanto as mitocondrias como os cloroplastos posúen ADN bastante diferente do que existe no núcleo celular e en cantidades semellantes ao das bacterias. As mitocondrias utilizan un código xenético diferente do da célula eucariótica hospedeira e semellante ao das bacterias. Ambos os orgánulos encóntrase rodeados por dúas (ou máis) membranas, e a máis interna ten diferenzas na composición en relación coas outras membranas da célula, e semellanzas coas dos procariotas. Ambos os orgánulos fórmanse por fisión binaria, como é común nas bacterias. Nalgunhas algas, como a Euglena, os cloroplastos poden ser destruídos por certas substancias químicas ou por ausencia prolongada de luz, sen que iso afecte a célula (que se volve heterótrofa); ademais, cando isto acontece, a célula non ten capacidade para rexenerar os seus cloroplastos. Moitas das estruturas e a bioquímica dos cloroplastos como, por exemplo, a presenza de tilacoides e tipos particulares de pigmentos, son moi semellantes ás das cianobacterias. Análises filoxenéticas de bacterias, cloroplastos e xenomas eucarióticos tamén suxiren que os cloroplastos están relacionados coas cianobacterias. A secuencia do ADN dalgunhas especies suxire que o núcleo celular contén xenes que aparentemente veñen de cloroplastos. Tanto as mitocondrias como os cloroplastos posúen xenomas moi pequenos, en comparación con outros organismos, o que pode significar un aumento da dependencia destes orgánulos despois da simbiose facerse obrigatoria ou, mellor, pasar a ser un organismo novo.