Este artigo fai referencia a entidades que non están oficialmente recoñecidas pola maioría dos distintos gobernos ou dos principais organismos internacionais, para entidades habitualmente aceptadas, mais xeograficamente minúsculas véxase microestado.

Unha micronación, tamén coñecida como país-modelismo, proxecto de novo país, república ficticia, ou aínda, simulación de país, é unha entidade que parece unha nación independente ou un estado soberano pero que non é aceptado como tal polo conxunto da comunidade internacional (organismos internacionais, os diferentes gobernos nacionais etc.). Acotío as denominadas micronacións existen só sobre o papel, en Internet ou mesmo só na imaxinación dos seus creadores e seguidores. As micronacións ou movementos micronacionalistas difiren dos movementos nacionalistas de índole independentista ou auto-determinista en que son comunmente vistos como actos de excentricidade, de natureza efémera e que a miúdo son creados e mantidos por unha soa persoa, familia ou grupo reducido de persoas.

Algunhas micronacións tentaron estender a súa actividade ao mundo físico acuñando moeda propia, selos, bandeiras, pasaporte, himno etc. A través destas accións preténdese lexitimar a súa propia existencia e poden ir acompañadas de reivindicacións de soberanía sobre un espazo xeográfico real.

O termo micronación vense utilizando cando menos desde a década de 1970 The People's Almanac #2, páxina 330. no ámbito anglosaxón para referirse a unha serie de miles de pequenas entidades semellantes a estados que non foran recoñecidas amplamente a nivel internacional e que proliferaron desde estes anos. Porén, o termo tamén foi empregado retroactivamente para moitas das realidades políticas de vida efémera que durante o século XIX non chegaron a ser recoñecidas plenamente.

Definición Habitualmente as entidades que son recoñecidas como micronacións comparten unha serie de características: Reclaman o seu recoñecemento como estados soberanos pero a maioría dos estados e organismos internacionais non os recoñecen como tal. Son moi pequenos, tanto xeograficamente como demograficamente. Aqueles que reivindican os seus dereitos sobre algún territorio, adoitan limitar as súas pretensións a un espazo moi limitado. Aínda que algunha micronación acredite contar con varios centos ou mesmo milleiros de habitantes ou membros, normalmente só contan cunha ou dúas persoas que participan activamente. Reproducen algúns (ou case todos) os símbolos e instrumentos dos estados comunmente aceptados: cargos institucionais, títulos, moeda, bandeira, embaixadas etc. Porén estes non adoitan ser recoñecidos fóra das súas propias comunidades ou tan só por outras micronacións afíns. Tamén acostuman ter repercusión entre os coleccionistas (numismática, filatelia).

Estes criterios poden distinguir o que é unha micronación doutras entidades de índole semellante pero que non procuran habitualmente ser recoñecidas como soberanas, caso dos países imaxinarios, ecoaldeas, seitas, clans etc. Outra diferenza importante é a existente con aquelas entidades que manteñen relacións diplomáticas con outras nacións ou estados do mundo sen estaren formalmente recoñecidas elas mesmas por outros estados ou por organismos internacionais (caso da República da China - Taiwán, o Sáhara Occidental, o Tíbet, Palestina ou Israel), as micronacións diferéncianse destas en que non manteñen relacións diplomáticas con outros estados ou nacións aceptados internacionalmente ou outros organismos como a ONU. Por último encontraríamos unha última distinción entre as micronacións e aquelas entidades que exercen control efectivo ou militar sobre un territorio, mesmo non sendo recoñecidas internacionalmente, casos por exemplo de Osetia do Sur, Abkhazia ou Transnistria, así como daqueles territorios controlados por algunha guerrilla ou por algunha das faccións enfrontadas nunha guerra civil.

O termo "micropatroloxía" é usado para definir o campo de estudo que se ocupa da análise das micronacións e dos microestados, algúns destes estudosos utilizan o termo "macronación" en oposición ás micro.

Historia Orixes e evolución Existen varios exemplos na historia de entidades que poden ser consideradas como antecedentes das micronacións, como pode ser o caso do principado creado no territorio da Illa de Elba para ser rexentado por Napoleón Bonaparte e que, ao mesmo tempo, lle serviría de lugar de exilio. A illa neste período non era esencialmente unha nación, pois estaba supeditada ao control dos inimigos de Bonaparte e a súa creación non foi produto das aspiracións dos habitantes da illa. Mais o fenómeno das micronacións, propiamente dito, nace parello ao desenvolvemento do concepto de estado-nación do século XIX. A maioría das primeiras micronacións nacidas neste período foron fundadas por excéntricos aventureiros ou homes de negocios dedicados á especulación, chegando algunha a ter certo éxito. Un dos primeiros exemplos é o das Illas Cocos, gobernada pola familia Clunies-Ross entre 1827 até 1978 (aínda que as illas foran administradas por Australia desde 1955) ou de Sarawak, gobernada polos "Raxás Brancos" da familia Brooke.

Outras micronacións menos existosas foron a Long Republic (1819–1820), no actual estado de Texas (Estados Unidos), a Republic of Indian Stream (1828–1835), que actualmente é a cidade de Pittsburg (Nova Hampshire), o Reino da Araucania e a Patagonia (1860-1862) no sur da Arxentina e parte de Chile, ou o Reino de Sedang (1888-1890) na Indochina francesa. Outra antiga micronación que se mantén na actualidade como a máis antiga é o Reino de Redonda fundado no Caribe en 1865. Aínda fracasando no seu intento por se converter nun Estado con independencia recoñecida, conseguiu sobrevivir até os nosos días como un caso único de entidade literaria co seu propio rei e aristocracia (se ben na actualidade existe certa controversia con até catro persoas que reclaman o trono).

En 1882 a raíz dun conflito laboral que rematou cunha folga, un grupo de inmigrantes xenoveses decidiron independizar o barrio de La Boca de la Argentina. Asinaron unha acta na que informaron ao Rei de Italia que constituíran a "República Independente de La Boca" e izaron a súa bandeira. O Xeneral Julio Argentino Roca, daquela Presidente da Nación, acudiu en persoa ao lugar co exército, quitando a bandeira xenovesa izada nun mastro e solucionando o conflito.

Xa a comezos do século XX, Martin Coles Harman, propietario da illa británica de Lundy (situada na canle de Bristol), autoproclamouse rei da illa acuñando a súa propia moeda e timbre para o uso nese territorio. Porén, Harman nunca chegou a proclamarse independente do Reino Unido, polo que Lundy só pode ser considerado como un antecedente das posteriores micronacións de carácter territorial. Outro exemplo é o do Principado de Baldonia Exterior, un con situado na costa de Nova Escocia, que foi fundado por un executivo da Pepsi Cola Company chamado Russell Arundel en 1945, a poboación no momento compúñase de 69 pescadores.

1960 - 1980 Os anos 1960 e 70, foron testemuña do agromar dun gran número de micronacións de carácter territorial. A primeira delas foi o Principado de Sealand, que foi estabelecido en 1967 sobre unha plataforma mariña abandonada que fora utilizada como forte militar durante a segunda guerra mundial, está no Mar do Norte fronte as costas de Inglaterra e aínda existe. Outras micronacións fundáronse seguindo principios idealistas de influencia libertaria, utópica ou ecoloxista con proxectos que pasaban pola construción de illas artificiais mais só tres deste tipo conseguiron atinxir certo éxito.

A República da Illa das Rosas era unha plataforma de 400 m² construída en 1968 en augas do Adriático a uns 7 Km da cidade italiana de Rimini. Tiña os seus propios selos e declarou o esperanto como lingua oficial. Pouco despois da súa finalización a plataforma foi tomada e destruída pola armada italiana por non teren pagado os impostos ao estado.

A finais dos 60, Leicester Hemingway, irmán do autor Ernest Hemingway, viuse involucrado noutro proxecto semellante: unha pequena plataforma de madeira en augas internacionais da costa occidental de Xamaica á cal chamou Nova Atlantis. Hemingway era cidadán e Presidente porén a estrutura quedou danada polas treboadas e sufriu saqueos por parte de pescadores mexicanos. En 1973, Hemingway mudouse desde Nova Atlantis até unha nova plataforma preto das Bahamas que recibiu o nome de Terra do Mar (Ernest Hemingway, pola súa parte, instalouse en Key West, Florida, no que chegaría a ser unha nova micronación, a República da Concha).

A República de Minerva foi establecida en 1972 como un proxecto libertario de novo país por un home de negocios de Nevada chamado Michael Oliver. O equipo de Oliver levou adiante traballos de dragado nos arrecifes de Minerva ao Sur de Fiji, no océano Pacífico, conseguindo criar unha pequena illa artificial, mais fracasaron nas tentativas de conseguir recoñecemento internacional chegando a sufrir o ataque militar dos seus veciños de Tonga que anexionaron a illa.

O 1 de abril de 1977, Richard Booth declarou a vila galesa de Hay-on-Wye como reino independente e a el mesmo coma o seu monarca. A vila experimentou un incremento moi notábel do turismo baseado en intereses literarios e o "Rei Richard" (cuxo cetro era unha escobiña de baño) continúa a repartir títulos e honras a aquelas persoas dispostas a pagar por elas.

A explosión micronacional australiana As actividades micronacionais convertéronse en algo absolutamente común en Australia durante as últimas décadas do século XX. A continuación enuméranse as máis coñecidas: O Principado de Hutt River fundado en 1970 como consecuencia das disputas mantidas por Leonard Casley a causa das taxas sobre o cereal que o levaron a declarar a independencia das súas propiedades. A Provincia de Bumbunga foi creada en 1976 nunha propiedade rural preto de Snowtownpor un excéntrico británico de ideoloxía monárquica. O Estado Soberano de Aeterna Lucina creado nun casarío de Nova Gales do Sur en 1978. O Grande Ducado de Avram no Oeste de Tasmania a finas dos 70 por un activista en contra das taxas. En Victoria fundouse o Estado Independente de Rainbow Creek en 1979. O Imperio de Atlantium estableceuse en Sydney, en 1981 como un goberno global de carácter non-territorial. Unha disputa pola extinción dunha hipoteca levou a George e Stephanie Muirhead de Rockhampton, Queensland, a proclamar a breve secesión do Principado de Marlborough en 1993. O Principado da Oceanía Unida foi proclamado o 1 de maio de 2003. O Principado de Snake Hill naceu en 2003 preto de Mudgee en Nova Gales do Sur. A cabeza de estado é o Príncipe Paul e a constitución baséase nos Dez Mandamentos. O O Reino gay e lésbico das Illas do Mar do Coral foi creado en 2004 como unha protesta política e simbólica dun grupo de activistas polos dereitos homosexuais do Sueste de Queensland. A Federación Unida de Koronis, con base en Australia, reclama o grupo de asteroides Familia Koronis como o seu territorio. O Principado de Ponderosa, nunha pequena granxa de Victoria do Norte, acadou certa sona en 2005 cando os seus fundadores, Vergilio e "Little Joe" Rigoli foron arrestados por fraude.

A era de Internet